'Á lixeira' como escribe Gilles Lipovetsky

É realmente difícil de rebatir: a lixeireza é a tendencia dominante dos nosos tempos. Comezou, semella, no eido da tecnoloxía e da man de Apple...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

PERMITIRANME que, pasados uns días, lles ofreza a miña interpretación do asunto Trump, por suposto dende o punto de vista cultural e libresco. Ese triunfo supón a derrota do Humanismo nos Estados Unidos e, na miña opinión, esa catástrofe é o resultado da desaparición da cultura humanística tradicional nas sociedades occidentais. A conversión das universidades en centros de formación laboral e a entrada en xogo dos Estudios Culturais están a facer que, en palabras de Yeats, "o centro ceda [...] e todo se desmorone".

O sociólogo Zygmunt Bauman relaciona todo isto coa "modernidade líquida", mais o filósofo francés Gilles Lipovetsky optou por un concepto menos abstracto, máis familiar para todos nós: o de lixeireza. E De la ligereza escribiu e en España publica Anagrama, editorial de cabeceira dun autor que nos últimos vinte anos se consolidou como referencia na análise do contemporáneo.

A tese de Lipovetsky é realmente difícil de rebatir: a lixeireza é a tendencia dominante dos nosos tempos. Comezou, semella, no eido da tecnoloxía e da man de Apple: os aparellos tiñan que ser minúsculos, polifuncionais... lixeiros. E pouco a pouco foi enchoupando o resto das nosas vidas ata que a lixeireza material se trocou en levedade espiritual. Queremos novas en 140 caracteres, non análises fondas; eventos deportivos condensados, sen eses intres nos que nada sucede; roupa que se cambie cada poucos meses; relacións humanas intensas, sen o chumbo da rutina. Non fai falla que lles diga que o autor, aínda sen presentar as contrapartidas perigosas desta modernidade, deixa caer un pesimismo que o relaciona con eses apocalípticos que dicía Eco e que, polo momento, están a gañar —por desgraza— a batalla do contemporáneo.

Con esta análise poderían pensar que estamos ante a obra dun rancio tradicionalista e non é tal. Lipovetsky asume a modernidade e só actúa como notario e conciencia dela: é evidente que vivimos na civilización do lixeiro, pero non debemos esquecer que o gume da lixeireza é cortante. Existe unha tensión constante entre sentirse independente e crear vínculos que, en moitas ocasións, resultan ser fráxiles.

E, como vimos de comprobar, o lixeiro chegou ao político. Existe unha etiqueta que o describe á perfección: "populismo". Está na boca de todos e aplícase a tantas realidades tan diversas, que carece por completo de contido e peso. En realidade, os neofascismos disfrázanse de progresismos e atopan terreo para medrar entre os varóns brancos, relixiosos e con educación moi básica de todos os países occidentais matino que Lipovetsky agardará ao seu pesar un Sarkozy vs Le Pen o 27 de abril de 2017. Eses WASP, en termos anglosaxóns, senten a ameaza de grupos con peso: negros, latinos, musulmáns... Peso demográfico e con el, cultural.

A lixeireza material é un camiño sen retorno do que só andamos uns poucos pasos. Hai anos que se nos anuncian materiais coma o grafeno, resistente e flexíbel ao mesmo tempo, e semella que están preto de chegar á nosa vida diaria. A pregunta é si se deterá noutros eidos da nosa existencia. Semella que non e que non temos moi claro, como sociedades occidentais, onde remata esta vía na que desapareceu a confianza en institucións básicas de todo tipo e non se albiscan outras capaces de substituílas. En todo Lipovetsky flota unha realidade: é posíbel que esteamos a construír un castelo de naipes que non resista o primeiro refacho... e nos atopemos no medio dun furacán.

Comentarios