A luguesa Melania Cruz conduce desde este sábado un programa de viaxes na TVG

Neste espazo, mestura de reality e concurso, cada semana unha familia viaxará pola xeografía galega para dar cun fantástico premio

A actriz Melania Cruz. CRTVG
photo_camera A actriz Melania Cruz. CRTVG

Desde este sábado, os espectadores da TVG poderán redescubrir Galicia en familia con Álbum de viaxe, que cada semana sorprenderá unha familia galega cunha viaxe inesperada de fin de semana onde o importante non será o destino, senón aproveitar cada paso para poder acadar un fantástico premio final. Este orixinal formato, que mestura reality e concurso, conxuga a divulgación da cultura galega coa emoción e a intriga de sorprender unha familia anónima cun reto fascinante cheo de sorpresas, diversión e emoción.

A recoñecida actriz luguesa Melania Cruz afronta o seu primeiro traballo como presentadora de televisión con este programa, en que cada semana lle fará entrega á familia dun álbum de viaxe e dunha cámara de fotos.

Descoñecedores da fin de semana que os agarda, a familia deberá seguir o itinerario indicado no seu álbum, obtendo todas as instantáneas para poder ter acceso ao concurso final do programa. Cultura, gastronomía, natureza, deportes, música, arquitectura, encontros sorprendentes, divertidos retos e unha multitude de sorpresas conformarán o itinerario que cada familia deberá seguir.

Ao remate da súa sorprendente viaxe, Melania Cruz estará novamente agardando por eles nalgún punto da xeografía galega. Alí, e tras comprobar que a familia foi capaz de completar o seu álbum de viaxe, a presentadora someteraos a unha batería de preguntas e, se conseguen acertar a maioría, obterán o premio final.

Durante a viaxe familiar de fin de semana, varios convidados de distintas zonas de Galicia recibirán a familia en diferentes puntos para facilitarlles información, guialos nunha determinada actividade ou propoñerlles algún reto sorprendente. A familia deberá ir obtendo as fotografías indicadas no seu álbum de viaxe, pero tamén deberán permanecer ben atentos a todo o que pasa ao seu arredor, a todo o que vaian vendo e escoitando, xa que todo será decisivo de cara ás preguntas finais.

Álbum de viaxe percorrerá o máis destacado e popular do tecido turístico galego, visitando as catro provincias e viaxando coas familias participantes a todos os recunchos de Galicia. Desde Ourense ata a Mariña, desde A Coruña ata Sanxenxo, desde o interior ata as Cíes ou desde a Costa da Morte ata a alta montaña.

Comentarios