Lucía Pérez enche na casa...e golea

Lucía Pérez, sobre o escenario da Praza da Horta do Seminario, xunto a Chema Purón (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Lucía Pérez, sobre o escenario da Praza da Horta do Seminario, xunto a Chema Purón (Foto: Xesús Ponte)

Hai maiores que falan de inxustizas eurovisivas e nenos que preparan a coreografía de ‘Que me quiten lo bailao’. Todo, ata que a lembrada Ana Kiro comparece na pantalla. Son palabras maiores. Xunto a ela, unha nena morena con gafas, que quere ser artista.

Doce anos despois, nunha noite de luar de outubro, Ana Kiro ten unha herdeira sobre o planeta Galicia que enche o escenario grande do San Froilán. Lucía Pérez aparece en verde esmeralda escuro -vestida por Sara Lage e Maru Calderón, como en Düsseldorf- e vai por rock. A banda mete electricidade e ela achega enerxía de ‘Nacer de nuevo’. «Quiero comenzar rompiendo el hielo», canta, pero nin falta que fai, que a noite está morna e ten ao respectable aos seus pés.

Lucía chega ao San froilán coa banda grande; guitarra e baixo eléctricos, batería, percusións, teclados e ventos... e Chema Purón, o seu mentor, á guitarra acústica e aos coros.

Quen estea instalado na idea da Lucía Pérez feita para a canción melódica pode comprobar qué ben lle quedan á artista do Incio ás maneiras rockeiras de temas como ‘Probablemente’ e que a súa voz ter a calidez e o color para cantar por blues ou swing, en ‘La página diez’, con saxo, escenografía de taburete, gafas de pasta e ‘Mecanoscrito da primeira orixe’ entre as mans.

Lucía Pérez crese o que fai e canta con verdade ‘Amarás miña terra’ ou ‘O Incio’, «fonte das augas que corren, terra de sempre lembrar». Alterna versións e temas propios, galegos e universais, volve polo ‘Boom bang a bang’ de Lulu que fixo nas galas previas a Eurovisión e polo ‘Abrázame’ que non lle deixaron cantar.

Tira tamén de clásicos da música galega do derradeiro medio século, do ‘Teño saudade’ de Los Tamara, a ‘Camariñas’, por Ana Kiro, e o ‘Adiós ríos, adiós fontes’.

E ‘Que me quiten lo bailao’, a canción á que quedou fortuitamente vencellada? Pois tamén. Non unha, senón dúas veces.

GÖTEBORG
Lucía, oitava no Ogae Second Chance

A cidade sueca de Göteborg acolleu a fin de semana a final do concurso Ogae Second Chance, no que Lucía Pérez quedou oitava coa canción ‘Abrázame’.

O Ogae é o Club Internacional de Seguidores de Eurovisión. No caso de España, os temas que entraban en competición foron os escoitados na gala final de preselección que fixo TVE para elixir representante español para Eurovisión. Entre estes, os integrantes españois da Ogae elixiron ‘Abrázame’, de Lucía Pérez, que competiu con outros vinte países e intérpretes.

A gañadora, Islandia

O tema de Lucía Pérez quedou en oitavo lugar, cun total de oitenta puntos. A gañadora foi a canción de Islandia, que triunfou por primeira vez no festival Ogae Second Chance. As votacións fanse nesta cita organizada polos fans ao máis puro estilo Eurovisión.

Comentarios