Juan Serrano: "Temos as condicións necesarias para facer de Portomarín unha vila residencial"

O rexedor de Portomarín será unha vez máis o candidato do PP á alcaldía de Portomarín. Serrano ten en mente un proxecto "innovador" para a vila, que pretende transformar nun lugar ideal para as persoas de terceira idade e, ao mesmo tempo, arrastrar a poboación activa por unha características que el define como "idóneas" para vivir e facer vida

Juan Serrano. XESÚS PONTE
photo_camera Juan Serrano.XESÚS PONTE

HAI MENOS dunha semana que Juan Serrano confirmou que volverá ser o candidato do PP ás próximas eleccións. Di que aspirará á reelección polo afecto que lle amosaron veciños e compañeiros de partido, e tamén porque aínda ten moito que facer por Portomarín. O rexedor recorda un primeiro mandato moi duro pola crise e un segundo máis cómodo por todo o que puido conseguir.

Prognostica, no caso de gañar, un terceiro mandato máis sinxelo?

O mellor está por vir. Eu non podo subir o prezo do leite, nin dos ranchos, nin dos polos. Pero podo influír en políticas turísticas. Preparamos a vila para que a xente estea a gusto. Agora quédanos consolidar unha empresa líder, como Coren, para estabilizar postos de traballo. Sen traballo non hai colexio, nin seguridade social, nin concello. Do traballo sae todo. Portomarín está a un pasiño de Lugo e apéname que estando tan cerca e tendo as condicións para ter unha vida de calidade, non sexamos un Outeiro de Rei ou un O Corgo. De aquí ao centro de Lugo leva 20 minutos e tes moitas vantaxes con respecto a vivir nun barrio da cidade, cando che leva o mesmo tempo chegar ao centro.

Que lle falta para iso?

O Camiño témolo e funciona moi ben. Podemos mellorar algunha infraestrutura no rural, pero iso tamén o temos. O que queda por explorar é Portomarín como lugar residencial. É unha aposta na que me empeñei porque creo que reúne esas condicións. Estamos buscando cousas diferentes, cousas que funcionan en Pontevedra, en Ourense... Temos que marcar a diferenza. Que a xente maior elixa vir para aquí. Con fórmulas que estou copiando de países nórdicos e que dentro de 15 anos serán tendencia.

É o seu plan para maiores o que máis orgullo lle produce?

CURIOSIDADES
Unha poboación multiplicada polo Camiño
O censo de Portomarín ronda os 1.500 habitantes (1.487 segundo os datos de 2018 proporcionados por el Ine). Sen embargo, a explosión na última década do Camiño de Santiago fixo que a poboación na vila se multiplique, en especial nos meses de verán, cando se superan con creces as 5.000 persoas nun concello que ronda as 1.000 prazas hostaleiras.

Perda de poboación
A afluencia de turistas, iso si, non impide que Portomarín, como a gran maioría de concellos do rural, sufra as consecuencias do despoboamento. No último ano contabilizáronse cinco nacementos mentres que o número de defuncións foi de 23.

Unha historia peculiar
Por moito que se repita e sexa coñecida por todos, a historia de como se inundou o vello Portomarín coa construción do encoro de Belesar e se mudou toda unha vila segue a marcar aos habitantes dun concello que se viu obrigado a improvisar unha nova vida.

Eu sinto orgullo do que queda en camiño. Faremos un sendeiro de entrada a Portomarín. A depuradora, que nos facía falta, porque a que tiñamos estaba preparadapara a vida diaria pero non para a poboación do verán, que se cuadriplica. O proxecto no que Coren investirá 18 millóns de euros... O 2021 tamén será moi importante, xa que creo que Portomarín, xunto co Cebreiro e Santiago, son fitos, sen desprezar as outras etapas, no Camiño. Marcan un antes e un despois nos peregrinos. E temos que estar preparados para que os que cheguen aquí leven unha percepción beneficiosa.

Menciona o tema da depuradora. É suficiente o abastecemento de augas actual en Portomarín?

Fixemos melloras importantes, como unha bomba nova. Estamos para legalizar unha instalación que ten 55 anos e estaba sen regularizar. Hai unha aplicación móbil que nos permite ver a capacidade en tempo real. Demos pasos moi importantes. Aínda hai pouco reformamos a Rúa Compostela, o que beneficia ao fondo da vila e a parroquias como San Pedro. Temos gastado moito, aínda que ás veces non se visibilice.

Non concretou. É ou non é suficiente a rede actual?

Co que fixemos este ano, Portomarín non debe ter ningún problema, outra cousa é que exista algún de papeis ou legalización. A lei de augas é anterior á democracia e no proceso de legalización atopas cousas kafkianas. En canto a medios mecánicos non debera haber problemas, pero en temas burocráticos son moi duro coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Se algo non pode ter Portomarín é problemas coa auga porque deixamos as nosas mellores terras, a alma da xente e as lembranzas debaixo dun encoro.

Algún proxecto pendente?

O que se presenta a unhas eleccións dando por feito o que xa fixo non debería presentarse. A min gústame pensar no diario, en ter todo Portomarín aglomerado, en apostar polo rural e frear o despoboamento. Nós cumprimos o noso programa. Máis incluso do que prometeramos. E incluso o que vimos interesante doutros partidos, tamén o cumprimos. Nos concellos hai que deixarse de esquerda e de dereita. Hai que traballar polo pobo. Hai unha frase de Mario Benedetti que di: «De dos peligros debe cuidarse el hombre nuevo; de la derecha cuando es diestra, de la izquierda cuando es siniestra». A miña función e buscar a liña do sentido común.

"Quero ir durmir a Illa Pancha e espertarme de cara ao mar"

A que lle gusta adicar o tempo libre?

Gústame moito viaxar, é unha das miñas paixóns. Cando podo escápome, aínda que nestas viaxes a miña deformación é se vexo algo que poida trasladar ao meu pobo, fágolle unha foto e ao volver, preguntolle ao encargado de obras a ver se tal banco ou tal outra cousa se pode traer para aquí. Actividades físicas non fago demasiadas. Fixen o Camiño e veume moi ben. E tamén me gusta a boa mesa. Pero non digo de ir a sitios con estrela Michelín. A mín gústame ir onde se coma unha boa cachola ou fagan uns bos ovos con patacas.

Algunha viaxe pendente?

Teño un sitio pendente que é ir a durmir un día a Illa Pancha, en Ribadeo. Paréceme un sitio singular, sen buscar avións nin viaxes exóticas. Ir só, durmir alí e espertarme de cara contra o mar. Sen outra pretensión que pensar que a uns centos de quilómetros de fronte está Europa, para o outro lado América... Creo que é un lugar que me pode dar unha satisfacción persoal e onde poder reflexionar cun mesmo.

Non sei se é unha das súas afeccións preferidas, pero hai non moito descubríronselle certas dotes para a imitación.

Aquilo —unha imitación do alcalde vigués Abel Caballero, na que anunciaba unhas medidas para Portomarín— foi un día nun ambiente familiar, sen máis. Despois escapouse polas redes. Eu son unha persoa, como todas, á que lle gusta estar de broma. Pero alí acabou. Se contas un chiste vinte veces acabas por cansar.

 

Comentarios