Blog | O voo da curuxa

Manual para sobrevivir á democracia de mercado

AÍNDA QUE que a democracia de mercado é un oxímoro, se o aceptamos convencionalmente como descrición dunha realidade sociopolítica, permítenos analizar a grande imbricación entre a teoría elaborada por Schumpeter, na que o modelo de participación política que describe e defende reflicte mimeticamente a economía capitalista, e a realización práctica da mesma na actualidade. 

Exonerada de calquera ideal moral e emancipador, a democracia, mal menor aceptado nun momento histórico polo capitalismo para salvagardar a súa reprodución, pasa a rexerse polas mesmas leis do rei mercado. Así, a idea dunha democracia orientada ao ben común, participativa e deliberativa, ao servizo dunha cidadanía protagonista activa e implicada nas decisións políticas, esfúmase, incluso como mera aspiración, á par que agroma vizosa a democracia elitista como única alternativa viable na orxía da racionalidade instrumental. 

O paralelismo entre a competencia económica e a que se produce por impoñerse no mercado político é evidente. Todo se limitará á elección polo cliente-cidadán entre una oferta limitada ao que os técnicos do ‘elitismo competitivo’ decidan. 

A punto de repetir eleccións debido a un leve desaxuste do mercado, cabe preguntarse pola oferta deste. Preséntannos un folleto, similar aos folletos consumistas ao uso, cunha aparente variedade de produtos, ao alcance de todos os bolsillos, con estéticas diversas ou sabores varios para satisfacción dos egos e padais máis esixentes. Así, ofrecen un neoliberalismo integral sen colorantes nin conservantes, con aroma de Escola de Chicago; a marca branca do anterior, pero de calidade similar garantida e una socialdemocracia, versión '‘soft'’, pero de eficacia neoliberal probada. Mención aparte merecen algúns produtos ofertados a prezo de saldo, presentados cunha estética extemporánea que disuade de mercalos se queres estar na onda, advertindo, ademais, de que se non quedamos satisfeitos non devolverán os cartos, xa que están en vías de descatalogación por non responder á moderna fórmula maxistral elaborada polos técnicos: privatización de todo o público rendible, ‘'estado mínimo'’ ("menos estado, máis mercado"), só ampliable como paliativo ante unha eventual diminución da plusvalía esperada, hexemonía total do económico sobre o social, globalización estritamente económica (especulativa e financeira), desigualdade crecente como expresión '‘natural'’ da dinámica do libre mercado, feiticeira apelación á versión actualizada da '‘man invisible'’ do capitalismo primitivo, homoxeneización e potenciación das virtudes do rabaño e o pensamento único como aditamentos superestruturais ideolóxicos coadxuvantes ao control económico e unha democracia elitista, mercantilizada e delegada, á que chaman representativa, como conservante político do sistema. 

Tanto idolatrar esa democracia representativa, resultante da banalización da política, presentándoa como a única racional e razoable en sociedades complexas, acaban deslexitimándoa por excluínte. Precisamente para lexitimarse, as elites delimitan o escenario óptimo da frivolización política que dea cabida a súa propia oposición para, unha vez ideoloxicamente mimetizada, neutralizar e desactivar o seu mínimo potencial crítico. 

Se queres sobrevivir, intenta manter intacta a conciencia crítica para enfrontar a avalancha de publicidade e propaganda que, baixo o disfrace de información para decidir conscientemente, oculta o calculado obxectivo de provocar unha intoxicación que desemboque na desafección e o desinterese polo público como reacción primaria a nosa incapacidade para discernir con rigor a opción que nos convén. Pretenden que acabemos por caer exhaustos en mans dos politecnócratas, representación dunha oligarquía económica que cabalga ostentosa pola xeografía colonizada polo capital, para que, hipotecada a liberdade, pensen e decidan por nós. 

Se escoitas mensaxes teimosamente repetidas como "a fin das ideoloxías!", "todos son iguais", "non hai dereita nin esquerda", ponte en garda, xa que pretenden insuflarche a ideoloxía inmobilista da dereita, porque dereita e esquerda existirán mentres haxa quen defenda, como se dunha supersticiosa fatalidade do destino se tratase, que só o que é pode ser, e quen considere que o mundo actual é susceptible de ser cambiado, sempre que teñamos a vontade férrea de facelo e un compromiso moral para orientar o cambio. 

Por iso, cando escoites a manida, baleira e tramposa invitación da mercadotecnia electoral a responder á chamada ás urnas na ‘festa da democracia’, non te equivoques. Oirás a oferta dunha voz estándar: se queres neoliberalismo integral, pulsa un, se queres neoliberalismo edulcorado, pulsa dous; se queres socialdemocracia vergonzante con incrustacións neoliberais, pulsa tres; se queres outra opción, racha co distópico círculo vicioso imposto e, sen renunciar a túa individualidade, trata de rescatar o espazo público espoliado como marco común de proxección vital máis alá do reducido espazo privado. Iso é a democracia real, irrenunciable porque está en xogo a nosa supervivencia como suxeitos social e moralmente autónomos. 

Gonzalo Pérez López
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios