Opinión

Mal repartido

QUE MAL repartido está o mundo. Esta queixa, non referida aos problemas que poida ter un periódico chamado así para chegar aos subscritores senón á falta de equidade, representa unha reclamación por achegarse á igualdade, esa que aquí foi minguada para favorecer a liberdade.

Xa que a igualdade non é alcanzable, por máis que as constitucións a recollan como un avance da Revolución Francesa, si podemos aspirar a unha máis xusta distribución da riqueza, á parte da meritocracia de que gañe máis quen máis o mereza. E aí danse contrastes significativos, que se fan máis visibles nesta crise coronavírica, como a comparación entre xogadores de fútbol e sanitarios, pero aí funciona máis o mercado que a equidade.

Outra confrontación, esta máis cuestionable, é que un deputado se leve ao peto en dietas máis do que gaña un médico. Certo que os soldos dos políticos non son esaxerados, pero no caso dos pluses si que son reducibles, para tender á igualdade.