Opinión

Inimigas compartindo siglas

O PEOR que lle podía suceder ao PP ocorreu, que non se presente para o liderado un candidato sólido e de consenso como Feijóo, porque provoca o choque entre Cospedal e Sáenz de Santamaría, antagonistas aínda que compartan siglas, como xa teñen escenificado. Unha vez máis cúmprese o que lle espetara Winston Churchill a un novo deputado das súas ringleiras para que o tivera moi presente, os adversarios son os dos outros partidos e os inimigos os do propio. A renuncia de Feijóo deixa o PP á intemperie nunha batalla que semella cruenta entre quen dirixiu o partido nun momento convulso, sobre todo desde que saíron á luz os papeis de Bárcenas, e a guía política dun Goberno que tivo que enfrontarse a un dos principais retos desde a Transición, a posible ruptura de España. Ambas as dúas deixaron ben pelos na gateira e agora, algo espeluxadas, están dispostas ao corpo a corpo.

Comentarios