Instrumentos con sabor

Xermán Arias e Lourdes Pombo, luthier e reposteira sarriaos, unen as súas habilidades para elaborar un saboroso cóctel cultural, consistente en ofertar na vila visitas guiadas ao taller de instrumentos musicais con degustación de produtos artesáns

Xermán Arias e Lourdes Pombo, cos papeis intercambiados, el cunha torta e ela cunha viola. VILA
photo_camera Xermán Arias e Lourdes Pombo, cos papeis intercambiados, el cunha torta e ela cunha viola. VILA

Non todas as vilas poden presumir de contar cun luthier entre os seus veciños. Se a iso se lle suma baixo o mesmo teito unha reposteira que triunfa dende hai catro anos cos seus produtos de Torta de Sarria, o resultado pode ser unha aproximación ao mundo dos instrumentos chea de sabor. Iso deberon pensar a parella formada por Xermán Arias e Lourdes Pombo, que decidiron sumar as súas destrezas para ofrecer visitas guiadas ao obradoiro de luthería xunto con degustación de doces de elaboración artesanal.

A iniciativa, que se dará a coñecer a través de axencias de viaxes e da oficina de turismo de Sarria, está pensada para o público en xeral pero, particularmente, para turistas e peregrinos que chegan cedo a Sarria e precisan dunha oferta cultural e de ocio para encher as súas tardes na vila.

A proposta comeza cunha visita ao taller de instrumentos musicais Arxemil Luthería, na Rúa Marqués de Ugena, guiada polo propio fabricante, que segue a empregar "as mesmas técnicas que se utilizaban no século XVIII".

Natural de Barbadelo, berce de varios luthiers no último século, Xermán Arias interesouse dende moi pronto por esta arte, posiblemente influenciado pola figura pioneira de seu veciño Paulino Pérez e polo Camiño de Santiago, que pasaba a pé da súa casa. No 1986 comezou a formarse no mesmo obradoiro da Deputación de Lugo que dirixiu Pérez e, uns anos despois, puxo rumbo a Francia para aprender xunto ao luthier Christian Rault. Chegado 1993 montou o seu primeiro taller de instrumentos de corda e, dende 2006, está á fronte do obradoiro da Rúa Marqués de Ugena.

Alí, rodeado de madeiras, dálle vida coas súas mans a violíns, violas, violonchelos, contrabaixos, zanfonas, violas da gamba e instrumentos medievais. "Teño demanda de moitos sitios, pero principalmente do terzo norte de España. Para min todos os pedidos son especiais; o mesmo me ilusiona facer un violín para un estudante que para un profesional", explica o artesán.

Neste obradoiro, o visitante terá ocasión de coñecer de primeira man o seu traballo manual, tanto de reparación de instrumentos coma de construción doutros, ademais de escoitar algunha interpretación súa á zanfona.

O percorrido polo taller rematará cunha degustación de produtos elaborados de xeito artesanal por Lourdes Pombo, acompañados de diferentes bebidas (sempre sen alcol) en función da época do ano.

Enxeñeira técnica industrial de profesión, a paixón de Lourdes pola repostaría surxiu tamén moi cedo. "Sendo pequena sempre intentaba sorprender a miña nai e miña irmá con algún postre. Cando tiña doce ou trece anos xa tentei facer un follado", lembra.

Chegou un momento na súa traxectoria, animada pola maternidade, no que viu na repostaría "unha opción e un cambio de vida" para traballar preto da familia e poder gozar máis dela.

Xurdía así, hai agora catro anos, o proxecto Torta de Sarria, que toma o seu nome do postre de améndoas e castañas, estrela da marca creada pola artesá. "Tanto Xermán coma min somos de aquí e tamén pensamos neste nome coma unha homenaxe ás nosas orixes", sinala Lourdes Pombo.

Ademais de tortas, elabora outros doces como amendoados, cocadas, pastas de xarope de arce ou berveniñas, estas últimas a base de herba luisa e aceite de oliva. "As receitas son adaptadas por min e intento empregar materia prima da comarca na medida do posible ou produto galego", di.

"Eu quería que a xente probara e repetira, e iso estouno conseguindo", engade a reposteira, que soe acudir a feiras especializadas e ten xa unha clientela fiel.

Venda en medio cento de tendas e restaurantes
Lourdes Pombo comezou vendendo para "catro ou cinco" establecementos de Sarria e logrou multiplicar a súa rede ata chegar a medio cento de tendas e restaurantes de Galicia, Madrid e Barcelona. "Intento traballar sobre pedido para vender o produto acabado de facer", comenta.

Reservas
As visitas con degustación que promove xunto a Xermán Arias custan 8 euros por persoa, cun mínimo de catro. É preciso reservar antes das tres da tarde do día do encontro no número de teléfono 626.21.08.36.

 

Comentarios