Blog | A Semana do Revés

Máis tacto cos cidadáns

Aos veciños que quedan sen auga non lles valen de escusa os problemas políticos e laborais
O concelleiro Álvaro Santos, o xoves pola noite en Marqués de Ombreiro. EP
photo_camera O concelleiro Álvaro Santos, o xoves pola noite en Marqués de Ombreiro. EP

OS VECIÑOS de Marqués de Ombreiro e de rúas próximas quedaron sen auga dúas veces na última semana. Da primeira estiveron dúas xornadas sen subministración, sen moita información de cando a ían recuperar e cunha billa na rúa como única alternativa. Unha das veciñas, cunha persoa enferma na casa para cuxos coidados precisa moita auga, narraba a este xornal a situación con impotencia e con carraxe. Hai pouco tempo atopou o recibo das 250 pesetas que o seu pai pagou hai 50 anos para a colocación da tubaxe. Eran tempos nos que os cidadáns contribuían a facer rúas e a dotalas de servizos ante a falta de recursos da administración.

Medio século despois, vai sendo hora de renovar as canalizacións, opina a veciña. Cos veciños, coma cos clientes, pasa que non sempre levan razón, pero ás veces é difícil non dárllela, máis aínda neste caso, cando a tubaxe está dando problemas e, a diferencia de hai 50 anos, o Concello ten cartos. Como ao resto de afectados, probablemente lle serva de pouca escusa que nos últimos anos a oposición dificultou a aprobación de orzamentos, que hai poucos funcionarios e moi cargados de labor ou que a tramitación administrativa é longa. Os cidadáns votan coa confianza —moi mermada— de que os elixidos saiban entenderse e solucionarlles os problemas.

Non lles valen as explicacións porque, quéixanse os veciños, hai pouca consideración. Hai anos o Concello cortaba a auga para reparar unha avaría e alguén pasaba avisar antes, contan. Ao mesmo tempo, pregúntanse se tan difícil era estender unha mangueira pola rúa e colocar varias billas para poder proverse sen ter que desprazarse tanta distancia.

E aínda é máis difícil ser comprensivo despois do que ten sucedido nos últimos anos, cando en varias ocasións os veciños acabaron pagando máis pola auga debido ao retraso na lectura dos contadores por parte do Concello. O prezo varía en función de consumo, para fomentar o aforro, e ao xuntárense varios meses, salta de tramo.

Ao mellor a xestión realizada a segunda vez que rompeu a canalización devolveulles un pouco a confianza na administración pública e na clase política. Foi o xoves á tardiña e o concelleiro de medio ambiente, Álvaro Santos, e a enxeñeira municipal Marta Carballal lograron que unha empresa acudira de urxencia a reparar a avaría. Os operarios traballaron ata a madrugada e o edil estivo no lugar ata ese momento.

O Concello ten que recorrer a esta fórmula porque a brigada municipal négase a facer horas extras polo problema que tivo para cobralas noutras épocas. Para poder actuar máis rápido nestas situacións, o goberno prevé contratar unha empresa de xeito permanente. Porque o que resulta difícil de entender —porque non se explica— é que, ata agora, nuns casos fora posible esta vía e noutros non, como sucedeu a primeira vez. Igual tivo que ver que era fin de semana e Santos aínda non volvera das vacacións. Ata para quedarse sen auga hai que ter sorte.

Un bus que non apareceu

A credibilidade dos cidadáns gáñase ou pérdese no día a día. Como outras, accesibilidade é unha palabra habitual nos discursos dos políticos, pero á hora da verdade hai moito por andar. Unha usuaria de Adace (asociación de dano cerebral) xestionou que lle mandaran á sua ruta un bus con rampa o 3 de decembro —Día Mundial da Mobilidade, para máis datos— e pese a ter o compromiso, este non se cumpriu.

Un conserxe sen substituto

A conciliación laboral e familiar é outra desas palabras de moda que custa levar á práctica. O Concello recibiu en decembro varias queixas de pais e nais que o día 2 tiveron que deixar os seus nenos na ocioteca do Uxío Novoneyra unha hora máis tarde da establecida e chegaron tarde a traballar. O conserxe estaba de vacacións e, como noutras ocasións, aseguran os afectados, ninguén xestionou a súa substitución.

A política tamén é ingrata

Hai veces que os veciños non levan razón, ou que a teñen pero fallan nas formas, e os políticos tamén padecen protestas ou críticas inxustas, máis a miúdo do que se pensa. Ao Concello adoita responsabilizárselle de todos os males da cidade, por iso de ser a institución máis próxima, e de esixírselle actuacións que corresponden a outras administracións ou mesmo aos propios veciños.

Comentarios