Liberadas dez persoas obrigadas a prostituírse e mendigar en Santiago por unha rede de trata

Detidos tres membros da organización, que trasladaba as súas vítimas desde Romanía até España baixo falsas promesas de traballo 

A Policía Nacional detivo a tres persoas —dous cidadáns romaneses e unha muller colombiana— membros dunha rede de trata de seres humanos con fins de explotación en Santiago. As vítimas, preferiblemente con minusvalías físicas e psíquicas, eran captadas en Romanía e trasladadas a España para exercer a prostitución, mendigar e actuar como mimos ou estatuas humanas nas rúas. 

Segundo informa o Corpo Nacional de Policía nun comunicado, un total de dez persoas, catro homes e seis mulleres, foron liberadas. As vítimas eran levadas a España baixo unha falsa promesa de traballo. 

Os investigados obrigábanos a mendigar polas rúas de Santiago pedindo esmola de xeonllos durante xornadas que duraban todo o día, sen importar as condicións meteorolóxicas. Algunhas mesmo exercían como mimos ou estatuas humanas, co que recollían diñeiro sen tempo para descansar nin comer. Todo o recadado era entregado inmediatamente aos xefes. 

Os detidos ameazábanos, tanto a eles como aos seus familiares, para que practicasen estas actividades. Ademais, mostrábanse especialmente violentos cando algunhas destas persoas enfermaban e non podían saír á rúa. 

Así mesmo, a Policía Nacional comprobou que algunha das vítimas femininas eran obrigadas a prostituírse nun club de alterne da capital galega, onde eran ameazadas e controladas en todo momento pola dona do local. Unha destas persoas sufriu agresións sexuais de forma continuada polo líder da organización e foi obrigada a tomar pílulas abortivas.

INVESTIGACIÓN. As pescudas comezaron cando os axentes tiveron coñecemento dunha rede delituosa con fins de explotación sexual e para a mendicidade. Tras varias xestións, detectaron que o primeiro engano se producía durante a fase de captación, na cal prometían ás vítimas —con algunha minusvalía física ou psíquica— unha vivenda e traballo no sector da hostalaría. 

Estas persoas viaxaron até España, algunhas delas acompañadas das súas familias, e foron trasladadas até Galicia para aloxarse en infravivendas controladas pola rede de trata e onde os inmobles tiñan unhas condicións de salubridade, hixiene e seguridade deplorables. Tras a investigación, os axentes rexistraron unha vivenda en Santiago e recompilaron numerosas evidencias destas actividades delituosas, entre elas obxectos como disfraces e perrucas, utilizados para exercer de estatuas humanas. 

Como consecuencia destas actuacións, foron detidos dous cidadáns romaneses e unha muller colombiana, ingresando en prisión preventiva o que a Policía considera como principal responsable da organización. Ademais, os axentes solicitaron tres ordes europeas de detención e extradición para os membros da rede que residen fóra de España. 
 

Comentarios