Lara Pintos: "Amoso o que ninguén amosaría do seu estudo"

A pintora coruñesa abriu a exposición 'Espacios continuos' na galería La Catedral

Lara Pintos na galería La Catedral. XESÚS PONTE
photo_camera Lara Pintos na galería La Catedral. XESÚS PONTE

Lara Pintos non sabe montar en bicicleta nin berrar. Tampouco o precisa porque a súa pintura é silenciosa e deshabitada. A artista (A Coruña, 1984) amosa dende onte a vintena de obras recentes 'Espazos continuos' na galería La Catedral da rúa Bolaño Rivadeneira, en Lugo, no que presenta currunchos, portais, escaparates nos que deixou de haber presenza humana, ás veces temporalmente.

Despois de pintar casas familiares e de amigos entre o horrendo e o que recupera a súa beleza co tempo, na mostra que abriu o venres asómase fóra da porta de entrada. Repara en tres clases de espazos aos que dedica senllas series.

A artista coruñesa reivindica nas súas teas "a luz do Atlántico" fronte o interese xeral pola luz do sur español

O primeiro son estudos de pintores. Lara Pintos opina que "definen as súas personalidades" porque os hai máis baleiros e máis cheos de cousas, ou "máis ordenados e menos ordenados".

A exposición comeza por un cadro no que a pintora amosa o seu propio lugar de traballo como proclama co que se autoriza a si mesma a amosar outros alleos. Non presenta as ventás luminosas nin cadros, nin o seu cabalete; senón o recanto no que amorea vasoiras, fregonas, un cubo, un expendedor de xabón e unha mangueira. "Amoso o que ninguén amosaría do seu estudo".

Entre eles, está o estudo do monfortino Roberto González, que será o seguinte en expoñer en La Catedral.

Os lugares que se ven nas teas van dende a vangarda ao ambiente dun pintor sevillano que retrata a Felipe VI no medio de antiguedades nun estudo que se confunde coa súa casa. Na obra de Pintos aparece o rei, pero sen atributos.

Unha segunda serie está integrada por escapates de comercios pechados no centro da cidade na súa Coruña natal. Os papeis que ocultan o interior empezan a caer, dando unha idea de dobre abandono. Xunto a eles está o interior dun edificio modernista no que houbo un ultramariños, "do que soamente quedan os mobles", e que acolle actividades variopintas de modo temporal.

Dese lugar, como do resto, a Pintos interésalle a luz, "a luz do Atlántico" que reinvidica fronte ao interese habitual pola luz do sur español.

Con todo, esa segunda luz enche a terceira serie. Está composta por dous cadros sobre unha igrexa barroca de Sevilla desprovista de todo ornamento relixioso.

Comentarios