O lugués Chema Prado e Xurxo Lobato, entre os premios da Cultura Galega

O conselleiro Román Rodríguez deu a coñecer os galardóns, que premiaron tamén a Fegatea, Ledicia Costas e Xosé González
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Anxo Lorenzo e Román Rodríguez, no centro, entre os membros do xurado. EP

A escritora Ledicia Costas, o fotógrafo Xurxo Lobato, o conservatorio de música popular Central Folque, a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (Fegatea), o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado (Rábade, 1952), o dinamizador cultural Xosé González, a fundación Penzol e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj, compoñen o palmarés dos Premios da Cultura Galega 2020.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de dcar a coñecer os galardóns.

A escritora Ledicia Costas, unha das máis recoñecidas e lidas do momento, levou a categoría de Letras.

En Artes Plásticas o premio foi para Xurxo Lobato, a quen o xurado nominou como "un dos fotógrafos máis representativos" da actualidade en Galicia. Académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, a súa obra figura en coleccións destacadas como a do Museo Reina Sofía ou a Colección Fenosa.

A Fegatea foi recoñecida na categoría de Artes Escénicas pola dedicación ao longo das dúas últimas décadas á promoción do teatro amateur en galego. A federación está composta por 53 agrupacións, o que a converte na entidade teatral de maior envergadura da comunidade.

En Música, o premio foi para aCentral Folque polo seu traballo de difusión da cultura popular. Nacida no ano 2000 en Lalín como un conservatorio musical, en 2008 trasladouse a Santiago, onde se asentou como unha das entidades de referencia en música tradicional tanto na difusión como na aprendizaxe e a produción.

O exdirector da Filmoteca Nacional, o rabadense Chema Prado, recibe o galardón no apartado de Audiovisual. Prado é o responsable máis lonxevo da Filmoteca Nacional, entidade que presidiu durante case 30 anos.

O premio de Lingua é para Xosé González, colaborador de El Progreso, que é un "dinamizador no sentido máis amplo da palabra", segundo o xurado.

A fundación Penzol leva o galardón na categoría de Patrimonio Cultural pola promoción e difusión do patrimonio cultural dende a súa biblioteca. Por último, o responsable do Centro de Estudos Galegos de Budapest, Ildiko Szijj, recollerá o premio de Proxección Exterior. Licenciada en filoloxía española, portuguesa e francesa e doutora de Estudos Románicos, defendeu unha tese doutoral dedicada á historia do verbo galego.

Comentarios