Maite Ferreiro: "Ao PP só lle intersan os titulares ao falar do auditorio, antes ten que entregar a obra"

A nacionalista Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación, aposta por un goberno provincial estable para que non se repitan "as polémicas xurdidas no último mandato". A política do BNG , na súa faceta de concelleira na capital lucense, sinala que ao PP "só lle interesan os titulares» cando fala do auditorio. Antes, a Xunta ten que entregar a obra"
Maite Ferreiro. XESÚS PONTE
photo_camera Maite Ferreiro, nos corredores de San Marcos. XESÚS PONTE

"DARLLE ESTABILDADE á Deputación, despois de catro anos convulsos, é unha necesidade que tiñamos clara tanto PSOE como BNG", explica a nacionalista Maite Ferreiro. "Non queriamos que se repetisen os feitos que non deixan en bo lugar os políticos e tampouco a institución», engade a vicepresidenta provincial ao recalcar o ambiente de entendemento entre os socialistas e o seu partido no pazo de San Marcos.

Pese a ter un deputado máis que noutros mandatos nos que firmaron un pacto cos socialistas, cre equilibrado o reparto de áreas entre os dous partidos?

Temos un acordo de goberno moi concreto. Hai un espazo de labor común, de cuestións negociadas, e a partir de aí cada grupo político organiza as súas áreas dun xeito autónomo e cun respecto absoluto. Cando hai un acordo sempre hai concesións e, neste caso, cedemos as dúas partes. Podiamos ter competencias con máis visibilidade, pero estamos satisfeitos cos nosos cometidos. Traballar pola cultura, o deporte, o medio rural e a mocidade permítenos estar en contacto directo con colectivos espallados por toda a provincia. Para nós é moi importante a promoción do deporte base e achegar á xente a oportunidade de facer actividades e proxectos en cada recuncho do noso territorio.

O BNG nomeou novos deputados para este mandato. A que se debeu ese cambio?

Os partidos teñen que percibir o momento no que hai que dar paso a caras novas. No Concello de Lugo xa se apostou pola renovación e buscáronse perfís diferentes no seu día. Máis tarde, tamén se propuxeron outras persoas como candidatos a deputados provinciais, pero con experiencia na vida municipal para facerlle fronte ás tarefas de goberno da Deputación. O Bloque conta con xente nova e militantes de base que levan tempo traballando na organización, en sindicatos e colectivos e merecen unha oportunidade.

"Traballar pola cultura, o deporte, o medio rural e a mocidade fainos estar en contracto cos colectivos da provincia"

Xerou tensións ese relevo de deputados no seo do Bloque?

Na miña contorna non vin ningún problema. Todos estamos no BNG coa finalidade de desenvolver un proxecto político para o país. Cando nos piden acceder a un posto, entendemos que é unha responsabilidade máis como militantes. A nosa forza radica no compromiso co proxecto político.

"O plan único foi unha polo BNG que serviu para dar protagonismo aos concellos no reparto de fondo"

Que balance fai destes oito meses de goberno na Deputación?

Cando tomamos posesión, no verán, parte do persoal estaba de vacacións. Foi un comezo difícil, no que tes que coñecer o funcionamento da Deputación por dentro. Unha vez adaptados, collemos un bo ritmo de traballo e estamos a desenvolver iniciativas. Haberá que esperar a que se cumpra un ano de traballo para valorar os resultados da actividade xerada, pero penso que cumprimos co noso obxectivo de promover iniciativas culturais que chegen a todos os concellos e de apioar o enorme tecido asociativo que mantén viva a nosa cultura popular. Todo isto non sería posible sen a implicación do persoal do departamento de cultura da Deputación e da Rede Museística Provincial.

Cando se suprimiu Suplusa, vostede dixo que había que baleirar de contidos as deputacións. Segue a pensar que son unhas institucións obsoletas?

