Máis dunha década ao ritmo do vento

Unha ducia de anos levan os novos galos surcando os mares de Pontevedra. E dicimos novos porque os mariñeiros de Bueu coñecéronse sempre como galos polos territorios do redor pola feitura da vela que levaban nos seus botes: a guaira (mística, ou de pico), que recorda á cresta destes animais e ás ás do cormorán que recolle o seu emblema.

A Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais naceu no 1996, vinculada ao estaleiro de Purro, unha carpinteiría de ribeira localizada na coñecida como Banda do Río, no centro da vila morracense, que leva ameazada desde hai unha década.

Se ben os mesmos galos saíron á rúa por vez primeira cun plan de viabilidade para o taller baixo o brazo, este non foi tido en conta nin polo Concello nin pola Deputación, que seguen a barallar, anos máis tarde, se leva ao cabo ou non a súa recuperación. Aquel primeiro plan, baseado en proxectos que se demostraron efectivos noutros lugares e ao que, pouco a pouco, se lle foron incluíndo novas aportacións, pretendía racionalizar a utilidade da vella nave, así como fomentar a recuperación da carpinteiría en sí, retomando a restauración e creación de barcos. 

Quizáis foi a inoperatividade da clase gobernante a que os levou a intentar demostrar, có seu propio traballo, que a carpinteiría de ribeira e, neste caso, o estaleiro de Purro, constitúe unha ''parte esencial da cultura mariñeira'' e que non podían permitirse perder, así como así, unha das obras -datada de 1920- máis emblemáticas da súa vila. Así, este mesmo verán, os socios levaban adiante un novo apuntalamento das instalacións.

Pero o traballo dos galos leva moitos anos medrando. Contan xa con varias embarcacións recuperadas no estaleiro, aínda que algunhas delas -pese a estaren construídas mediante subvencións da Xunta de Galicia- non están recoñecidas nin contan con rexistro legal de ningún tipo. Víctor Domínguez, que capitanea a asociación, pon como exemplo uns planos enviados a Madrid para rexistrar unha traíña construída por eles en base a vellos documentos da vila. A solicitude chegou de volta a Bueu cunha soa explicación adxunta: segundo os expertos, era imposible que unha nave coma esa flotase. Os Galos, que saben tomalo con humor, non perden ocasión para convidalos a comprobar por si mesmos se o barco navega ou non.

Dúas naves na dársena da vila morracense, nun dos paseos enmarcados no encontro (Diana Bernárdez/ Os Galos)



ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS EN BUEU

Algo do que gostan especialmente na asociación é de facer rutas e visitar outras irmandades de embarcacións tradicionais, así como os respectivos encontros que organizan. A pasada fin de semana foron os mesmos galos os que celebraron en Bueu a XVI edición do seu propio encontro.

A visita de varias asociacións foráneas á vila coincidiu coa presentación do novo número da revista que publica anualmente a asociación e coa Festa do Polbo que organiza o Concello tódolos veráns, polo que o éxito estaba garantido por completo. Diana Bernárdez, socia e unha das editoras da citada publicación, lamentaba, con todo, que ''quizáis pola crise, a participación de embarcacións baixou este ano'', algo que se notou nas saídas ao mar que organizaron as tardes do sábado e do domingo.

Con respecto da revista, notablemente mermada nesta ocasión con respecto dos últimos anos, amosouse preocupada. ''Posiblemente este sexa o último número en soporte papel que teñamos nas nosas mans; a falta de axudas e respaldos fan que a súa publicación sexa insostible''. Cunha recén estreada bitácora, agora o desafío dos galos cambia: ''Hai colaboradores que se negan a escribir para a rede'', pese aos esforzos do Concello por facer ver que é a única solución para que siga adiante, ''e iso abócaa a desaparecer''.

Apenas unhas semanas antes, os galos repetiran a experiencia de veráns pasados de sacar a navegar pola súa enseada a nenos da vila e turistas. E prevén, do mesmo xeito, volver saír con eles cando menos nunha ocasión máis ao longo do mes. ''Saímos con tres embarcacións'', sinala Bernárdez. ''Sempre é unha experiencia moi gratificante, pero de nada serve se non conseguimos que se cree unha escola de vela que fomente a paixón pola navegación. Está ben sacar un día aos nenos; facer obradoiros con eles, como o desta fin de semana; pero os barcos non poden estar amarrados todo o ano. Fai falla máis impulso''.

Saíndo do pantalán de Bueu, onde as naves permanecen amarradas, con varios turistas a bordo (Diana Bernárdez / Os Galos)

Comentarios