Microrrelatos furtivos en el Gaiás

O xornal LV. De Luns a Venres convida os seus lectores a achegarse mañá venres á Cidade da Cultura de Santiago á entrega de premios do II Certame de Minicontos de Outono,
organizado por este xornal e polo Centro PEN de Galicia.

O acto terá lugar ás 18.00 horas no auditorio da biblioteca da CdC e o xornalista da TVG Carlos Macía presentará o acto, que estará presidido polo presidente do Centro PEN, Luis G. Tosar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Tras a entrega degustarase un viño.

Nesta segunda edición do certame, o autor da narración gañadora é Lionel Rexes, un mestre de Alfoz (Lugo) que leva anos adicado á escritura e cuxa afición comeza a recoller os seus froitos, xa que este é o segundo premio literario que gaña con apenas unhas semanas de diferenza. O seu relato Luzada narra a experiencia dun pescador furtivo galego en Suíza.

O segundo premio foi concedido á profesora xubilada Concha Parga por unha composición erótica chamada Fulgores feridos. E José Sixto, xornalista e poeta columnista deste
xornal, é o gañador do terceiro premio por A estrela que veu, un esperanzador relato para estes tempos de crise económica.

Os minicontos seleccionados foron escollidos polos membros do xurado entre unha escolma de 274 relatos enviados ao concurso. Esta elevada participación deixou algunhas narracións enviadas desde Arxentina, Colombia, Venezuela, Alemaña ou Reino Unido.

O certame de Minicontos de Outono pretende achegar ao público un formato que require un estilo compacto, pequenas pílulas hipervitaminadas de xenialidade, que foxen da pesadez e do tempo que esixen os grandes atracóns de palabras, ao tempo que promove o uso da lingua galega na escrita.

O vindeiro luns serán publicados no xornal LV. De Luns a Venres os minicontos galardoados, xunto a unha crónica da gala e mais entrevistas aos autores premiados.

Comentarios