Jaime Castiñeira: "Non haberá tensións na sucesión; o PP non é un partido de liortas"

►O ate agora voceiro municipal do PP marcha coa espiña cravada de non ter gobernado, pero satisfeito de ter aportado ideas para a cidade. Non sabe quen o sucederá, pero descarta tensións polo seu relevo, porque di que o PP "non é un partido de líos nin de liortas"
Jaime Castiñeira. j. vázquez (aep)
photo_camera Jaime Castiñeira. j. vázquez (aep)

Que sacou en limpo da experiencia na política local nestes 18 anos?
Foi unha experiencia enriquecedora a nivel persoal a de ter a oportunidade de ser concelleiro e representar aos teus veciños e a de aportar as túas ideas. Algunhas leváronse a efecto e outras non puido ser. Pero sobre todo é importante ver cousas feitas que beneficiaron aos veciños. Por iso animo á corporación a chegar a acordos naquelas ideas nas que conflúan. Das cousas que máis satisfeito me sinto é daquelas nas que se chegou a acordos cos gobernos de Orozco ou con Lara Méndez para poder sacar adiante cousas, aínda que ás veces non se saiba que foron ideas da oposición, e que despois ves que aportan un beneficio para Lugo. Sínteste máis satisfeito das que dan froitos positivos que de ter conseguido meterlle o dedo no ollo ao adversario político. Políticamente igual hai que facelo, pero estás máis orgulloso dos acordos.

Cales deses acordos destacaría?
O plan xeral por exemplo, aínda que foi criticado. A magoa é que non estea completo e que non esteamos a falar agora dunha adaptación á Lei do Solo. Puido ter quedado mellor, por suposto, pero sigo pensado que é menos malo que o anterior. Tamén dos acordos para o investimento de 8 millóns de euros do remanente, dos que se seguen facendo agora cousas. Foi un diñeiro para arranxar pistas rurais, para servizos sociais...

Balance "Sínteste máis satisfeito das cousas que dan froitos positivos que de ter conseguido meterlle o dedo no ollo ao adversario político"

Con todo, este goberno mudou esa vontade de consenso, porque nen sequera se sentaron co goberno a negociar os orzamentos porque así o decidíu o partido.
É unha circunstancia moi distinta. Aquí hai unha serie de grupos que apostaron por non deixar gobernar ao PP e agora deixan á alcaldesa aí. De todas formas, son da opinión de que se debe falar e non pasa nada. Non hai que considerar as cousas como que se lle dea vida a un grupo político. O que se lle da vida é a cidade e eres elixido para o que eres elixido.

Pero iso contradí o que pasou cos orzamentos.
É unha situación diferente. Tiñamos unha serie de propostas e déixante para o final e, se realmente eres un partido ao que deberían ter en conta... Aquí hai dous grupos, BNG e Lugonovo, que no seu momento non deixaron gobernar ao PP, por iso deberían apoiar ao goberno que puxeron aí. Non se lle pode pedir unha responsabilidade ao PP que lle corresponde a outros grupos.

En que mandato se sentiu máis cómodo traballando no Concello?
Teño que dicir que no anterior, pero estiven cómodo cos compañeiros nos distintos mandatos. No primeiro, con Ramón Arias como voceiro, e con grandes mestres como Pilar Iglesias ou Serafín Pena Souto, con quen tiña unha especial relación, porque me ensinou moito. Estaban tamén Paco Cacharro, José Manuel Barreiro... era un grupo potente. Continuou despois con Manolita, con Joaquín, cos distintos compañeiros e logo, cando tiven a fortuna de ser proposto como candidato, tiven o privilexio de poder facer unha lista, que é tamén unha complicación (risas)... as cousas son así, pero na vida tes que tomar decisións e estou moi orgulloso da lista que conformamos no seu momento, moi renovada, con xente nova e veterana. Hai tamén unha persoa moi especial, Arcadio [Silvosa] e a enfermidade que tivo afectounos desde o punto de vista da amizade e tamén do funcionamento do grupo.

Sentíu nalgún momento imposicións desde o partido?
Non. É algo que teño que agradecer. Desde o primeiro momento que fun elixido como voceiro. En ningún momento tiven ningún tipo de presión, nin con Cacharro nin con Barreiro. Tiven total autonomía no grupo e despois tamén cando fun elixido presidente da xunta local tiña total liberdade do partido provincial e autonómico.

Partido "En ningún momento tiven ningún tipo de presión. Non teño dúbida de que vai seguir sendo así"

Nesta nova etapa, cre que seguirá habendo esa autonomía?
Penso que si. Non teño dúbida de que vai seguir sendo así.

Que concelleiro ve mellor preparado para sucedelo como voceiro?
Hai oito concelleiros e concelleiras, hai un novo que se incorporará a partir do 29 de xuño e estou convencido de que a maioría deles está preparado para desempeñar esa función.

Pode haber tensións logo de que se saiba quen será o elixido?
Estou convencido de que non vai pasar. Augurábanse cousas similares coa miña sucesión na xunta local e non pasou. Temos un modelo de como facer as cousas e estou convencido de que vai pasar igual na miña sucesión no grupo. Somos o PP, non somos un partido de líos nin de liortas, senón un partido no que se falan as cousas, no que se toman as decisións, ás veces equivocámonos, pero normalmente son as axeitadas.

Pero na elección da presidenta provincial si que houbo tensión.
Non debemos confundir o debate coa tensión. Nun partido grande como o PP ten que haber diversas opcións e opinións, pero mesmo cando hai tres persoas é difícil que coincidamos todos. Cando hai dúas persoas que se presentan para substituír a Barreiro, lóxicamente hai posicionamentos, pero pasa ese día e todos reman no mesmo sentido.

Sucesión "A maioría dos concelleiros están preparados para ser voceiro do grupo municipal"

E o terse posicionado pola candidata que perdeu influíu na decisión de abandonar a política local.
Non. Eu tiña moi clara a decisión antes das eleccións municipais. Xa dixera que era a última vez que me presentaba. Son 18 anos e creo que hai que pensar en que hai que renovar e dar paso a outra xente.

Pero hai uns meses dicía que tiña o compromiso cos votantes de acabar o mandato. Que cambiou?
É certo e espero que os votantes entendan que aínda que teñas unha decisión tomada hai que buscar o momento oportuno para dicilo e que non podes xerar situacións de provisionalidade, porque así é máis difícil tomar decisións.

Comentarios