A lóxica da lei mordaza

ENTRE OUTRAS neglixencias levadas a cabo durante o 2014 o goberno pechou o ano coa aprobación no Congreso da Ley Orgánica de Seguridad Ciudadana, alcumada popularmente lei Mordaza. Para logralo fixo valer a solitaria maioría absoluta do seu partido. Tense escrito moito sobre esta lei, e por certo, pouco a favor. Máis aínda, nese pouco só se atopan panexíricos de aduladores que coas súas falsías denigran calquera ética, alteran todas as realidades e negan o uso da intelixencia a quen non se pregue as súas servís opinións.

A aprobación definitiva desta lei e a súa inclusión no Boe -levamos tres anos gobernados a golpe de Boe e escasos de política- vai supoñer unha minoración de dereitos fundamentais e de capacidade de resposta para os cidadáns, e tamén o declinar da cidadanía nas redes tendidas polas elites gobernantes. Se primeiro nos recortaron dereitos na sanidade, na educación e no acceso á xustiza, agora nolos van recortar na liberdade de expresión. A pretensión é amputarnos directamente o pensamento libre. Neste sentido a lei Mordaza é unha continuación da Lomce, que ao recortar dereitos educativos, se non prohibe explicitamente o exercicio do pensamento, redúceo á mínima expresión, baleirando de facto a presenza da Filosofía nos plans de estudios.

Non debemos polo tanto, ver esta lei como a arroutada dun ministro con ideais especialmente conservadores nin o resultado dunha caída do cabalo de ninguén -aínda que haxa detrás moita crenza-, senón como a consecuencia lóxica e inevitable da opción ideolóxica na que vivimos, esa que goberna o mundo con man de ferro, aínda que a enfunde en guante de seda acolchado. A man de ferro pertence ao neoliberalismo globalizado e é xemelga da man invisible que controla e dirixe o mercado. Un mercado que nesta época de globalización responde aos criterios -invisíbeis pero reais- dos intereses financeiros das multinacionais, grupos de presión ou inversores especulativos. Satisfacer estes intereses invisíbeis do mercado xera moito sufrimento en amplos sectores da sociedade, así que o actual neoliberalismo, consciente de onde nos vai ferir, pon a venda antes da ferida. Este é o sentido último da lei Mordaza, previr, anticiparse ás nosas protestas, disuadirnos de facelas, sequera de pensalas e dende logo, de expoñelas.

Sentido, ademais, que se enmarca na actuación de todas as elites da globalización, pois manteñen un estado de guerra permanente contra a cidadanía de todos os pobos. Os cidadáns, suxeitos depositarios do poder na democracia, son actualmente o inimigo para aqueles que ostentan o verdadeiro poder na posmodernidade, o económico. A caída dos inimigos externos soe dar esta situación absurda, a de converter en inimigos aos próximos. A economía globalizada fundamentada no falso mito do crecemento continuo, do incremento exponencial da produción e da multiplicación dos beneficios, necesita coaptar a vida dos cidadáns para poñela ao servizo das súas plusvalías. Traducida, esta situación significa que non lles interesan cidadáns libres, senón man de obra obediente -proletarización do cidadán-. Xa non fan falta, como antano definira Aristóteles os escravos, «ferramentas que falan» das que o amo era propietario e responsable, incluíndo aí o seu coidado. Agora, esas ferramentas humanas transformámonos en máquinas animadas, altamente preparadas para traballos especializados que tras facelos temos que automanternos se podemos, e que só interesamos durante o tempo que nos usan, pois somos facilmente substituíbles, máis facilmente do que era antes adquirir un escravo.

O abandono do principio de igualdade nos pon nesta situación de guerra, de cainismo común, de todos contra todos (terá razón Hobbes?). As elites se aferran aos seus privilexios, se separan da masa, do pobo, redefinido outra vez como plebe e ese apartamento obedece a unha minusvaloración do ser humano distinto de min. Fundamentada no principio de que «non todos somos iguais» xorde unha nova aristocracia que pretende agrupar por un lado os mellores (máis ricos, máis listos, máis hábiles...) e denigra o resto como o contrario desas supostas virtudes; á vez, xeran unha desconfianza cara a eles que os leva ao temor do diferente e ao incremento incesante da necesidade de seguridade.

Rachar co principio de igualdade, tal como se está a facer nestas sociedades, require estados altamente represivos que poidan -chegado o caso e ante a evidencia de que chegará- dominar calquera intento de subversión da orde dos privilexios. Control da rúa, punición, represión administrativa, forzas policiais e armadas disuasorias, brazos xudiciais (outra vez as mans) controlados gobernamentalmente forman parte do estado represor «democrático» posmoderno, da guerra das elites contra o pobo. A isto engádese o control dos medios de comunicación, a manipulación actual da tecnoloxía, a limitación do seu uso pola autoridade exercinte (está na nova lei), e, ademais, o poder da prestidixitación social que se leva a cabo coa publicidade. Todo devén mentira. E, ademais, unha mentira que acabamos querendo e adorando baixo o lema «Algún día eu tamén serei elite», entonado como unha salmodia por todos os desafiuzados do sistema.

O resultado será a inmensa bolsa de frustración que haberá que combater, e para iso estará a lei, para amordazar, para controlar gobernamentalmente, para dar confianza e beneficios as forzas globalizadas das elites que esixen submisión, para que grazas a escaseza de protestas poidan dilapidar o medio ambiente, escravizarnos a tempo parcial e convencernos de que a nosa función é servilos.

A aristocracia estase impoñendo á democracia, que cae nun baleiro ideolóxico a ritmo vertixinoso. Nesa caída vai esnaquizarse a nosa dignidade, e o peor, nela imos deixar esnaquizada a dos nosos fillos.

Comentarios