A agrupación Todo polo Páramo tratará de formar un goberno en maioría co PSOE

A formación gañou os comicios no seu estreo en política, a tan só un concelleiro da maioría.

Candidatura de Todo polo Páramo. EP
photo_camera O alcaldable de Todo polo Páramo (de pé, terceiro pola esquerda), co resto da candidatura. EP

A agrupación  de  electores Todo polo Páramo, que encabeza José Luis López López, anunciou a súa intención de tratar de pactar co PSOE (un edil) e formar así un goberno en maioría. Se non o consegue dirixirá en minoría este Concello, que cambiará de alcalde despois de 36 anos. A primeira medida que levarán cabo será facer unha auditoría, dixo.

O alcaldable asegurou que non se esperaba os resultados que obtiveron (catro dos nove concelleiros da corporación). "A verdade é que traballamos con ganas de ter os mellores posibles, non os esperabamos tan altos, pero tiñamos unha boa vibración da xente", indicou.

Durante a campaña percibiron que a xente tiña "ganas de cambio, deuse conta de que no Páramo facía falta". "Nós collemos a idea de presentarnos porque queremos un cambio, está todo moi parado, non se aproveita todo o que se pode facer" no municipio, afirmou.

Todo polo Páramo intentará formar goberno co PSOE. "Ofrecerémoslle entrar no goberno. De momento non falamos con el, falamos só un momento a noite do domingo, pero imaxino que non haberá problema. El (Pablo Armesto) leva moitos anos intentando o cambio. Esperamos iso. Falaremos con el canto antes, senón gobernaremos en minoría, con acordos puntuais", manifestou.

Con respecto a primeira medida que adoptarán despois da toma de posesión, será facer unha auditoria para coñecer o estado das contas e do Concello. Despois, dixo, desenvolverán o seu programa electoral.

A candidatura quixo mostrar o seu agradecemento aos veciños pola súa confianza, pois "sen eles non sería posible, a súa decisión foi fundamental para poder darlle ao Páramo o cambio que merecía". "Quédanos moito por facer, temos toda a ilusión que se necesita, pero, ademais, gañamos a esperanza de logralo grazas á súa confianza. Dende a honestidade, a transparencia, a humildade, a sinceridade, pero fundamentalmente dende o noso compromiso, escoitarémolos e faremos todo o que estea na nosa man para lograr o cambio que merece o noso pobo. Os parameses e paramesas demostramos que unidos podemos conseguilo", concluíu.

Comentarios