José Antonio García: "Atragóaseme a xente que actúa de mala fe"

Tras dous mandatos como alcalde e dous na oposición, o popular José Antonio García (Sarria, 1971) afronta nestas eleccións o seu particular desempate

José Antonio García, candidato del PP de Sarria. VILA
photo_camera José Antonio García. VILA

Con dez partidos en liza, atrévese a facer unha quiniela?

Nós temos un reto, que é ganar e gobernar con maioría suficiente para sacar a Sarria dos peores catro anos da súa historia.

Está contento coa fichaxe de José Manuel Bello, ata agora de IG?

Estou moi contento con toda a candidatura e de que Bello estea no PP. O noso lema é equipo.

E que opina do traspaso de Manuel Sangil y Luis Álvarez Rey?

Respecto absoluto e non teño nada que dicir deles.

Pasoulle o disgusto pola mala tempada do Real Madrid?

A mala tempada quedou difuminada un pouco pola eliminación do Barça. Os madridistas non é que esteamos contentos, pero un pouco aliviados quedamos.

E que lle desexa á SD Sarriana?

Que suba a Terceira División e que teña un futuro o fútbol en Sarria como se merece este pobo.

Aínda que a presida Sangil?

Si, por suposto. O importante é o club.

Casan a política e o fútbol?

O fútbol é fútbol e a política é política, a partir de aí eu non estarei nas dúas cousas.

Como avogado, contra que ou contra quen exercería a acusación?

Contra todas as persoas que poñan o seu interese persoal por riba do interese xeral do pobo de Sarria.

E a quen indultaría?

Indultaría a unha persoa que se equivoca se o fai de boa fe. Non indultaría a forma de actuar de PSOE e BNG con Sarria porque é absolutamente indefendible.

Con que partido chegaría a un acordo de conformidade?

A nosa pelexa vai ser conseguir a maioría suficiente para intentar gobernar sós.

Aplicaríalle algunha agravante ao goberno municipal?

A das mentiras.

E atenuante?

É difícil cunha actitude tan pertinaz. Se o goberno tivera en conta os acordos do pleno, Sarria estaría doutra maneira.

Que tal se lle dá a cociña?

Non moi ben. Desgraciadamente son bastante simple.

A quen invitaría a xantar?

A moita xente que vas coñecendo e aporta moito. Teño a sorte de ter a moita xente que me apoiou e me apoia a cambio de nada.

E quen se lle atragoa?

A xente que actúa de mala fe.

Aínda ten pesadelos co plan de encanamento do río?

Os que aprobaron o proxecto e os que denunciaron as obras pasaron cinco anos enganando e agora vólvense presentar, mesturados. Paréceme indigno que os denunciantes non lle pediran perdón aos veciños. Se O PP gobernara, Ponte Ribeira non estaría sen facer.

Un soño para Sarria?

Cambiala. Sarria foi e debe ser un concello puxante, un modelo para o interior da provincia e hoxe todos os parámetros de xestión indican que estamos no peor.

En curto
Dependencia do móbil
José Antonio García confesa a súa dependencia do móbil. "É o meu reloxo, a miña axenda, o meu informador... ata consulto o tempo nel", explica.

Sen complementos
O candidato non usa nin reloxo, nin axenda, nin chaveiro... nin sequera carteira. A ausencia de complementos é unha das súas características.

Afeccionado ao pádel
No maleteiro do coche acostuma a levar unha raqueta de pádel, deporte que practica con frecuencia. "En Sarria hai moita afección", apunta.

Comentarios