Milesios participa na final dun concurso tres anos despois de clasificarse

O certame extremeño Folk en la Sierra seleccionara no 2012 seis grupos entre os 30 presentados, pero só tres poden actuar o día 8
Compóñeno Noelia Farsán (gaita), Paula Veiga (violín), Senén Montero (voz, perscusións, acordeón), Manuel María Veiga (baixo, bouzouki, mandolina, requinta, gaita, acordeón), Marta Portela (voz, pandeireta, pandeiro) e Moucheiro (voz, guitarra, bouzouki)
photo_camera Compóñeno Noelia Farsán (gaita), Paula Veiga (violín), Senén Montero (voz, perscusións, acordeón), Manuel María Veiga (baixo, bouzouki, mandolina, requinta, gaita, acordeón), Marta Portela (voz, pandeireta, pandeiro) e Moucheiro (voz, guitarra, bouzouki)

O grupo folk Milesios, de Castro de Rei, participará o vindeiro sábado, día 8, na final do certame Folk en la Sierra FIS 2012, que se disputa na localidade extremeña de Fregenal de la Sierra, en Badajoz. Nada fóra do común, se non fose polo feito de que este concurso se convocou no 2012, cando se clasificou o grupo chairego, pero a perda de axudas impediu que a final se disputase tal e como estaba previsto.

Tres anos despois, os organizadores tentan saldar a débeda pendente cos grupos participantes, aínda que dos seis que daquela foran seleccionados entre os 30 participantes, só tres están neste 2015 en condicións de participar.

Milesios medirase finalmente, nunha final a tres, ante BOC (Illas Baleares) e Menaya Folk (Castela e León). Cada unha destas formacións ofrecerá un concerto duns 45 minutos de duración e un xurado profesional será o encargado de elixir o gañador.

"A final quedara aprazada pola falta de financiamento, íase facer no 2013, pero tampouco puido ser e agora parece que lograron un patrocinador", explican dende Milesios, a piques de emprender unha viaxe cara ao sur de España da que esperan retornar co título de mellor grupo folk e, de non ser así, polo menos cunha nova e enriquecedora experiencia.

Hai tres anos, presentaran ao certame a que era a súa primeira maqueta, composta por cinco pezas -as bases esixían presentar catro temas-, das que só dúas permanecen no seu repertorio actual. "Agora só tocamos ‘Alén Mar’, que é a que lle dá título ao noso primeiro disco, e a ‘Alborada de Inzenga’, recuperada dun cancioneiro centenario", precisan dende o grupo chairego.

No concerto tratarán de exemplificar o que é o seu repertorio, integrado maioritariamente por cancións tradicionais galegas e irlandesas, con arranxos propios do grupo, xunto con algunha composición de autoría propia, coma a ‘Xota do Manuel’ ou ‘Lume Novo’, peza que a súa vez lle dá nome á xira deste ano.

Así, o recital será unha mestura entre o que foi o seu traballo de debut, editado no 2013, e algúns dos temas que queren incluír no que será o seu segundo disco de estudio, que esperan poder gravar a finais deste ano. "Xa está case preparado, pero fáltanos tempo para xuntarnos e gravar", explican, recordando que non son profesionais, polo que para ensaiar, nun local da parroquia de Mondriz, e sobre todo para poder para pecharse nun estudio e gravar, necesitan cadrar o tempo libre.

Comentarios