Opinión

Letras galegas no verán

SEN SAÍR do expositor de novidades da biblioteca atopas libros abondo para empapelar de soños o verán. No recordo, unha homenaxe: Agustín Fdez Paz. Escritor universal de Vilalba, Vigo, Galicia, que tan ben escribiu para a rapazada, terreo que vai quedando ermo de galego. Novelista de valía, tan coherente que tivo a ousadía de rexeitar, despois de agradecer, o Premio da Cultura Galega, considerando que os responsables actuais non defenden a galeguidade desa cultura. Recordas as veces que foi entrevistado no programa de televisión educativa Preescolar na Casa, outra vítima dos recortes que contribuiron a desertizar o país. Home bo e xeneroso creador sensible e comprometido, compañeiro de viaxe. ‘Non hai noite tan longa’, ‘A viaxe de Gagarin’, tantos outros.

No expositor asoma Manuel Rivas con libros para as tardes do verán. Literatura en estado puro na sombra morna das árbores. ‘O último día de Terranova’ leva ata o último día da Lagun donostiarra, diana da besta parda tantas veces, a mítica libraría de M.ª Teresa Castells, agora que vén de morrer o seu home, outro faro de dignidade, José M.ª Recalde. De sempre os libros foron virus perigosos para dogmas e credos, para idiotas e fanáticos.

Entre tanta palla que leva o vento hai libros, estes e moitos máis no montón escollido do gran


Como non ler, mellor cunha cervexa fría, as aventuras e desventuras do inspector de policía Leo Caldas en ‘Ollos de auga’ ou ‘Na praia dos afogados’ de Domingo Villar, onde a intriga viaxa dos areais das Rías Baixas ata a paisaxe urbana das tabernas Vigo.

Ás veces descobres tesouriños escondidos, xoias fóra dos focos do márketing. Como ‘De remate’ de Héctor Cajaraville, novela singular, mestura de artigos de opinión, e-mails cruzados, anotacións no diario. E tanta vida, tinguida de humor e drama, detrás do protagonista que tece a trama con fíos de sorrisos e retranca. Labor de taracea cheo de frescura para descubrir a Galicia que nos habita: un modo de vivir, esa maneira de falar, o xeito de ocupar o territorio desvertebrado, agora desocupado de xente.

‘Zapatillas rotas’, ‘Izan o da saca’. Dúas novelas así de redondas. Deste Xabier Quiroga hai que lelo todo. Novela negra e moi boas noticias para o idioma.

Ou ‘Desde o conflito’ de María Reimóndez, sobre o xornalismo e a decencia. Neste oficio non collen os cínicos dicía R. Kapuscinski. Volve ser imprescindible ir, ver, escoitar e contar a verdade, dar voz aos silenciados, sentir o conflito en carne viva. Novela para tentar entender o planeta desgarrado, a fenda entre norte e sur, entre o consumismo e a ecoloxía. E da dose de quentura humana que precisamos para sobrevivir.

Uns poucos exemplos entre moitos agasallos da biblioteca pública. Entre tanta palla que leva o vento hai libros, estes e moitos máis no montón escollido do gran, unha morea de letras galegas para o verán.

Comentarios