Baixeras, un melómano pioneiro do cine en galego

A súa devoción pola música clásica levouna a crear o Festival Bal y Gay na Mariña, pero foi tamén pioneiro do cinema galego no tardofranquismo
Enrique Rodríguez Baixeras. EP
photo_camera Enrique Rodríguez Baixeras. EP

A GRAN paixón da súa vida é a música clásica, que plasma xa xubilado como promotor do festival Bal y Gay, pero os primeiros pasos artísticos de Enrique Rodríguez Baixeras (Ribadeo, 1953) discorreron polo mundo do cinema. Baixeras licenciouse en Imaxe na Facultade de Ciencias da Información da Complutense de Madrid. Alí tivo como compañeiros de estudos a Fernando Trueba, ao que trouxo a Galicia como axudante de dirección dunha das súas primeiras rodaxes, Óscar Ladoire ou Antonio Resines.

Aquel mozo inquedo converteuse nun pioneiro do cinema en galego, unha aposta complicada a principios dos anos setenta polo contexto político e a falta de medios económicos. "aínda que tiven a sorte de contar co financiamento dun construtor coruñés para os meus proxectos", conta Baixeras.

Con outros compañeiros dun cineclube da Coruña rodou A morte do Mariscal en paraxes do Val do Ouro, ao pé da torre fortaleza do mítico Pardo de Cela. Tras este debut topouse de bruzos coa censura franquista cando traballaba nunha triloxía sobre tres relatos do libro Á lus do candil, de Ánxel Fole. "Tiña programadas tres mediometraxes, coa intención de xuntalas, pero ao final so fixen dúas", subliña. A primeira, O documento, desapareceu nos arquivos policiais, por orde gobernativa, cando se proxectaba nunhas xornadas de cinema de Ourense en 1974. "Ao gobernardor civil non lle pareceu ben que o filme estivese en galego e mandou secuestralo", lembra o director. Aínda que volveu con urxencia dende a cidade das Burgas ao domicilio familiar na Coruña, o novel cineasta non se librou do interrogatorio policial, onde lle recomendaron utilizar "o idioma patrio", ironiza.

Rodríguez Baixeras é natural de Ribadeo aínda que marchou de neno para Segovia

Trala desaparición da cinta orixinal, só puido recuperar unha copia, a partir do positivado, anos máis tarde, cando traballaba na Filmoteca Nacional. O Documento caeu no esquecemento e non volveu ver a luz ata 1997, cando a copia restaurada se proxectou en Foz e Lugo co gallo da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ánxel Fole. Xa no 2011 houbo un pase en Ribadeo. onde se rodou en 1973. O protagonista, un amante resentido, estaba subido nunha árbore, neste caso un gran freixo da parroquia de Ove. Os anciáns do asilo ribadense, que eran trasladados en furgoneta á rodaxe, exercían de extras.

O cadaleito, a segunda parte da triloxía, tivo mellor sorte e levou un premio nun festival celebrado en Bilbao.

Esa carencia de medios e os problemas políticos desmoralizaron a Enrique Rodríguez Baixeras, que deu un xiro radical á súa vida. Regresou á casa familiar de Nois, onde instalou unha granxa de vacún. Tamén niso tivo algo de pioneiro. Foi a primeira explotación en estabulación libre da comarca. "Os veciños chamábanme a atención porque non gardaba as vacas de noite", comenta con ironía.

Aínda que a súa muller tivo un laboratorio de análises clínicas en Ribadeo, durante dous anos, Baixeras viviu en Nois (Fo) nas súas etapas en Galicia, onde está asentado agora

Rematada esta experiencia gandeira, Enrique Rodríguez Baixeras trasladouse a Madrid, onde traballou na Filmoteca Nacional, e despois a Teresa, un pequeno pobo de Castellón, onde a súa esposa tiña unha farmacia. Alí foi primeiro edil, e saíu elixido alcalde en 1991. Desa época garda recordo da visita de seu pai, ao que lle tocou facer a guerra civil co Exército Vermello, "aínda que era de dereitas". Co seu proxenitor visitou Sarrión, unha localidade cercana a Teruel, que foi moi bombardeada. "Leveino ao lugar onde estivo na fronte de guerra. Acompañábannos uns vellos comunistas locais para ubicar o lugar. Cando chegamos, púxose a chorar coa emoción e non parou".

Baixeras viviu desde neno rodeado de música clásica, ao igual que seus irmáns. Súa nai tocaba o piano e seu pai, o violín. "Desde moi novo coñecía a fondo esta música, a diferenza dos meus amigos". E sempre fixo proselitismo, "mesmo ata ser pesado", recoñece.

Despois de vivir once anos na provincia de Castellón, regresou de novo a Madrid, onde xa estivera de estudante e como empregado da Filmoteca Nacional

Cando tiña 15 anos, unha profesora de Historia do instituto de Monelos, na Coruña, avisáballe con antelación para que preparase unha charla para os seus compañeiros sobre compositores que despuntaron en determinadas épocas. Tamén organizou audicións na Filmoteca e nun bar que montou con doce socios en Madrid. "Non é certo que a música clásica sexa elitista. É cuestión de escoitar e ir entendendo", explica, ao tempo que critica que non se dea máis importancia á música como materia educativa. "Para min é tan importante como as matemáticas", subliña.

Xa xubilado deu renda solta a esta grande afección, como presidente da Asociación Nois e promotor do festival de música clásica Bal y Gay, en homenaxe ao músico lucense, que chega xa á súa sétima edición. O reto de levar a música á zona rural e a pequenas poboacións pasou de ser unha ilusión a unha flamante realidade. Este evento vai camiño de converterse no máis importante de Galicia no seu xénero. Fiel ao seu afán divulgador, Rodríguez Baixeras encárgase de organizar audicións e charlas previstas no programa sobre distintas obras e compositores na súa teima de achegar a música clásica ao gran público. E conségueo.

Más en A Mariña
Comentarios