Sigo coa mesma idea. Por esa razón, o BNG trata de optimizar os recursos da Deputación dando maior protagonismo aos concellos. Esa filosofía motivou no seu día a nosa proposta do plan único, co que se quixo crear un sistema de reparto de fondos máis xusto, no que sexan os propios concellos os que decidan como utilizar os fondos, como administracións máis próximas á veciñanza. Con ese plan, o reparto de fondos responde a criterios obxectivos e non depende da cor política de cada goberno.

As residencias de maiores promovidas pola Deputación foron e son un motivo de constantes roces coa Xunta. Cre que sería mellor traspasarllas ao Goberno galego?

En Lugo temos unha poboación envellecida e dispersa, cunha elevada porcentaxe de dependentes. A Xunta non pode mirar cara a outro lado ante esta realidade e a súa rede de residencias resulta insuficiente. Hai moitas persoas que viven en aldeas de dous ou tres veciños e que, por razóns de idade ou de saúde, teñen dificultades para valerse. Esa xente sufriría unha ruptura menos drástica se ten que ir a unha residencia cercana que se a envían a unha grande, cun afastamento total da súa xente e da súa contorna. A Deputación construíu pequenas residencias que se adaptan mellor á realidade do país, pero a xestión debe ser autonómica.

Cal é a principal eiva que se atopou no eido cultural na provincia?

Penso que a Xunta tería que facer un inventario do patrimonio histórico-artístico para acometer a súa conservación. A Deputación non ten fondos para iso, pero hai moitos edificios monumentais pendentes de restauración. Un dos casos máis sanguentos é o da torre de Caldaloba, un símbolo tan importante da nosa historia que está caendo. A Deputación xa fai bastante evitando a deterioración dos edificios e museos da súa responsabilidade e dándolles vida e contidos.

Se a relación entre PSOE e BNG é unha balsa de aceite, no Concello parece que lle fan a pinza aos socialistas co tema do auditorio e as xuntanzas entre Rubén Arroxo e Balseiro.

O PP, e en particular o señor Balseiro, son moi dados a buscar titulares co tema do auditorio, unha infraestrutura pola que Lugo leva agardando moito tempo, pero primeiro teñen que entregar a obra. Queren facer en dous meses o que non fixeron en catro anos. Ao pasar tanto tempo sen inaugurarse, unha vez construído o edificio, é lóxico que os técnicos do Concello lle fagan unha revisión e que a Xunta arranxe cousas que quedaron mal feitas ou que se deterioraron polo paso do tempo. A Xunta traballou alí nos últimos días e, cando os informes dos técnicos digan que está listo, recibiremos o edificio. Non sería lóxico aceptar unha obra con defectos e investir en reparacións cun orzamento que se debe destinar a actividades culturais.

Tamén é necesaria unha programación axeitada...

Os programas non se poden facer dun día para outro. Poderíase trasladar algunha cousa xa prevista no Gustavo Freire, pero o auditorio necesita contar cunhas previsións a medio e longo prazo axeitadas ao recinto. En todo caso, primeiro temos que recibir a obra e, acto seguido, traballar na programación.

Que perspectivas lle ve ao seu partido a nivel lucense na convocatoria electoral das autonómicas?

Estamos convencidas de que o traballo feito dos deputados e deputadas do BNG estes catro anos vai dar os seus froitos. Os cidadáns tamén teñen como referencia o labor do Bloque nos concellos, onde sempre foi sinónimo de cambio, de impulsor de cidades modernas e adaptadas aos tempos. Na Deputación e no Concello de Lugo tamén traballamos nesa dirección. Simplemente queremos facer cousas en beneficio da cidadanía. Iso é o que queremos transmitir de cara ás eleccións autonómicas, a posibilidade de crear una alternativa a unha década de parálise en Galicia.

