Mallo, Murado, Grandío e ata 16 creadores de Lugo, na mostra 'Galicia universal' de Abanca

A Cidade da Cultura de Santiago acolle as pezas auténticas destes autores na que se poden ver distintos estilos de pinturas por parte dos lucenses 

Antonio Murado. AEP
photo_camera Antonio Murado. AEP

A exposición Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación, reflicte no museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago o potencial creativo desenvolvido polos artistas lugueses ao longo dos últimos 150 anos a través dunha selección de obras de 16 creadores desta provincia, entre eles Maruja Mallo, Tino Grandío ou Antonio Murado.

Julia Minguillón, Antón Patiño, Caxigueiro ou Antía Moure son outros dos artistas que asinan obras na exposición que está aberta ao público ata o 14 de outubro e que viron xa case 20.000 persoas.

O óleo Mujer rubia (1951), de Maruja Mallo, é unha das obras máis relevantes da mostra no ámbito do retrato. Forma parte da serie "retratos bidimensionais", na que a artista de Viviero inspírase na beleza das mulleres do mundo, e móstranos un perfil de trazos marcados moi xeometrizados, formando volumes a través dun xogo de luces e sombras.

Murado é outro dos artistas lucenses con amplo recoñecemento a nivel internacional. Na exposición pode contemplarse a súa obra Jerusalem (2005), un lenzo de gran formato que mostra esta paisaxe tan característica da súa pintura, a medio entre a abstracción e a figuración.

O legado artístico de Tino Grandío queda reflectido en Arando cedo (1955), un óleo no que o autor natural de Guntín recrea unha escena de carácter etnográfico, lonxe do academicismo imperante naquela época e que tamén pode visitarse na exposición Galicia universal que está aberta ao público na Cidade da Cultura.

Comentarios