De Lorenzo: "Escribir esta novela foi como podar un bonsai"

O novelista ourensán publica en abril 'Todo lo demás era silencio', sobre unha parella que trata de superar un trauma volvendo á nenez

Manuel de Lorenzo. JAVIER PROL
photo_camera Manuel de Lorenzo. JAVIER PROL

Manuel de Lorenzo foi pequeno nunha casa chea de libros en Ourense. Espertaba co "martilleo das teclas da máquina de escribir" de seu pai. El espreguizábase e mergullíase no mundo dos Hollister. Namorou tanto das súas aventuras que, cando súa nai lle preguntou que quería ser de maior, el dicía que "escritor".

Antes de chegar a ese oficio probou co Dereito, montou unha fábrica artesá de licor café, un restaurante e varios grupos musicais. Escribe semanalmente en El Progreso e en Diario de Pontevedra. Fala de historia na Radio Galega e é un amante da física cuántica. Despois de todo isto, Lorenzo publica a sua primera novela.

Manuel de Lorenzo móvese por curiosidade e por obsesións. Dunha delas naceu o tema de Todo lo demás era silencio. "A idea xeral era partir dun momento no que a vida se pon do revés e non sabes como seguir adiante".

En agosto de 2016 a saúde forzouno a estar dez días mirando o teito dun hospital. As cores pálidas deste edificio fixéronlle pensar que "a historia podería comezar alí" e acabou sendo "a paisaxe da primeira parte da novela".

Chegaba o outono dese ano e o autor estaba facendo esquemas, debuxando tramas e creando personaxes. "Cando leo que algún autor se senta a escribir e lle sae a novela enteira, paréceme incrible. Iso debe ser outra liga", ri.

Cando alguen dicía unha cousa ou tiña unha reacción, eu intentaba comparalo coa que tería Julián ou Lucía. Chegou a ser obsesivo, á vez que adictivo

De Lorenzo escribe para varios medios, pero "nos artigos podes permitirte, así como no fútbol, facer só unha xogada magnífica". O conto cambia ao ter que xogalo partido enteiro. "Na literatura teñen que existir momentos sen filigrana, nos que as cousas transcorren". E estas son as páxinas que descobren un novo escritor.

INFANCIA. Despois de varios intentos, o autor meteu dentro da súa cabeza a Lucía e a Julián, os protagonistas da novela. Apartou o cabelo de diante dos ollos, puxo as súas gafas de pasta negra e comezou a "observar o que lle aconteceu a esta parella nun tempo pasado".

A novela está escrita dende a súa perspectiva porque "un non pode deixar de ser un mesmo". Manuel de Lorenzo é un narrador que ás veces é omnisciente e outras é especulador. "Hai cousas que non di, como se houbera unha última parte á que ninguén pode acceder".

Julián e Lucía son un "puzzle dos rasgos de personalidade" das persoas que pasan pola vida do escritor. Son unha parella que se asenta sobre o contraste e as diferencias entre ambos, así como pola necesidade de estar xuntos.

Durante máis de dous anos, De Lorenzo habitou os bares de Ourense con estes personaxes na cabeza. "Cando alguen dicía unha cousa ou tiña unha reacción, eu intentaba comparalo coa que tería Julián ou Lucía. Chegou a ser obsesivo, á vez que adictivo".

Os protagonistas cruzan a meseta para buscar unha cura á súa dor. Vivían en Madrid, "o lugar da súa vida adulta", onde sufriron unha traxedia que os fai volver a Galicia, lugar no que se atopa "a orixe da parella".

"A infancia é poder refuxiarte nas pernas de teus pais, poder mirar o mundo en contrapicado", conta o autor. Lucía e Julian fan unha viaxe a unha época onde non existía a dor e podían "coller a bicicleta toda a tarde e non pensar no que ía pasar mañá".

O que atopan nos seus recordos é o que marcará o devir da parella, nunha historia chea de xiros e de xogos do azar.

A filla de Manuel de Lorenzo pasou dous anos despertando en Ourense co ruído das tesoiras de podar seu pai. O escritor erguíase todas as mañás coa necesidade urxente de cambiar algo da novela.

"É como podar un bonsai. Non houbo nada impulsivo, non foi como pintar un cadro a brochazos. Había veces que quitaba unha palabra e me parecía o mellor que fixera no día e, unha semana despois, volvía engadila", recorda.

Aínda quedan tres meses para que chegue ás librerías, pero esta novela "é unha parte pechada". "Foi liberador e tamén decepcionante, por deixar de estar pegado á historia", conta.

"Que a vida non quixese que fose funcionario fixo que me adicase a algo que si que me gusta".

Por iso, a mente hiperactiva do escritor, xa anda traballando nunha segunda novela, na que pode ter moito protagonismo o alcohol e a súa experiencia como artesá do licor café.

Todo o que fai, ben sexa tocar con Best Life Under Your Site ou escribir sobre antimateria, faino porque o sinte. "Quero facer aquilo que intúo que me pode encher. Se soubese como se fai o cine, faríao", ameaza De Lorenzo. "Penso que a vida vai diso".

Comentarios