"Logo da faena, se era hora acaída, os da casa daban a merenda"

Todos á faena
photo_camera Todos á faena

Lembro que malia ter poucos anos, naquelas estanzas na Mariña estaba encantado de poder axudar a apañar e carretar os mollos de trigo logo da sega e tamén a tiralos da meda cando tocaba a malla. Eran medas pequenas, propias de minifundio, e en Vieiro (Viveiro) eu lembro tirar tres medas de distinto propietario nunha tarde. Logo da faena, se era hora acaída, os da casa daban a merenda.
Isidro Novo / Viveiro


E, rematado o traballo, chega a hora de barbearse, lavarse e faceren a distribución crematística, que é tamén proporcional á categoría do traballador. En primeiro lugar establécese unha cantidade determinada para os segadores e logo, unha vez feitos os cortes e os quites, para os demais. Poñamos por caso: se un segador recibe 1.000 ptas., aos medias fouces correspóndenlles 700 e aos atadores 500, sendo o restado respectivamente eses cortes e quites, que logo son repartidos en relación ao estatus entre maioral e segadores. E aló contra o 15 de agosto, pola Nosa Señora, regresan entre aturuxos a cadanseu lar. Veñen fracos, cansos, medio eslombados logo de tres meses de penuria, e mouros coma o chamizo por mor do abrasador sol castelán. E na estación de Baamonde repítese case a mesma escena.
Xosé M. Felpeto / Vilalba


Todo cuanto desocupado había en la aldea se unía al grupo para participar de los cánticos y aturuxos propios de esta época. Se levantaba la reunión entonando a coro la canción de Curros Enríquez «unha noite na eira do trigo», que se repetiría incansablemente hasta finalizar las tareas propias de la recolección del centeno y del trigo. Era frecuente que en la última era (aira) en la que se mallaba se organizara un fin de fiesta con un acordeón que tocaba de oído Zapateiro de Riazón, un vecino que se dedicaba a animar las ruadas.
Manuel Romay López / Ombreiro / Lugo


Era luego as mallas do pan das “Bouzas en la finca del Lago, en pleno verano, el ¡25 de julio! que le tocaba a Quiroga y siempre había la misma polémica de D. Elisardo por el día festivo y fiesta de guardar... Era uno de los trabajos colectivos de la comunidad, y traían ya la maquinaria moderna con un estrepitoso motor para la majadora y luego a mano usaban las limpiadoras de manivela que se conocían como Ajuria-Vitoria, que era el nombre de su origen.
Eugenio Bobillo Rodríguez / Quiroga


Cando aparecía un gran vermello na espiga, ou unha espiga vermella, o rapaz ou rapaza tiña dereito a darlle un bico a alguén que estivese no grupo. Tamén falábase das xacias que vivían nos ríos. Se ía un rapaz polos seus dominios, facíanlle unha pregunta con trampa. E se a erraba, tiña que satisfacer os desexos da xacia; senón podían convertelos en calquera ser. Se fallaban, tíñanlle que dar unha mazorca de millo corvo para que non o convertesen en lamprea. Isto vén de moi atrás.
Tareixa Campo / O Incio


Facer as mallas era o pecho, o precinto, rotativo, anual, dos afáns labregos. Foi, ou non foi, bo ano? Esta era a reflexión do paisano, cando o paisano non se desvelaba polo precio do leite senón pola tulla do pan: centeo, trigo, aveas…! Agora veu a especialización, e quedámonos sen calendas, sen estacións agrícolas! O San Froilán sempre foi a festa estacional, a da recolleita; festa culmen e lúdica. Grazas a Deus que chegamos ata aquí… e coa malla feita!
Xosé María Gómez Vilabella / Castroverde


