Imprimir

"Inventeime un mánager para que me deixasen tocar en locais de California"

Jaureguizar | 21 de noviembre de 2020

Daniel Minimalia. ARQUIVO.
Daniel Minimalia. ARQUIVO.
Leva toda a vida apostando pola posibilidade máis remota e gañando. A recompensa a tanto risco falto de lóxica chegoulle cun Grammy Latino ao mellor disco instrumental polo seu traballo Terra. Daniel nunca tivo que reinventarse porque non se deixou de inventar. Agora adica o seu premio á súa nai, una luguesa de Taboada falecida en marzo.

O XEFE do concesionario de coches en Ourense estaba contento co seu contable, un rapaz de 28 anos chamado Daniel Llorente Rey (Vitoria, 1983). O xoves recordou aquel día en que ía renovarlle o contrato e Daniel se lle adiantou cun email de despedida. Daniel, o rapaz que chegara con 3 anos a Ourense, o mozo que fora responsable para estudar Empresariais e traballar nun banco de Verín, elixira vivir da música instrumental baixo o alcume de Daniel Minimalia. Hai só horas que se converteu no primeiro galego en gañar un Grammy Latino.

Grava o primeiro disco Cuentos sonoros en 2011 e un ano máis tarde xa era músico profesional.
Si, tiven concertos en Madrid e Barcelona.

Conta eses comezos como se baixara por un tobogán. Vostede alugaba as salas e cobraba por billeteira. Na primeira actuación en Madrid tivo dez espectadores.
Buf! Eran señores maiores, parellas,...

E pensou en volver escribir ao xerente do concesionario.
Non! Os dez estaban moi entregados. Puxéronse de pé para aplaudir. Pensei en que había unha base para facer algo.

A entradas pouco lle deixaban. Como conseguía o financiamento para alugar as salas?
Pedín un préstamo.

Foi a un banco e dixo: "Boas, quero cartos para alugar salas para música instrumental".
Fixera un máster de emprendemento e daban facilidades. Non lles dixen para que quería os cartos. Dei bastantes concertos. Estiven dúas veces no Clavicémbalo de Lugo. O 80 por cento das actuacións foron un fracaso.

Devolveu o préstamo?
Si, claro! Empezou a haber un runrún. Caín ben na prensa e déronme cobertura. Empezaron a chamarme o Mike Oldfield español. Metía moita xente nos concertos e decidín que o seguinte paso era EE.UU. Fun a California.

En California non tiña apoio periodístico. Como convencía aos donos dos locais que lle deixasen tocar?
Creei dúas contas de correo. Unha era a miña e outra, a do meu mánager. As dúas contas levábaas eu e o mánager era ficticio. Fíxeno para darme importancia. Ao primeiro foi un desastre. Cando non tiña cartos volvía a Ourense. Gañei un premio de música independente en Hollywood e todo cambiou.

O segundo gran salto foi o Grammy Latino.
Xa estivera nominado en 2017 co meu terceiro disco, Origen. Empecei a meterme no mundiño.

Notou xa o efecto do premio?
Esta semana estou preparando dez concertos para marzo por España e en xuño irei a Alemaña. Supoño que terei algúns máis. O coronavirus está complicando todo.

Dedicou o premio á súa nai, que morreu o día 9 de marzo.
O día 8 de marzo eu tocaba en Madrid. Chamáronme o día anterior para avisarme de que estaba morrendo e fun despedirme. Foi un cancro fulminante. Ela estaba sedada, pero consciente. Non lle dixeran que ía morrer. Cando cheguei preguntoume: "Pero que fas aquí? Volve a Madrid para o teu concerto! Xa nos veremos o luns". A miña nai era da Moreda, en Taboada.

Vive dende hai cinco anos en Madrid. Onde pasou o confinamento?
En Madrid. Antes de que empezase puiden gravar o vídeo da canción Taurus.

Cal foi o último concerto?
O día 31 de outubro en Guadalajara. O verán non foi mal tal e como están as cousas co covid.

Cambiou a actitude do público?
Ten un extra de emoción e sensibilidade. Viven o concerto máis que antes.

O público cambiou, pero na prensa seguen chamándoo "o Mike Olfield español". Cansa?
Non me molesta, pero un artista debe ter a súa personalidade. Eu entendo que no primeiro disco, Cuentos sonoros, había temas que soaban a Tubular bells e que hai poucos referentes de música instrumental.
 

"Pasei a adolescencia tocando a guitarra encerrado no faiado da miña casa"
Cando tiña 13 anos empezou a subir ao faiado da casa coa guitarra do seu irmán, David, quen agora é xefe provincial de Tráfico en Ourense.
Supoño que aquel rapaz non soñaba cun Grammy Latino.
Non. Gustábanme Héroes del Silencio e Los Suaves. Collín uns apuntamentos de guitarra para aprender a tocar. Subía todas as tarde ao faiado. Pasei a adolescencia encerrado tocando a guitarra.
Preocupaba aos seus pais?
Ás veces queixábanse de que botaba demasiadas horas e de que non saía por aí como os outros, pero era un bo estudante.
Non tardou en formar parte da banda de rock Zirkus e mais da banda de folk Conhadeira.
Con 16 anos empecei a formar grupos de rock cos amigos. Despois toquei o baixo en Conhadeira.
Nunca escribiu unha letra?
Non. A primeira canción que escribín era instrumental. Chamábase Al decir adiós e estaba dedicada aos meus avós, que morreron na mesma semana. Pareceume que a música soa tiña a forza precisa, que expresaba o que quería sen letra. Non foi algo premeditado.
Cando decidiu ser músico?
Cando xuntei doce cancións decidín que debería gravar un disco e cando tiña o disco decidín deixar o traballo.
Foi unha cadea lóxica.
Si.
Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/inventeime-manager-deixasen-tocar-locais-california/202011211500591471208.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)