Opinión

Máis heterodoxia

NIN Darwin foi darwinista nin Maquiavelo maquiavélico nin Hobbes hobbesiano, igual que hai razóns para dubidar que fora marxista Marx. Grandes autores que desafiaron convencións que se consideraban obvias, como a inferioridade racial dos pobos nativos, as dependencias teolóxicas do poder político ou o funcionamento socialmente neutral da economía de mercado. Autores que sin embargo foron reconvertidos na historia do pensamento a imaxes que os desvirtúan e incluso os convirten en defensores de ideas que nunca mantiveron.

    Por exemplo a competencia salvaxe e a supervivencia dos máis fortes nin siquera foron conceptos elaborados por Darwin, que solo pretendía describir procesos biolóxicos que se dan na vida das especies, non a vida social dos humanos. Maquiavelo nunca defendeu que “o fin xustifica os medios” nin que o gobernante tivera que ser pérfido e vengativo, e o “homo homini lupus” que se pon como base do absolutismo hobbesiano non foi máis que un uso puntual dunha frase de Plauto, ao servicio da afirmación de soberanía do contrato social. En xeral é difícil que os grandes mestres se recorden polo que os fai de verdade memorables. A posteridade adoita ser traicioneira, ou  moitas veces ocorre simplemente que os epígonos non teñen a altura necesaria. Tende a impoñerse o espíritu de escola, coas consabidas disputas entre faccións e a pretensión de ostentar a interpretación correcta, a vontade de constituir un pensamento singular en escola, crear unha ortodoxia. 

    É algo habitual cos máis grandes e sobre todo cos innovadores. Son lexión os intérpretes de Platón que deron forma ao que se deu en chamar platonismo, que significará para sempre algo moito máis metafísico e menos político do que o era, máis dogmático e menos crítico. Fundouse unha escola contra a que os tempos modernos tiveron que facer inxentes esforzos de deconstrucción, como arqueólogos na busca de probas da pureza orixinal, tan necesaria como difícil de establecer. Pero sempre acaban por ser falsos os intentos de extrapolar as ideas fóra das circunstancias de orixen, como inútil crerse en posesión de receitas máxicas para todo. 

    O modelo máis contundente desa maneira de proceder déunola a escolástica medieval. Dado un texto sagrado e algúns outros canónicos, a meirande parte da súa producción consistía en comentarios deses textos, e comentarios doutros comentarios, nun bucle que acadou cotas elevadísimas tanto de sofisticación intelectual como de distancia respecto de calquera realidade constatable. Sempre co argumento de autoridade como criterio superior para dirimir o conflito das interpretacións. Os medievais refinaron ao extremo esta maneira de proceder, e por extensión dicimos  escolástica de calquera actitude similar noutra circunstancia, por exemplo na ortodoxia soviética (un dos grandes fenómenos intelectuais dos tempos modernos). 

    O pensamento escolar é útil pero empobrecedor, máis propio da corrección (política) académica que da creación intelectual. Gusta das etiquetas que identifican, obviando que están expostas a unha historiografía trampulleira. Nin os cínicos foron cínicos nin os estoicos imperturbables nin os racionalistas enemigos da metafísica. Un autor como Wittgenstein adoita considerarse exemplo de neopositivismo cando foi dos primeiros en abxurar dos seus postulados. E pensadores relixiosos  como Guillermo de Ockham foron no fondo uns perfectos ateos. Non é fácil facer identificacións históricas inequívocas. Por eso son tan importantes os contextos. 

    E os matices, como os precisos para falar de deus un ateo ou expresar as dúbidas un crente. “Horda insensible aos matices”, que dicía Vladimir Nabokov. Compre desviarse da liña que marcan os sacerdotes do rigor e os celos dos comisarios, e ser como o átomo que se aparta da caída inexorable na física do poeta Lucrecio, outro dos inclasificables, como Nietzsche. Os mellores mestres son  imposibles de secundar porque animan a seguir un camiño propio, non esixen obediencia, son imposibles de reproducir. Solo se repiten como parodia do que foron, maiormente solitarios refractarios a  un espíritu de escola. 

    Pero mais que independencia o público espera consignas claras e rotundas para sentirse identificado  e,  sobre todo en tempos adversos, mira con recelo a quen non gusta de levar bandeiras e solo pretende falar por sí. 

Comentarios