Juliet Ocampo, reflexións en prosa e verso

Almas grises é a primeira publicación de Juliet Ocampo, veciña de Castro que se estrea compartindo as súas poesías e reflexións sobre o que a rodea e a conmove

Juliet Ocampo. Filme Fotografía
photo_camera Juliet Ocampo. Filme Fotografía

Rodeada de libros, así quere pasar a súa vida Juliet Ocampo que sacará á luz a súa primeira publicación o 27 deste mes. Almas grises é o traballo de cinco anos no que esta veciña de Castro, de tan só 20 anos, plasmou as reflexións sobre o mundo que a rodea.

Trátase dunha autopublicación na que a autora supervisou todo o proceso, buscando e seleccionando todos os seus colaboradores. Desde a corrección ata a maquetación e pasando pola ilustración, que correu a cargo de Manuel Tristante.

Para moitos dos seus coñecidos foi toda unha sorpresa esta estrea literaria que nace da propia iniciativa da escritora: "Ata miña nai se sorprendeu cando llo comentei xa que non sabía nada" comenta .

Unha das particularidades deste libro é que consegue mesturar as dúas linguas que emprega para expresarse, xa que está escrito en galego e en castelán. "Na parte en galego céntrome sobre todo na terra e na natureza" di, conseguindo transportar ao lector a través das referencias tanto espaciais como literarias ou musicais. Ademais, "para que todo o mundo poida comprendelo, os escritos en galego contan coa súa respectiva tradución ao castelán", explica.

Os escritos en galego contan coa súa respectiva tradución ao castelán

Dentro da obra, outro dos puntos fortes é a crítica social. O feminismo, o maltrato infantil, a defensa do colectivo LGTBI, a autoaceptación, o bullying, a economía española ou o maltrato animal son algúns dos temas que aborda e sobre os que reflexiona. Para lograr isto, a documentación tivo un peso moi importante, igual que a busca dunha visión externa para asegurarse de que logra transmitir á escrita os seus pensamentos á perfección.

O libro poderá mercarse en Amazon. A plataforma dixital foi a escollida por Juliet xa que "permite unha venda globalizada e axiliza o proceso de distribución". Tamén se poderá adquirir a través da súa conta de Instagram @julietwriter ou contactando directamente con ela.

Ocampo posúe tamén un blog e a conta de Instagram @maravillasdelibros, onde comparte as súas lecturas e o que extrae delas. Agora, toca compartir co mundo a súa primeira obra e agardar que a recepción sexa boa.

 

Comentarios