Imprimir

Jorge Coira: "Non queriamos estaricar 'Hierro' coma un chicle"

El Progreso de Lugo | 26 de junio de 2020

Jorge Coira fala con Matías Varela, en El Hierro. J.O. / MOVISTAR+
Jorge Coira fala con Matías Varela, en El Hierro. J.O. / MOVISTAR+
O director lucense traballa na segunda tempada de Hierro, centrada nunha trama dun "matrimonio en descomposición"

Os irmáns Coira, Pepe e Jorge, fixeron unha aposta extrema cando concebiron a serie Hierro, que era rodar no lugar máis afastado que atopasen en España. O sitio, a illa canaria, acabou por determinar cada elemento do proxecto. O director, Jorge Coira, falaba este xoves dende outro topónimo que indica lonxanía: Frontera.

Atópase na rodaxe dos seis capítulos que compoñen a segunda tempada da produción, tras o éxito de público e xurados da primeira. "Haberá espectadores aos que decepcione esta tempada porque tiñan unha idea de como debería seguir", apunta o director.

Os Coira non se obrigaron a renovar Hierro. "Non queriamos estaricar o chicle". Se propós unha ficción na que acontece un suceso excepcional por ser un ámbito tranquilo non podes enchelo de asasinatos.

Non obstante, "El Hierro é un universo con mil historias" e se decidiron pola dunha "familia en descomposición" formado por un matrimonio con dúas fillas. O ton da serie segue combinando "thriller, drama e comedia" ao que se engade "o elemento infantil", que se mantivo ao fondo nos oito capítulos anteriores.

Candela Peña e Darío Grandinetti manteñen o seu protagonismo, que compartirán co sueco fillo de cambadeses Matías Varela. Vai interpretar un orixinario da illa criado en Miami que vive como unha competición na que gusta de gañar. "A primeira vez que vin a Matias foi en Narcos, ten unha mestura de forza e vulnerabilidade", que convenceu aos Coira para facelo pai da familia segundo conta Jorge.

Esta segunda tempada, que se verá a principios de 2021, estase a filmar con medidas para evitar un contaxio despois de que o cento de persoas do equipo se sometesen a dúas roldas de probas, viaxasen xuntas á illa e convivisen nun aillamento. "Foi como unha excursión", bromea Jorge Coira, quen anunciou que estarán na illa ata agosto.

O coronavirus vai quedar tras da cámara porque desbotaron integralo na fición. "Sería precipitado porque xa temos rodada unha parte e queremos facer algo máis atemporal".

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/jorge-coira-non-queriamos-estaricar-hierro-coma-chicle/202006261428491446162.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)