Lembranza reivindicativa contra o olvido

▶ A asociación Xermolos, a Irmandade Manuel María e os Riazor Blues, en colaboracións con numerosas entidades culturais ou de memoria, organizaron o I Memorial Irmáns da Lexía en Guitiriz, unha cita con vocación de continuidade 

Unha vez máis a parroquia guitiricense de Santa Mariña mirou ao pasado para facer unha lembranza reivindicativa contra o olvido. A asociación Xermolos, a Irmandade Manuel María e os Riazor Blues, en colaboración con numerosas entidades culturais ou de memoria, organizaron o I Memorial Irmáns da Lexía, unha cita con vocación de continuidade que pretende manter vivos, polo menos no recordo, aos tres mozos que foron apresados alí nos comenzos da Guerra Civil e asasinados na Coruña. Bebel e France, varios días despois, e Jaurés, por ser menor de idade, tras pasar un ano na cadea. Un cuarto irmán, Pepín, logrou escapar. 

"Os Irmáns da Lexía están na paisaxe porque somos dos que pensamos que os camiños e a paisaxe gardan a memoria do noso pobo", expresou Alfonso Blanco, o coordinardor de Xermolos e un dos grandes impulsores da memoria, que dende hai varias semana comparte cos homenaxeados un monolito común en Santa Mariña.

"Recordámolos sempre porque dannos ánimo, alento, porque queremos continuar a súa loita pola igualdade, a liberdade, a democracia e polo noso pobo", dixo Blanco, que falou deles como "membros da comunidade", así como de aqueles sen nome "aos que xa consideramos veciños tras varias décadas, os que están soterrados na fosa común, á beira da igrexa, no cemiterio". 

"Disputouse o Torneo Bebel de fútbol, houbo ofrenda floral e intervencións, con Selva García, sobriña dos homenaxeados, e música "

O acto arrancou co I Torneo Bebel de fútbol —dalle nome o irmán que xogou no Deportivo— e continuou con diversas intervencións ao pé da igrexa. Mero Iglesias foi o encargado de presentar a todas as voces que se quixeron sumar á de Alfonso Blanco. Escoitáronse verbas de xente que estivo e está involucrada coas asociacións de memoria histórica —Manuel Monge, Carmen García-Rodeja ou Fernando Souto—, de membros dos Riazor Blues, de políticos como Antón Sánchez ou de responsables doutras entidades como María Xosé Bravo, da Alexandre Bóveda. Pero unha das grandes protagonsitas foi Selva García, filla de Pepín, sobriña dos tres da Lexía apresados en Guitiriz. 

"Viví en Argentina toda mi vida. Es la primera vez que visito A Coruña porque yo también tenía recuerdos horrorosos y los tuve guardados durante muchos años, sino sería imposible seguir viviendo", expresou, ao tempo que explicou que dende hai dez anos e despois de ler nun foro galego críticas á súa familia animouse a ser activa en internet e a preparar a viaxe a Galicia, para participar na homenaxe en Guitiriz e para colocar un monumento no seu  recordo en A Coruña, algo no que está a traballar "para que quede de recuerdo y lo que sucedió en el año 36 no se repita". 

Esa idea e moitas outras foron lanzadas á espera de que alguén as recolla, como a necesidade de que se investiguen os crimes do franquismo e se poña fin á impunidade, facer chegar a historia dos Irmáns da Lexía o máis lonxe posible, a proposta de que o RC Deportivo se involucre nos actos nos próximos anos ou a loita por recuperar o Pazo de Meirás. 

Unha ofrenda floral no cemiterio e nos monolitos que recordan a Juarés, Bebel e France, unha comida de confraternidade e a música de Bloquiño de Xermolos e do grupo de rock Nuada completaron a homenaxe.
 

Comentarios