Lugo estuda peonalizar Rafael de Vega en 2021

Arroxo mantivo unha xuntanza cos veciños, onde se propuxo que a humanización da rúa forme parte dos vindeiros orzamentos
Xuntanza de Arroxo cos veciños de Rafael de Vega. EP
photo_camera Xuntanza de Arroxo cos veciños de Rafael de Vega. EP

O tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas de Lugo, Rubén Arroxo, xunto con Alexandre Penas e Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza cos veciños de Rafael de Vega para recibir as súas propostas para o futuro da rúa. “"esta xuntanza recibimos a petición de parte da veciñanza para estudar a peonalización da zona inferior desta rúa", explicou o concelleiro do BNG.

Arroxo explicou que "estamos estudando incluír este proxecto nos vindeiros orzamentos municipais, nos cales xa estamos a traballar". "Trátase dunha zona con moita poboación pero que non conta con zonas verdes nin peonís amplas", indicou o tenente de alcalde, que engadiu "con esta humanización da zona conseguiranse crear un espazo de lecer necesario para a veciñanza ao mesmo tempo que se continuará a traballar na redución de tráfico rodado en toda a cidade".

Destacou tamén "a colaboración da veciñanza para transformar a mobilidade en Lugo", e afirmou que "o futuro pasa por unha cidade máis amable cos peóns como eixo da mobilidade no lugar do transporte público". "Para conseguir isto temos que avanzar no cambio de percepción da mobilidade por parte da veciñanza e un paso importante nisto dase gañando espazos para os peóns", concluíu.

Comentarios