María del Carmen Fernández: "Todo vendedor de lotería soña con dar o Gordo algunha vez, e nós con repetir"

Leva 28 anos repartindo sorte dende a primeira administración de Vilalba, un negocio con case un século de vida e moitos premios que contar. Tras a chuvia de millóns que deixou o Nadal, espera xullo con ganas para iniciar unha nova campaña de vendas 

María del Carmen Fernández leva 28 anos traballando na administración de lotería Alcázar de Vilalba. C.ARIAS
photo_camera María del Carmen Fernández leva 28 anos traballando na administración de lotería Alcázar de Vilalba. C.ARIAS

Teñen a sorte ben atada. Non deixan de dar premios. A administración Alcázar, situada na Rúa da  Pravia de Vilalba dende o ano 1927, ten moita historia, aínda que a maioría da xente o que quere é  que repita a máis recente e siga repartindo millóns de euros.

Como é a vida tras repartir o Gordo? Vólvese á normalidade?
A vida é igual, pero levámola con alegría e ilusión. A xente compra con máis ilusión e nós sempre  estamos coa esperanza de dar máis premios. Deunos moito impulso.  unha recompensa ao traballo  realizado e estamos moi agradecidos a tódolos nosos clientes polo cariño e o afecto.

Refresquemos cifras: 130 series, 1.300 décimos e 520 millóns. Como recorda o 22 de decembro? 
O día do sorteo sempre hai emoción, pero este foi moi emocionante e moi alegre. Un día moi grato,  con moitos parabéns, moitas visitas... E o mellor sempre é ver a alegría reflectida nas caras, iso non  hai cartos que o pague. A lotería recibímola en xullo pero véndese ata o 22 de decembro. Son  moitos meses, e todo vendedor de lotería soña con dar o Gordo algunha vez, é o máximo premio.

Case seis meses despois e xa a piques de empezar un novo ano de vendas, xa coñecen a moitos  dos premiados ou gardan o segredo?
Algúns xa o dixeron ese día e hai outros que aínda nolo están dicindo agora. E hai outra xente que  non o quere contar (sorrí). A min non me tocou.

E non queda unha espiñiña despois de repartir tantos? 
Non, a recompensa é vendelo. O importante é que se vendeu e saíu moi repartido. A clientela aquí está moi repartida. Moita vén dos concellos do arredor e doutros moitos lugares porque Vilalba é  zona de paso.

Cal foi a repercusión? Houbo moitas colas despois do Gordo.
Houbo un aumento nas vendas naquel momento e ségueo habendo. Consérvase a ilusión, tanto por  parte dos clientes coma pola nosa —o titular da administración é Daniel Formoso e tamén  reparte sorte Mari Carmen Rouco—.

Que expectativas teñen para xullo? Voarán os décimos de Nadal?
Creo que volverán as colas. Iremos sobre a marcha, dependendo da demanda, pero a idea é  incrementar e recibir moitos números.

Se o soño dun loteiro é dar o Gordo, cal é o soño agora?
Repetir (ri). E xa demos outros dous premios importantes dende o Gordo, un Jóker da Primitiva de  10.000 euros en febreiro e un primeiro da lotería do xoves agora en maio, que eran 30.000 euros.

Están en racha?
Desde logo que si e esperamos continuar. Cada premio segue sendo importante e todos fomentan a ilusión. E aquí houbo moitos antes do Gordo —e recorda unha longa lista na que sorprende outro  dos grandes, 1.500 millóns de pesetas no primeiro premio da lotería do sábado—.

Leva dende 1990 na administración. Como evolucionou?
A adminsitración fundouna en 1927 Daniel Vérez. Logo pasou á súa dona, Carmen Pita Guizán, e dela á súa filla, Carmen Vérez Pita. Ao falecer pasou a Daniel, en 2007. Eu empecei a finais de  1990, xa coa avoa do actual titular. Estaba no mesmo sitio pero era moi diferente. O búnker da lotería estaba na entrada e o resto era libraría.

Bota en falta ese espazo?
Gustábame, pechou en 2007, pero a verdade é que temos bastante traballo coa lotería.

Como cambiou o traballo? 
Cómprase máis, aumentaron os xogos e para nós a forma de traballar tamén cambiou. Agora está  todo informatizado, antes era manual, había que apuntar todo e os premios mirábanse nas listas.

O perfil do xogador variou?
Tal vez agora xoguen máis mulleres que antes e hai máis perfís de xente. Pero non hai un definido.  Hai persoas fieis a un xogo e persoas que apostan a todos.

Cando o xogo se pode converter en ludopatía?
Non coñezo xente con ese problema aquí. Do que se trata é de probar sorte cun ou varios xogos.

E cal gusta máis?
A lotería é o tradicional de sempre pero os xogos de apostas como a Bonoloto, a Primitiva e o Euromillón teñen moitos fieis tamén. E o Gordo. Son os máis xogados, pero tamén La Quiniela e a hípica vai entrando.

"Prefiro non recomendar e que cada un escolla, cada sorteo é un novo sobre sorpresa"
Un número favorito?
Non teño, todos teñen as mesmas posibilidades. Si é verdade que para gustos, cores, e cada un ten as súas preferencias. Eu non me fixo moito nos números.
Xoga ou vivindo entre apostas un prefire non mesturar traballo?
Tamén nos gusta participar como aos demais (ri).
Algunha manía?
Non, penso que a sorte pode vir de calquera forma.
Din algúns que "sempre lle toca a quen menos o merece". É certo?
Todo o que participa ten dereito a premio e vendemos a todo o mundo coa ilusión de que lle toque.
É de recomendar ou prefire que cada un escolla a súa sorte?
Prefiero que escollan. Non acostumo a recomendar. Cada sorteo é un novo sobre sorpresa.
O mellor do seu traballo?
A alegría compartida. 
O peor?
Non hai peor —di sen pensar—. O peor é non dar nada, pero forma parte do sistema.
Algunha afección?
Son bastante caseira, ler.
Un lugar que recomendaría visitar en Vilalba?
O centro, o Parador e a praia fluvial.
É de Goiriz. Que destacaría?
A xente, a solidariedade e que nos coñecemos todos. É o mellor aspecto de vivir nun sitio así, compártense máis cousas.

Comentarios