Lomarti expón en La Catedral 1 cadros alegres e mulleres tristes

'Retro' reúne 36 pinturas e esculturas que reivindican as vangardas do século XX
Lomarti observa unha das esculturas que expón na sala La Catedral 1. ADRA PALLÓN
photo_camera Lomarti observa unha das esculturas que expón na sala La Catedral 1. ADRA PALLÓN

Juan José nunca soubo o significado da palabra "esperar". O Instituto Mixto de Lugo e máis el non se entendían. El acabou por chamarse Lomarti, o instituto pasou a ser Xoán Montes. O estudante deixou de ir ás aulas con 15 anos. Teresa Diz dáballe clase de pintura xunto a outros catro rapaces no ático do centro.

No grupo estaba Xoán Guerreiro. Somos como pintamos. Xoán é sereno e pausado, pero el non podía agardar dun día para outro. "Eu sempre estaba debuxando". Empezou como camareiro, tamén foi decorador. "Traballei en Talleres Paco, no barrio de Feixoo. Precisaba un administrativo. Tardaron catro días en decatarse que non sabía escribir a máquina".

Lomarti ten agora 63 anos, pero non aprendeu a esperar. "Cando empezo un cadro necesito acabalo no mesmo día porque, se non o fago, vou para a cama e non durmo porque lle estou dando voltas". A consecuencia dese ritmo é que ten a casa onde vive, no campo de Chantada, chea de pinturas e esculturas; pero tamén a nave do pai no mesmo municipio e un edificio en Lugo. "Non podo facer esculturas grandes porque non teño sitio no estudo", engade.

Ese nervio domina a súa pintura; a mancha rápida e tensa, ancha. Sin embargo, pode pararse nun cabelo ou nunha mesa, e darlle todas as pinceladas que precisa ata que ten a luz que buscaba.

Como pasa moitas horas en solitario no estudo, pensa. "Cando empezo un cadro non teño idea do que vou facer, pero me acordo do romanticismo ou dos cubistas franceses" e fai a obra tal e como a pintarían eles.

Retro, a exposición de 36 pinturas e esculturas que expón dende este venres en La Catedral 1 de Lugo, é puro Lomarti: reivindica o academicismo sen ter pisado unha academia. Carecía de tempo para someterse a horarios e profesores, pero non lle gustan as técnicas actuais. "Usan medios mecánicos e baséanse na publicidade e no márketing", sinala, ao tempo que descata que "son contrario ás facultades; se levas a arte dentro, abonda con que aprendas catro cousas para empezar".

A contradición vive tamén nas súas esculturas. Amosa na sala unhas pezas sólidas e densas que rodea de estruturas metálicas que se elevan lixeiras. Os cadros deslumbran polas cores vivas e o ritmo que trazan mulleres de ollada incurablemente melancólica.

Comentarios