"O do glamour é cousa dun día puntual"

Jorge Coira: "É alucinante o desprezo da academia aos que non son mediáticos"

O gañador do Goya á mellor montaxe por 'El desconocido' ten a axenda chea de novos proxectos
Jorge Coira, co seu Goya
photo_camera Jorge Coira, co seu Goya

Pasaron tres días ata que Jorge Coira (Rábade, 1971) puido chegar á súa casa, en Santiago, procedente de Madrid. Fíxoo co Goya á mellor montaxe por El desconocido (Dani de la Torre) na maleta e a axenda botando fume, mais era obrigatorio parar en Lugo...

Xa lle deu tempo a todos os Coira a acariciar o 'cabezón'?
Basicamente, si. O luns, ao vir de Madrid, ceamos alí e non sei cantos nos xuntamos, pero ‘mogollón’. Botamos unhas risas.

Pesa tanto como parece?
Pesa bastante si, aínda que algo menos do que eu esperaba. Faláranme tanto do que pesaba que imaxinei que era máis, pero como non é macizo non pesa tanto. Creo que pasa ben dos dous quilos, pero por curiosidade pesareino.

E como está? Dixeriuno xa ou aínda está na nube?
Aínda estou un pouco na nube. Ata que pase un pouco todo isto creo que non o vou dixerir. Pero aínda me queda... Creo que teño como 150 chats de WhatsApp sen responder, en Facebook xa é imposible contestar a toda a xente... É unha loucura. Creo que aínda terán que pasar uns diíñas ata que isto se asente de todo. Mentres, a gozalo!

O día da gala quedou coa palabra na boca. Que lle faltou por dicir?

Sinceramente, ía dedicarllo aos meus pais. Meu pai morreu hai anos e quería dedicarllo a el e á miña nai, que segue aí, pero con 80 e pico anos.

"Foi unha vergonza. Se queres poñer límite de tempo aos discursos, pono, pero entón tes que avisar á xente"

E non puido ser.
Pareceume unha vergonza e unha falta de respecto. Eu estiven no outro lado. Participei na organización dos Mestre Mateo varios anos e dábase a mesma cuestión: se a xente se alonga moito, a gala perde ritmo. Non é un tema menor porque é un espectáculo televisivo, pero como xestionas iso? A min o que fixeron paréceme a peor forma de xestionalo. Se queres poñer un límite, pono, pero entón tes que avisar á xente e ninguén nos avisou. Eu estaba falando moi rápido non por medo a que me cortaran, que nin se me pasaba pola cabeza, senón por puro respecto á gala e ao público. Eu son consciente de que o premio de montaxe é un premio menor e non me podo estender. Falei a toda velocidade para non facerme cun tempo que consideraba que non me pertencía.

Alomenos deulle tempo a falar en galego e a reivindicar o noso cine.

Si, deume tempo a dicir case todo o que quería, pero houbo xente á que, practicamente, non lle deixaron dicir nada. É unha pasada! Ti es o anfitrión e eles son os teus invitados, non podes tratalos como un grupo de xente que molesta e canto menos dea a brasa, mellor. Esa foi a actitude. O feito de que só pasen polo 'photocall' actores e directores tamén é vergonzoso e, á parte, creo que é un erro. A min dáme igual pasar ou non, pero ese é un arquivo fotográfico que á Academia lle interesa ter. Obviamente, o que máis interesa son as caras coñecidas, pero se, de repente, o técnico de son mañá ou o ano que vén está nominado aos Oscar e ti tes a foto oficial, da Academia, podes sacar peito. É alucinante que desprecen desa maneira a todos os que non sexan mediáticos. É unha decisión completamente absurda e que xera moi mal rollo. Eu fíxenme académico o ano pasado. Resulta que o primeiro ano que entro na Academia acabo nominado e cun Goya. Debería ser un apóstolo total dos Goya, e sono en certa medida porque estou moi agradecido, pero a gala deixa un sabor agridoce.

