En Marea acusa a Sánchez de "tirar a toalla"

A portavoz de En Marea no Congreso dos Deputados asegura que o presidente do Goberno rendeuse á estratexia da "dereita e a ultradereita"

A deputada de En Marea Yolanda Díaz. JP GANDUL (Efe)
photo_camera A deputada de En Marea Yolanda Díaz. JP GANDUL (Efe)

A portavoz de En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, acusou este venres ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de "tirar a toalla" e "renderse á estratexia da dereita e a ultradereita" ao convocar as eleccións xerais para o próximo 28 de abril. "É un erro tirar a toalla no último instante e deixar que saia adiante o argumento da dereita, o Goberno tería que terminar o mandato", apuntou Díaz durante unha rolda de prensa celebrada na Libraría Berbiriana, na Coruña.

A portavoz estivo acompañada polo deputado Miguel Anxo Fernán-Vello, quen apuntou que a decisión de Sánchez "nace da precipitación" e supón darlle á dereita a estratexia "dos fascistas e neofascistas" e lamentou que "non cumprise cos que, como En Marea, apoiaron no seu día a moción de censura".

"Sánchez tamén cometeu un erro ao levantarse da mesa de diálogo coas forzas catalás independentistas, amedrentouse e non foi firme á hora de defender o diálogo; sentar nunha mesa a negociar non é ningún crime", apuntou Fernán-Vello.

O deputado afirmou que, de feito, o diálogo construtivo "debe ser a base para solucionar calquera tipo de conflito", polo que convén "ter firmeza, non tremer e estar á altura das circunstancias", algo que, ao seu xuízo, non fixo Sánchez, quen, "coas présas", está "a dar por válida a campaña de acoso da ultradereita".

Con respecto ás críticas por apoiar uns Orzamentos Xerais do Estado que tacharan de "malos para Galicia", Fernán-Vello lembrou que En Marea "presentara até 300 emendas" que, de non ser aprobadas as emendas á totalidade, debatéronse.

Neste sentido, Yolanda Díaz apuntou que En Marea "estivo a traballar até hai un día e medio para derrogar a reforma laboral ou sacar adiante o estatuto do consumidor electrointensivo que tanto necesitan os traballadores de Alcoa", aos que, segundo denunciou, "están a deixar tirados" con esta decisión.

"Afrontamos estas eleccións cunha ilusión renovada por parte das forzas que compuxemos esta grande alianza electoral que demostrou ser gañadora e de éxito; puxemos e poremos de novo toda a nosa intelixencia e o noso traballo ao servizo do país, das persoas desfavorecidas, a clase traballadora e a xente humilde", resolveu Díaz.

Ao ser preguntada pola fórmula electoral que empregarán para concorrer ás Eleccións Xerais, Yolanda Díaz sinalou que lle "consta" que a coalición se vai "repetir" e que os partidos que forman parte dela -Anova, Esquerda Unida e Podemos- "están a traballar e preparando toda a maquinaria" para "seguir camiñando na defensa de Galicia".

Comentarios