Insua e Guimarães únense en Vilalba nun Encontro Cultural sobre o Liño

As mulleres da asociación vilalbesa internacionalizan o seu traballo cunha cita que repetirán 
Miriam Fernández (dereita) explica os traballos do liño que realiza a asociación de Insua. C.ARIAS
photo_camera Miriam Fernández (dereita) explica os traballos do liño que realiza a asociación de Insua. C.ARIAS

As mulleres da asociación San Bartolomeu de Insua, en Vilalba, lanzaron este domingo o seu traballo ao mundo e estrearon co grupo folclórico Corredoura, da localidade portuguesa de Guimarães o Encontro Cultural sobre o Liño, unha cita que pretenden continuar con novas xornadas de achegamento con outros países.

"Quédome coa experiencia do interesante deste encontro, sobre todo coa mezcla de culturas, co diferente e co semellante que hai entre nós", expresou Lourdes Otero, a presidenta da asociación vilalbesa despois dun acto que demostrou, dixo, que "mereceu a pena o traballo".

"O noso obxectivo, se podemos, é repetir e tratar de compartir experiencias con colectivos doutros países que tamén, coma nós, están traballando na recuperación do liño", indicou a responsable dun colectivo de mulleres que leva dende hai once anos por recuperar unha tradición que se perdía no concello de Vilalba, como noutros tantos lugares.

A xornada, que se celebrou no auditorio municipal de Vilalba, comezou cunha mesa redonda para presentar ás dúas entidades, que pese a facer o mesmo traballo non o fan da mesma maneira. "As maiores diferencias están nos instrumentos que se empregan", señalou un dos responsables do grupo de Guimarães, que tamén subliñou que no caso portugués os homes colaboran nos traballos, algo que non sucede no caso vilalbés. E por iso a rexedora, Elba Veleiro, lanzou un "chamamento" en prol da igualdade.

Tras unha primeira aproximación, houbo demostración dos traballos da man da asociación de Insua e dos de Guimarães e, para rematar, a A.C. Andrade presentou unha mostra de folclore galego e Corredura, do portugués.

Demostración de Corredoura. C.ARIAS

"Foron moitos anos de investigación para conseguir testemuñas e para recuperar todo este saber", explicou Miriam Fernández, da asociación de Insua, mentres, sobre o escenario, explicaba un a un os pasos que realizan para conseguir o fío do liño. A asociación, ademais de plantar o liño e fiar tódolos anos, organiza actividades como a Tasca do Liño, obradoiros en colexios e asiste a numerosas feiras. O seu reto segue a ser conseguir abrir un museo propio.

Comentarios