Iván Díaz: "Capturamos algo máis de 6.000 raíñas de velutina no último ano"

A asociación de apicultores Serra da Carba, en colaboración co Concello de Vilalba, inicia un ciclo de charlas por varias parroquias do municipio para achegar aos veciños información sobre a problemática da velutina
Iván Díaz, presidente da asociación de apicultores Serra da Carba. M.MANCEBO
photo_camera Iván Díaz, presidente da asociación de apicultores Serra da Carba. M.MANCEBO

Que obxectivo ten esta actividade?
Xa a fixemos o ano pasado. A idea é poder informar aos veciños sobre os ciclos da vespa velutina para que se impliquen nesta problemática e no trampeo, ademais de dar conta dos resultados acadados na última campaña.

Que tal foron as cifras?
Moi boas. No último ano capturamos algo más de 6.000 raíñas, o que supón que evitamos ao redor de 6.000 potenciais niños. O persoal que se encarga da retirada deles confirmounos que sacaron máis ou menos a metade que no ano anterior.

En que consiste a colaboración co Concello?
Ademais de falar coas asociacións, dende o Concello tamén facilitan as trampas e compran o atraínte que se reparte entre os interesados ao final do ciclo de charlas e de cara a primavera.

Este xoves será o primeiro encontro na escola habaneira de Santaballa, pero haberá máis.
Si, todas serás ás 20.30 horas. Esta tarde citarémonos cos veciños e Santaballa e o venres cos de Belesar. O mércores 19 iremos á escola da Torre; o 20, a da Pedragosa en San Simón; o 21, á casa escola de Nete; o 25, a Corvelle; o 27, a Árbol, e o 28 daremos a última no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba.

Ademais desta iniciativa, a asociación tamén promove outras actividades.
Si, celebramos hai uns meses unha charla sobre o conflito da utilización de lodos para abonar e tamén fixemos un resumo do trampeo e unha cata de meles. A idea é promover ao longo deste ano algún curso sobre apicultura.

Comentarios