Kiko da Silva: "Gastas días sen saber que vai pasar e saír do hotel foi algo indescriptible"

O concelleiro pontés, que tivo que pasar a corentena no hotel de Tenerife no que houbo varios casos de coronavirus, xa está de volta 
Da Silva. AEP
photo_camera Da Silva. AEP

Recén chegado ás Pontes tras 14 días de corentena no hotel canario no que houbo varios casos de  Coronavirus, Kiko da Silva móstrase "tranquilo", "poñendo os pés na casa e respirando aire puro".

Foron días de moita angustia?

Angustia foi a inicial, véñenseche moitas cousas á cabeza, hai momentos nos que non sabes se as neuronas funcionan... pero estivemos tranquilos pola atención que recibimos, tanto por parte do hotel como dos  médicos. Só que hai bastante incerteza porque non pasas días, gastas días, sen saber se se vai prorrogar.

Como foi vivir encerrado?

Totalmente limitados na habitación estivemos un día. Despois xa nos permitiron saír a comer e pasear polas zonas comúns. Só estaban recluídos os que tiñan síntomas ou o círculo máis próximo dos positivos. Limitar as liberdades de movemento cansa, sobre todo cando vai pasando o tempo. Pero sabiamos que estabamos
no lugar máis seguro e iso dá tranquildade e calma. 

Agora o coronavirus está na península. Tedes medo?

Ningún, hai que aceptar a situación. Os servizos médicos deixaban moi claro que non é tanto a gravidade da enfermidade senón a facilidade coa que se pode transmitir.

Como foi saír?

O luns ás doce da noite permitíronnos saír e ese paseo foi unha sensación bestial, indescriptible e moi  intensa. Tiramos as mascarillas ao aire como graduados (ri).

E chegar a Santiago o martes?

Foi unha situación de tensión compartida e foi moi especial reencontrarse coa familia e disfrutar e compartir xuntos.

Quen asume os custos?

Do billete facíase cargo a compañía pero compramos outros por cuestión de horarios e voos directos e  mantéñennos o billete por un ano. A estancia, aínda que se fala de que o asumirá o hotel, non está claro que sexa a súa responsabilidade e quen deberá facerse cargo. E a nivel laboral estiven como baixa por enfermidade. Quero agradecer o apoio da axencia de viaxes e a toda a xente as mostras de apoio.

Comentarios