María Debén asume a área de Igualdade na Delegación do Goberno en Galicia

Javier Losada márcase como obxectivo impulsar a aplicación das políticas de benestar social

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, incorpora ao seu equipo á xurista María Debén, a quen encomendará coordinar as áreas de Igualdade e Loita contra Violencia de Xénero, así como Pobreza Infantil e Emprego.

A Delegación do Goberno explica nunha nota de prensa que Debén conta cunha dilatada traxectoria profesional en benestar social e é experta en igualdade.

Con esta nova incorporación, Javier Losada márcase como obxectivo impulsar a aplicación das políticas de benestar social.

María Debén atenderá, ademais, outros asuntos como os servizos sociais ou as políticas migratorias e responsabilizarase de aplicar as medidas que se impulsen desde o Alto Comisionado de Loita contra a Pobreza Infantil.

Por tanto, informa a Delegación do Goberno, será a encargada de coordinar as accións coa administración periférica, asesorala nestas materias e traballar en colaboración co resto de administracións.

María Debén é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago, cuxa tese de licenciatura centrouse na Introdución da perspectiva de xénero no tratamento penal da violencia.

Javier Losada pretende reforzar e impulsar o desenvolvemento dos compromisos do Goberno en materia de igualdade e que el mesmo reiterou na súa toma de posesión. 

Comentarios