"En España aínda segue habendo moitos pensamentos ancorados nunha idea de vida totalitaria"

Unha das cousas que sempre se critica é que se use como plataforma reivindicativa, a vostede que lle parece?
Sorpréndeme que se monten broncas con cousas que me parecen bastante idiotas, é dicir, ese é o momento no que cada persoa pode dicir o que queira. Se ti estás de acordo ou en desacordo non pasa nada. É pura liberdade de expresión. O de 'non quero que o outro fale de certos temas' fai pensar que estamos nunha sociedade enferma. Que problema hai en escoitar cousas que non nos gustan? Creo que en España aínda falta por acabar de facerse a transición democrática. Aínda segue habendo moitos pensamentos moi ancorados nunha idea da vida completamente totalitaria.

Polo que conta, a resaca do Goya está a ser impresionante, pero o que viviu con 18 comidas (2010) -numerosos premios, seleccionada en máis de 30 festivais internacionais, estreada en máis de dez países...- non foi menos.

É diferente. Os premios son un agasallo, unha alegría, pero o principal son as películas. Iso sen ningunha dúbida. Tamén ocorre que cunha película tes o día da estrea, que é moi potente, pero logo a súa vida é longa e pasan moitas cousas marabillosas. O dun premio como o Goya pasa de repente. Un día chégache un regalo como este e é brutal, como que se destapa en toda a xente que te rodea, nun sentido amplísimo, unha alegría bestial e moi contaxiosa.

E agora comeza a vida 'post-Goya', como cre que será?

(Ri) Pois supoño que será bastante parecida á vida 'pre-Goya'. Oxalá axude a que poidamos sacar adiante, eu e toda a xente que traballa nisto en Galicia, máis pelis. Quitando iso, espero que todo siga igual, coa miña xente, a miña familia e os meus amigos.

Proxectos non lle faltan, non?

A verdade é que hai varios no aire e esperemos que se pechen pronto. Estou manexando dous proxectos de longametraxe, un dunha serie e un de teatro.

"Os premios son un agasallo, unha alegría, pero o principal son as películas, sen ningunha dúbida"

Imaxino que dirá que cada cousa ten o seu aquel, pero de todos os paus que toca, que son moitos, cal lle presta máis?
O meu terreo favorito, sen dúbida, é a longametraxe, pero non é exclusivo. Eu prefiro facer longametraxe e serie e teatro a facer só longametraxe. Por exemplo, a obra de teatro na que estou traballando entusiásmame, apetéceme moitísimo, e a serie, que espero rodar este ano, nin che conto. Sería o mellor que fixen nunca en series de televisión.

Non pode dicir nada máis?

(Ri) Non.

Para que canle sería?

Para Atresmedia.

É presidente de Crea (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia)...

Por pouco tempo, porque fago xa catro anos e vouno deixar xa. Creo que é bo que haxa renovación. O que eu cría que podía achegar á asociación xa o fixemos. Creo que toca que entre alguén novo que poida achegar cousas novas.

Que análise fai da situación actual do colectivo?

Eu creo que hai cousas tremendamente positivas porque o nivel profesional é máis alto, sen dúbida, pero tamén hai cousas moi negativas. Seguimos aínda moi atrás en España e en Galicia en canto a políticas xerais audiovisuais. Por outra banda, creo que en Galicia estamos tendo un problema coa percepción do traballo dos directores. Non hai unha aposta real. O que fai Vaca Films sacando unha película de Dani de la Torre é marabilloso, pero hai pouca aposta por ese lado. Hai algunha outra produtora que o está facendo ben, pero logo atopas moitos casos nos que non hai esa conciencia de traballar para xerar novos directores. Os directores non saen de forma espontánea. Precisan ter a produtores detrás que sexan capaces de arroupalos e de sacar o mellor deles. Iso é fundamental para que poidamos ter un audiovisual propio.

Comentarios