"Traballar en áreas culturais axuda a levar mellor as tarefas"

FERREIRO SUBLIÑA que dedicarse á coordinación de áreas culturais no Concello e na Deputación "axuda a compatibilizar mellor ámbalas dúas tarefas". A vicepresidenta da Deputación resalta que "pensar na mesma clave axuda e permite combinar iniciativas. Hai conmemoracións, como o mes de Rosalía, nas que os colectivos che presentan actividades e algunhas que non pode asumir o Concello de Lugo son interesantes para municipios da provincia". "Tamén é importante o equipo que teño detrás, tanto no Concello como na Deputación. Trátase de xente con experiencia que che fai o camiño máis curto para chegar a un fin", asegura.

Nada máis chegar tivo que organizar as festas de San Froilán case sen tempo.

En agosto estaba todo paralizado e case non había marxe. Grazas ao traballo do persoal do departamento municipal de cultura, conseguimos organizar unhas festas con moitas máis actuacións e co protagonismo especial dos grupos musicais de Lugo. Foi unha proposta que saíu do mundo da cultura e que aceptamos encantados.
As patronais teñen que ser o escenario para que os grupos de teatro, música ou danza da cidade amosen o seu traballo. Foi un San Froilán variado e participativo. Penso que deixou un bo recordo entre os lucenses.

O Día Internacional da Muller debe servir para reflexionar sobre os avances acadados. Como definiría a situación actual en termos de igualdade de xénero?

Queda moito camiño por andar. O movemento feminista dedica este 8 de marzo aos coidados, a ese traballo oculto, sen remunerar ou en condicións laborais precarias, que recae nas mulleres. O que máis me preocupa é a realidade falseada que trasladan certos ideólogos de extrema dereita, que tratan de agochar que as mulleres fan unha dobre ou triple xornada laboral. Preocúpame que esas forzas poñan en dúbida cuestións que todo o mundo tiña xa asumidas, como a loita contra a fenda salarial ou contra a violencia machista. Ninguén nos regalou os dereitos acadados. Moitas mulleres quedaron polo camiño nesa loita, que xa iniciaron as sufraguistas pelexando polo dereito ao voto. Quen levamos tempo militando no feminismo, moitas veces insultadas ou desprezadas, non admitimos
que metan no mesmo saco o feminismo e o machismo, cando son cousas diferentes.

"As veces nos debates dinche cousas que non din cando cando se dirixen a un home, case como se che perdoasen a vida"

Percibe machismo na actividade política?

Non quero xeneralizar. No ambiente no que me movo hai persoas que se portan con normalidade, pero tamén outras que te xulgan doutra maneira por ser muller, como se tiveses que ter un ADN espectacular para exercer un
cargo público, cando a un home non lle esixen nada. Hai veces que nos debates che din cousas que non din cando se dirixen a homes, como se che perdoasen a vida. Hai que traballar no eido educativo para avanzar na igualdade.

Mandan moito as mulleres no BNG?

Agora somos máis visibles, pero moitas de nós levamos bastante tempo traballando no partido, como é o caso da candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, ou a candidata por Lugo ás autonómicas, Olalla Rodil. É un fenómeno circunstancial, pero en Lugo hai tradición de mulleres concelleiras na nosa organización. Estamos aí
porque o merecemos.

Leva vostede unha ampla traxectoria política?

Milito no Bloque dende 1985. Nacín en Tórdea, Castroverde, e meus pais tiñan unha explotación de vacas de leite. Lembro a meus irmáns maiores mobilizarse contra a cota empresarial e medrei escoitando eses debates. Sempre
me gustou o rural, a miña cultura e o meu idioma e atopei que o BNG defendía aquilo que eu máis quería. Comecei no movemento feminista, consciente de que a muller rural, aínda que sabia e forte, vivía daquela nun mundo que non quería para min. Non vía o meu futuro supeditado ao meu casamento, quería ser eu. Despois traballei doce anos en Comisións Labregas, o que supuxo unha aprendizaxe importantísima a través do contacto coa xente do
rural na época das mobilizacións contra as cotas leiteiras.

Comentarios