Israel Picón: "O máis complicado é non caer no desánimo cando se destrúe o patrimonio cultural"

Natural de Pontevedra, Israel Picón está ligado á Terra Chá por traballo. Leva catro anos como arqueólogo nas escavacións que se promoven a través de campos de traballo internacionais na Casa da Neveira de Xermade para explicar como se facía o xeo noutros tempos, pero tamén estivo involucrado nas prospeccións do Castelo de Muras

Israel Picón, na Casa da Neveira de Xermade. EP
photo_camera Israel Picón, na Casa da Neveira de Xermade. EP

O primeiro contacto real coa arqueoloxía chegoulle en 2001 a través de campañas de verán non remuneradas e se dedicou varios anos despois a traballar para outras empresas ata que en 2007, xunto a outros dous compañeiros, decidiu dar «un paso adiante» e crear A Citania, un proxecto propio de arqueoloxía e xestión do patrimonio involucrado en escavacións por moitos lugares, tamén  na Terra Chá. 

Leva catro anos participando no campo internacional que promove a Xunta na Casa da Neveira, en Xermade. Que se sabe do xacemento? 
Estamos recuperando un ben etnográfico que se pode catalogar como unha neveira de almacenamento. Foi construída con pousas de xisto con argamasa e cuxa cuberta era de lousas. As dimensións aproximadas do xacemento serían de 9,5 metros por 5,5, con orientación NL-SO e cunha profundidade estimada de seis ou sete metros. 

Cal é o seu maior valor? 
Sen lugar a dúbidas, o apoio que nos está a dar a veciñanza. Para nós, isto é o máis importante.

Coñécense ou quedan moitos xacementos como este? 
Coñécense moitos. Escaváronse e puxéronse en valor hai un ano as Neveiras de Fixó en Millerada (Forcarei), onde naceu meu pai. Tamén na Franqueira (A Cañiza), escavouse recentemente o Pozo da Neveira. En Abadín existen cando menos dúas, en Carballeda de Avia coñezo a neveira de Vilar de Condes, a Casiña da Naveira en Melón (Ourense)...

E como se facía o xeo?
As neveiras contan cunha estrutura estanca que permite o almacenamento de neve que unha vez prensada se converte en xeo. Os pisos e paredes estaban illados, aínda así se colocaban a maiores capas de palla e outras materias vexetais para evitar o contacto da neve coa pedra e entre as propias capas de neve para separar o xeo. Por regra xeral as neveiras estaban localizadas en lugares resgardados dos ventos da montaña, para impedir que se derretese o xeo, como no noso caso nunha zona fría e en sombra a media ladeira, e nunha altura suficiente que impedise o desxeo.

Este ano participaron 17 rapaces de cinco países diferentes. Como é a experiencia? 
É moi enriquecedora. Aprendemos moitísimo deles e delas. Velos involucrados e tan a gusto en Xermade é moi reconfortante.

Nesta última fixeron labores de conservación. Cal é o reto e que queda por facer? 
Seguramente proxectar unha escavación profesional onde se escaven zonas que poden aportar unha información moi interesante ademais do baleirado dos enormes recheos que afectaron gravemente a estrutura.

A Citania Xestión tamén realizou as prospeccións no xacemento do castelo de Muras e atoparon a base da torre da homenaxe e dous foxos que non estaban catalogados. Hai algún proxecto para continuar? 
Non o sei, pero creo que apostar pola cultura sempre é intelixente e positivo. O castelo é un dos xacementos máis espectaculares nos que traballei.

Por que?  
Pola súa situación, polo dominio visual, pola sucesión de foxos e parapetos e por tratarse dun xacemento medieval que posiblemente estea cimentado sobre un castro. 

Que é o máis complicado no mundo da arqueoloxía, atopar financiamento, tempo...?
O máis complicado é non caer no desánimo cando se destrúe constantemente o patrimonio cultural de Galicia.

A xente está concienciada? Valórase a arqueoloxía? Ou hai que facer moito traballo aínda?  
Falta moito, pero exemplos como os da neveira fannos ser positivos co futuro. 

E a nivel institucional? Hai respaldo, o compromiso é suficiente?
O respaldo claramente é insuficiente pero creo que tamén hai que facer autocrítica de portas para adentro e non só criticar as administracións.

Coa empresa, a maiores de escavacións ou sondaxes, realizan musealizacións e postas en valor. Ese é o obxectivo sempre? 
O obxectivo é ser profesionais e honestos en calquera tipo de traballo que realicemos. Por iso creamos unha empresa en plena crise.

Apostan moito polas tecnoloxías aplicadas á arqueoloxía.
Apostamos e debemos apostar aínda máis para seguir mellorando e ofrecendo un servizo de calidade.

"O que máis me gusta da Chaia é o pan de Muras e das Pontes, a empanada de Casa Teresa"
Se non fose arqueólogo... sería? 
Non o sei. 
Qué época histórica lle gustaría vivir? 
Na que vivo.
Traballou en moitos proxectos por toda Galicia. Hai algún en concreto que o marcase máis? 
A Ponte do Burgo en Pontevedra e a creación da área arqueolóxica do Candán en Silleda.
Un soño? 
Escavar no Castro Montaz (Silleda).
Fálanlle as pedras? 
Non nos falan pero aprendemos a lelas.
Qué o máis difícil da profesión? 
Chegar a fin de mes.
É de Pontevedra pero ten relación laboral coa Chaira e persoal coas Pontes. Que é o que máis lle gusta? 
Da Chaira o pan de Muras e das Pontes, a empanada do restaurante Casa Teresa.
Un lugar que sempre recomenda visitar?
A Ruta do Batán de Folgoso, en Xermade.
Unha película?
‘A vida de Brian’.  
E un libro para recomendar?   
‘A importancia de chamarse Ernesto’.
Que retos ten? 
Sen dúbida, o gran reto é continuar traballando dentro deste sector con Xurxo Constela e Eduardo Velázquez.

Comentarios