Laura Celeiro: "Estamos en conversas con Padul para facer unha irmandade arredor da ruta do mamut"

A alcaldesa non oculta a súa "decepción" coa Deputación por non restaurar aínda un emblemático edificio como é a Casona

Laura Celeiro. VILA
photo_camera Laura Celeiro. VILA

A REXEDORA DO Incio ve na natureza un importante recurso para este concello no que, segundo afirma, "temos moito patrimonio cultural e turístico por explotar".

En que diría que cambiou O Incio nestes últimos anos?

En catro anos é moi difícil que cambie un concello, pero si que se fixeron pequenos avances, sobre todo no tema do turismo, da promoción do concello, a nivel cultural, un apoio ás iniciativas da infancia e ás persoas maiores…

Despois de cinco anos co Punto de Atención á Infancia (PAI) pechado por falta de demanda, este curso reabrirá. Xa é inminente?

Si, temos o persoal seleccionado, unha técnico e unha auxiliar. Agora mesmo hai cinco nenos anotados. Tan pronto nos dea o visto bo a Xunta reabrimos. Esperamos que sexa este mesmo mes.

En que fase está a modificación do PXOM para cambiar a cualificación do solo e, en consecuencia, reducir os altos valores catastrais?

Unicamente pendente dun informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Despois de varios intentos sempre viñan desfavorables ou condicionados. É surrealista que unha administración non axilice máis as cousas para poñer en valor un plan tan importante.

Cre que dará tempo de deixalo resolto neste mandato?

Teño a confianza de que si. En agosto entrevisteime co novo presidente da CHMS e parece que hai o compromiso de que nos fagan ese informe, aínda que sexa condicionado, para poder continuar co plan, porque sen el estamos estancados e prexudica moito.

No ámbito económico, son dos poucos concellos que xestionan os impostos de xeito directo. Que tal lles está funcionando?

Con ese modelo intentamos prestar outro servizo máis desde o Concello, pero ten o inconveniente de que nestes concellos pequenos hai moi poucos funcionarios. Se te adicas á xestión de todos estes tributos quitas tempo para facer outras cousas, non sei ata que punto compensa. Estamos mirando se damos aguantado.

Hai catro anos sinalaba como un dos obxectivos ter restaurada a Casona, pero o mandato está rematando e as obras sen empezar.

Xa non sei nin que dicir da Casona. Foron tantos os intentos, por todos os partidos, e véxoa exactamente igual, e o peor de todo é que a teño que ver todos os días porque o político que está en Lugo… É unha pena que non se rehabilite para un uso social dos veciños. Non entendo como non hai unha conciencia de solucionalo. Agora, como teñen lío na Deputación con Suplusa, pasan a pelota duns aos outros, pero ao final non fan nada. Esa é a realidade.

Decepcionada coa Deputación?

Si, porque tiñan que facer algo, xa non valen escusas. Ademais, todos os grupos o están pedindo, se entrara a gobernar o PP tamén tería que facer a Casona.

Nas manifestacións, os veciños din que non se senten apoiados neste sentido polo Concello...

Nós sempre apoiamos todas as mocións, pero non creo que a nosa función sexa estar cunha cacerolaDA cando xa dende a Deputación saben o que opina o goberno e que a Casona se ten que se rehabilitar.

Que futuro lle ve?

Negro, a verdade. No último pleno na Deputación dixeron que ían facer algo, pero o tempo pasa e a Casona segue aí. E é unha competencia da Deputación máis que lle pese, porque a casa é deles.

En canto ao turismo, semella ter unha aposta pola natureza.

Si, xa temos a primeira ruta feita e homologada, a do Ferro. Tamén nos concederon unha axuda para a ruta do Pozo da Ola. Agora imos empezar coa do mamut, ca cal temos moitas expectativas porque queremos que a xente fale do Incio e o asimile co mamut. Estamos en conversas co alcalde de Padul, en Granada. Alí apareceron uns ósos de mamut, igual que aquí no Incio, e teñen a súa ruta. Estamos mirando de facer unha irmandade das dúas localidades.

Que proxectos ten en mente?

Seguir coas rutas e darlle un empuxe por aí ao Incio. Unha das maneiras de intentar atraer xente é poñer en valor o que temos. Tamén seguir fomentando a cultura, o turismo, o apoio aos nenos... Dende a Deputación axudan moito aos concellos co plan único e a Xunta podía tomar nota e facer un plan así, que nos viría de perlas.

"Cos anos tes máis seguridade, pero segue sendo complicado"
Ten xa decidido presentarse á relección nas eleccións municipais do vindeiro ano?

Aínda non. A ver cando teñamos a asemblea o que decidimos. Isto da política dá moitos crebacabezas.

Sería estrano que despois de gobernar en minoría e acadar a maioría absoluta se volvese atrás...

Non sei (Risas).

Dámolo por feito logo...

Veremos, veremos.

Como levou este mandato tendo maioría absoluta?

Iso lévase ben a nivel de plenos, porque da outra vez eramos tres de once. Nas votacións nunca sabías o que ía pasar, era un lío de brazos, todo en contra… E agora vas coa tranquilidade de que o que presentas vai saír. Iso é onde máis o notei, porque da outra maneira era unha lotaría.

Pero agora tampouco se lle pode botar a culpa a ninguén...

Si, porque antes funcionaba moito iso (risa). Agora a culpa é dun.

Cando se estreou como alcaldesa hai dous mandatos era das máis novas. En que nota que cambiou coa experiencia destes anos?

Aquí apréndese moito. A base de labazadas aprendes un montón (ri). Igual tes máis seguridade, pero aínda así segue sendo complicado. Tomo as cousas moito a peito e ó final…

Neste mandato tamén tivo unha nena. Entre ser nai e o Concello, quédalle tempo para practicar algunha afección?

Non, non queda tempo para nada. De feito, antes dicía: cando teña tempo vou facer tal cousa... Agora digo: cando teña algo de tempo non quero facer nada.

Comentarios