Lucía Pérez, Tradescola e Chicharrón, na Semana das Letras na provincia de Lugo

A Deputación organiza un programa que se desenvolverá entre os luns 13 e 21 en Lugo, Monforte de Lemos, Guitiriz e A Pastoriza

Lucía Pérez. AEP
photo_camera Lucía Pérez. AEP

O programa que preparou a Deputación Provincial de Lugo co gallo das Letras Galegas inclúe actuacións de Lucía Pérez, a Tradescola ou Chicharrón. Estenderase entre os luns 13 e 20 deste mes en Lugo, A Pastoriza, Monforte e Guitiriz.

Lucía Pérez estará ás 20.00 horas do vindeiro martes na praza lucense de San Marcos. Interpreará temas do seu novo disco Quince soles, co que celebra 15 anos no mundo da música. O álbum, integramente en galego, conta con colaboracións de Vizcaíno, Susana Seivane, Chema Purón, Xabier Díaz, Tonhito de Poi, Sito Sedes, Emilio Rúa, Rosa Cedrón e Chenoa.

No mesmo lugar verase ao día seguinte, ás 18.30 horas, o espectáculo musical Canta, miña pedra, canta, na que o músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita, interpretan cantigas populares recollidas polo autor en Aportacións ao cancioneiro de Cotobade. A asociación cultural Falcatrueiros, de Monterroso, representará Terra ás 20.00 horas.

Os músicos da Tradescola actuarán ás 18.30 horas, tamén na Praza de San Marcos en Lugo, o xoves día 16. Esta entidade de Lugo, promovida pola Asociación de Gaiteiros Galegos, estará representada por algúns dos seus alumnos. A Banda Filharmónica de Lugo dará un concerto á continuación, ás 20.00 horas.

Os espectáculos preparados para o venres 17 e o sábado 18 foron encargados ao festival Fa Ce La e van desenvolverse nos xardíns da Deputación coas bandas Chicharrón e tamén Os Amigos dos Músicos.

Palimoco Teatro levará o teatro ás rúas de Lugo o día 19, domingo, a través de Letras Vivas ás 21.00 horas polas rúas do centro.

As actividades no resto da provincia comenzarán o vindeiro luns na Pastoriza con Os Romeiros do Caracol, que moverán os seus monicreques e tocarán a súa música. Esta agrupación poderá ser vista novamente en Monforte de Lemos tres días máis tarde, o xoves 16.

O peche do programa celebrarase en Guitiriz. Xoán Curiel e Charo Pita volverán con Canta, miña pedra, canta.

CITA. O presidente da Deputación, Darío Campos, explicou que o Día das Letras Galegas "cada ano homenaxeamos a unha figura relevante que reflexa o noso patrimonio lingüístico e literario, e este ano tocoulle a Antón Fraguas, historiador e etnógrafo, unha figura necesaria para poñer en valor o tesouro que é a nosa cultura popular".

Campos Conde tamén destacou que "non podemos centrarnos só no que xa foi, pois a nosa é unha cultura viva e que segue creando, temos numerosos escritores, poetas, cantantes, artistas, actores... que reivindican crear e vivir en galego, e aos que apoia o Goberno provincial".

A RAG publica o discurso de Antonio Fraguas
A Real Academia Galega, cadrando co 63º aniversario do ingreso de Antonio Fraguas na corporación, publica na súa web en versión dixital o orixinal, mecanoscrita, da intervención da figura á que dedica o Día das Letras Galegas e mais o manuscrito da resposta que lle deu Otero Pedrayo.

Castelao
Fraguas pasou a ocupar aquel serán de maio de 1956 a cadeira do seu mestre Castelao, de quen foi primeiro alumno no Instituto de Pontevedra e despois compañeiro no Seminario de Estudos Galegos.

 

Comentarios