José Antonio Paz Agras: "Os libros falan de cracks da matemática e das ideas coas que gañaron a inmortalidade"

O xermadés, profesor de clases particulares de Matemáticas, Física e Química en Vilalba, vive entre números, pero non por iso rexeita as letras
photo_camera José Antonio Paz Agras. C.ARIAS

Vive entre números. Leva 22 anos traballando como profesor de Matemáticas, Física e Química e é un exemplo de deleite divulgando coñecemento. José Antonio Paz Agras, natural de Burgás (Xermade) é un home de paso áxil e mente desperta, que publicou dous libros para achegar as matemáticas á xente. 

Que son as matemáticas? 

Do que vivo! Son moi importantes, se non mo creo eu... —di cun sorriso e analiza as respostas antes de deixar que escapen—. 

Cal é o seu valor fundamental? 

Son importantes para entender as ciencias en xeral e para desenvolver a mente e teñen unha grande forza estética. 

É dos que ve contraposición entre letras e números ou van da man?

Non, as matemáticas están tamén nas letras en forma de matemáticas aplicadas, a estatística, por exemplo, e as letras están nas matemáticas, que teñen a súa propia linguaxe. Se se che dan ben as linguas dánseche ben as matemáticas.
 

Os números están en todas partes? 

Máis que os números as matemáticas. Na natureza, por exemplo. Os paneis das abellas están formados por hexágonos, a mellor forma de aproveitar o espazo. 

Como xurdiu a idea dos libros? 

Levaba tempo pensándoo e chegou un momento que decidín que tiña que contar algo que para min era importante. Son autoeditados. 

Cal é o seu público? 

Dos últimos cursos de Bacharelato  para adiante. O obxectivo é difundir a matemática e tratei de ser o máis didáctico posible. 
 

E como están funcionando? 

Tendo en conta que as matemáticas non son atractivas para unha gran masa de xente, bastante ben. Algúns vendéronse —poden conseguirse en Andel—. 

O primeiro foi Ideas Matemáticas. O segundo, Matemátic@s

Son libros similares. En Ideas Matemáticas trato rasgos da vida de grandes cracks da matemática e esbozo as ideas polas que gañaron a inmortalidade. Matemátic@s é máis reivindicativo. Abordo o conflito entre ciencia e relixión. Tamén falo da muller. Non hai moitos referentes mulleres, o que non significa que non tivesen capacidades, o que non tiña era acceso á universidade. E tamén quixen destacar as grandes achegas de matemáticos xudeus en Europa antes da II Guerra Mundial. 

O da relixión está superado? 

Cada vez pesa menos, pero aínda está un pouco introducida no Estado. Nos libros falo do importante papel da astronomía para eliminar mitos e supersticións. 

Un exemplo?

Cando Galileo enfocou o telescopio a primeira vez ao ceo observou que non todo xiraba arredor da terra porque descubriu os catro satélites máis grandes de Xúpiter. Tamén se deu conta de que o ceo non era perfecto: había manchas solares, na lúa, cráteres e montañas... Tamén falo do descubrimento de Neptuno, por Adams e Le Verrier. Dise que se descubriu cun lapis porque calcularon as súas coordenadas antes. E de dous profetas da ciencia: Halley, que calculou a órbita do cometa que leva o seu nome pero morreu 16 anos antes de poder desfrutar a súa predicción, que foi correcta, e Einstein, que baseándose na teoría da relatividade calculou a precesión do perihelio —o punto de máxima cercanía ao sol— de Mercurio. Ocupou as primeiras planas nos xornais da época e entón sufriu unha especie de palpitacións de satisfacción —sorrí—.

E se tivese que destacar a unha desas mulleres referentes?

No libro falo de Emmy Noether, que naceu en Alemania en 1882. Non podía matricularse na universidade e tivo que asistir de oínte ás clases que impartía seu pai. Traballou con Klein e Hilbert na teoría da relatividade e un teorema leva o seu nome. Tivo moitas dificultades para poder dar clase na universidade por ser muller e finalmente expulsárona por ser xudía. Fuxiu a EE.UU.

Hai moitas referencias á guerra, algunha de película.

Alan Turing conseguiu que a II Guerra Mundial durase dous anos menos grazas a que decodificou as máquinas Enigma nazis. Era homosexual e resultaba incómodo pola gran cantidade de información que coñecía. Morreu en estrañas circunstancias. 

De teorías e teoremas, con cal se queda? 

Cos espazos topolóxicos, a rama máis nova da matemática entre as clásicas, coñecida como a xeometría da goma. 

Da goma?

Si. Para un topólogo é o mesmo un donuts que unha taza con asa, porque se pode deformar sen cortar nin pegar un para obter o outro. Felix Hausdorff é un dos pais da topoloxía e definiu o concepto de espazo topolóxico. Como curiosidade, xa xubilado suicidouse xunto á súa dona e unha irmá desta para evitar que os internaran nun campo de concentración. 

Se só puidese destacar a un de todos os que aparecen nos libros? 

Non podo elixir entre Hausdorff e Georg Cantor, tamén xudeu, que se ocupou da cardinalidade dos conxuntos infinitos. Nos finitos, como os sete elementos dos días da semana, é moi fácil de entender a cardinalidade, pero nos infinitos é máis complicado. E Cantor descubriu que hai conxuntos máis grandes e máis pequenos. Morreu nun psiquiátrico. 

Hai moitas historias detrás dos números. Algunha outra?

Ludolph Van Ceulen calculou os primeiros 35 números de Pi. E encargou inscribilos na súa lápida.

Haberá máis libros?  

Non teño máis proxectos. 

"Segue habendo bos e malos alumnos, a memoria é importante pero non necesaria"
Cantos alumnos pasaron polas súas clases? 
Non levo a conta. Teño grupos reducidos, de catro alumnos, e tres turnos cada día. A maioría son de instituto, pero cando empecei dando clases en Ensino, nas Pontes, tamén había universitarios.
Agora ten a súa propia academia.
Si, teño unha pasantía na Ferrería, en Vilalba. 
Nunca pensou en opositar? 
Non, cando estudaba a carreira xa empecei a ter claro que quería ser profesor de clases particulares. Non me gustan as clases que se basean en copiar do encerado. 
Qué é o máis difícil de ensinar?
Unha condición necesaria é dominar a materia, a partir de aí o máis importante é explicarte o mellor posible. As matemáticas apréndense facéndoas, non contemplándoas. 
Como é o nivel dos alumnos?
Segue habendo bos e malos alumnos, en capacidades e aplicación, xente máis responsable e menos. 
O seu número favorito?
O 8, por nada en particular. 
As tecnoloxías estannos facendo máis vagos á hora de contar? 
Dende as calculadoras científicas fanse menos contas elementais. Pero depende de cada persoa, é un mundo. 
É máis importante saber resolver ou ter memoria? 
A memoria é importante pero non necesaria. 

Comentarios