As lendas e a maxia non poden coa tradición

A área recreativa de Penas de Rodas volveu vivir este domingo unha romaxe única, cargada de mitos e familias unidas

Unha familia gozando dunha comida. XESÚS PONTE
photo_camera Unha familia gozando dunha comida. XESÚS PONTE

DURANTE A romaxe de Penas de Rodas, que tivo lugar este domingo na area recreativa da localidade, puidose degustar empanada, polbo ou tomar un viño, tamén gozar da paisaxe, ver uns bailes tradicionais ou xantar en familia. Sen embargo, hai algo máis alá.

Esas dúas enormes bolas de pedra agochan misterios, cousas cos foráneos ignoran, pero nesta festividade os locais falan e xogan a fantasear sobre o magnetismo que ten o lugar.

A primeira en facelo foi a pregoeira invitada, Francisca López, da Asociación Bosque Sagrado de Lugo. Ela rememorou a historia do lugar. Este entorno, adicado á deidade Lug, está emparentado con outras 16 localidades en toda Europa; pero o seu aspecto só é comparable a unha área de Australia coñecida como "As canicas do demo".

Parte do discurso xirou arredor da función e a orixe de semellantes croios. A pregoeira dixo que chegaron ata alí arrastrados polos romanos que tiraron deles con cadeas. Ademais, recalcou que teñen as medidas consideradas idóneas baixo as ordes de Augusto e Agripa, esas cousas que tiña Roma.Unha muller do público rosmaba que "non, as pedras fixéronnas o vento mais a auga, non hai tales cordas para iso".

Sobre cómo chegaron aí, a teoría é que son de orixe filón, é dicir, o recheo das rochas que sae á superficie dende unha fisura. Hai quen di que foron postas e non se sabe nin de onde viñeron. Por que alguén traería algo tan pesado?

Según comentan os expertos esotéricos da localidade, "as pedras teñen un magnetismo especial, unha vez cas ves, tes que voltar a elas" ou que "se naces na zona, sabes o que son". Contra isto hai certas dúbidas e, tal como manifestaron algunhas rapazas novas, "iso son cousas de vellos pero bueno, nunca se sabe".

Máis alá de todo, cometan que en tempos tribais e de celtas, aquel enclave era sagrado. Entre as penas cometíanse ofrendas de sangue, que escorría entre as dúas, podendo incluso haber un altar enriba. Outras das cualidades é que o solsticio de verán apúnta á costa do sol. Unhas das verdades é que dende arriba o que se pode observar é un anfiteatro ao aire libre, unha pratea perfectamente formada. Incluso especúlase que alí formouse o pacto de Lucus Augusti, o nacemento da cidade.

Hai teorías que unen este enclave ao monte do Seixo ou á Pena da Moura, como se fose un matrimonio místico, "unha porta ao máis alá", en palabras da pregoeira. O mito que máis se coñece na zona di que nunha das penas hai ouro e na outra alcatrán, aquel que teña valor para descubrilo pode facer rico á vila pero tamén soterrar a toda a comarca. As lendas contan moitas cousas, mesmo que os romanos atoparon aquí a luz do deus Lug.

A realidade é que a romaxe reúne ás familias e ten previsto mudar cos anos, aínda ca maxia pode ser atractiva aquí o poderoso é "a tradición, pode con todo, por iso vimos", sentenciou Alba Sánchez, secretaria da organización.

E ademais
O futuro da romaxe de Penas de Rodas

 
A festividade deste ano veuse ensombrecida polo factor climático, segundo a secretaria da asociación organizadora, Alba Sánchez. Debido ás altas temperaturas do domingo, parte do público previsto decantouse pola praia ou por non sair e correr risco baixo a calor abafante. Dende a organización trasladaron a súa vontade por mudar a festa o ano que vén e dar un novo enfoque. Vaise intentar atraer a máis xente cunha feira de artesanía, mostra de oficios e sesión vermú.

 

Comentarios