Os tascóns servían para sacarlle os tanascos ao linó. Para que non se arrincaran da mesa e que as mulleres puideran traballar cómodas, un home andaba cunha machada e cun martelo metendo cuñas de madeira onde facía falta. Á hora do xantar, as cociñeiras servían leite e torta de millo e, logo, aló pola tarde, as mozas novas falaban nervosas unhas coas outras: «Agora logo vén, muller!».»Non, xa non che é nada». «Onte acabouse todo».
Tío Avelino de Randulfe / Manuel Rodríguez López / Paradela


Cando se esfollaba botábamos ata ás tres ou catro da mañá. Ao rematar, alguén tocaba o acordeón e alí bailabamos uns cos outros. Desexabamos ir porque sabiamos que había troula. Hoxe era nunha casa e mañá noutra.
Antonio Arias Folgueira / San Román da Retorta / Guntín


Había mallas no Val de Lemos que duraban dous ou máis días completos. Nas airas que se untaban con bosta de vaca mollada para que o grao non se enterrase na terra, despois do traballo sempre se comía, e esta era unha verdadeira festa, na que se facían todo tipo de trouladas, sobre todo se na malla había un mozo ou moza casadeiros. Deste xeito ibase dunha casa a outra, ata que todos os veciños tivesen o grao na adega.
José Ramón Casanova Otero / Monforte de Lemos


O fiandón ou fiadeiro consistía en xuntar nunha corte ou corral todas as mozas do lugar ou veciños a carón do caseiro, que entregaba as manelas xa fiadas ou para as fiar alí; tamén alí acudían os mozos, lanzándose chistes graciosos, e cantigas; a unha hora convenida apagaban o candil. Daquela era a cañamizada. Todos revoltos, unhas gritaban, outras pelexaban por defenderse das acometidas.
Jesús González Rodríguez (Abeledo) / Taboada


Cando escoitabas o son das máquinas de mallar nos outros pobos, xa se comentaba: A máquina vén nunha semana e a primeira malla que había era todo un acontecemento. Facíase por rigorosa orde e agás excepcións, uns ían ás dos outros. En todas as mallas se comía. Non se como, pero comíase sempre.
Manuel Pérez Puente / Pena / Castroverde


Eu traballei no campo desde pequeno. Escribín un libro que se titula ‘Eu tamén fun coas vacas’, onde conto estas cousas. Rememoro aqueles anos e estou moi orgulloso por dúas cousas. Houbo unha señora, a María do Gaiteiro, que aos dous meses de publicar o libro deume unha aperta en Chantada e díxome: «Gracias Alfonsiño, por facer este libro por nós. Este é o noso libro». Eu despois casei e meu sogro era da Limia, e claro coñeceume como un xornalista e cando leu ese libro, falabamos dos traballos do campo e el pensaba que eu tocaba de oídas. E díxolle a súa filla a á miña muller: «A verdade é que este foi un labrego, aínda que sexa un xornalista». Eu tamén estou orgulloso diso.
Afonso Eiré López / Riopedroso / Laxe / Chantada


O que me levaba o demo era segar. Nunca atrás me quedei e gustábame moito gadañar porque afiaba moi ben a gadaña, e aí estaba o quid. Había que facelo cando máis calor facía e segar non, porque a extendía e logo durmías a sesta. Eu xa digo, pasei por todas.
José Manuel Pol Herbón / Adai / O Corgo


Había institucións consuetudinarias dunha orixe remotísima. O carreto era unha, pero tamén a horta da viúda, na que traballaban os homes todos do lugar, un tras do outro, para que non tivese que facelo a muller que perdera o home, especialmente cando a viúva era vella e non podía valerse. Había moitas viúvas nas aldeas, «viúvas de vivos e viúvas de mortos» dixo Rosalía. Mulleres sen home que as valese.
Basilio Losada / Penaboa / Láncara


Na infancia houbo que traballar moito, ao menos eu, pero fame nunca pasamos. Na sega estabamos quince días ou máis. Aínda hoxe coñezo a xente que ías traballar para ela e apréciante bastante ben.
María Vecín López / Veiga de Brañas / Zanfoga / Pedrafita do Cebreiro

Comentarios