"A industria non pide 'eucaliptar' Galicia, é unha mentira, adaptámonos ao que a sociedade queira"

Como representante da industria da transformación da madeira, o director de Finsa fala do cisma aberto co plan forestal. Fronte ás críticas, defende que o que dá cartos aos propietarios é o denostado eucalipto

 

José Carballo, presidente da Asociación Galega Monte Industria. LUIS POLO (AGN)
photo_camera José Carballo, presidente da Asociación Galega Monte Industria. LUIS POLO (AGN)

Asegurar a sostibilidade económica do monte é o mantra que repite José Carballo, o presidente da Asociación Monte Industria, nun escenario no que os intereses do sector chocan coa revisión do plan forestal trazada pola Consellería do Medio Rural, que limita a expansión do eucalipto a 25.000 hectáreas para os próximos 20 anos. Sostén que "o delito" desta especie, que algúns tachan de invasora, "é que está máis adaptada para sobrevivir" ca outras e ve "unha incoherencia facerlle a guerra á madeira", cando é o material que está chamado a relevar o petróleo e derivados coma os plásticos.

¿As posicións da industria e a Dirección Xeral de Ordenación Forestal son irreconciliables?

Chamamos plan forestal a algo que fixo o Parlamento no 1992 e tivo unha eficacia limitada nos obxectivos dos cinco primeiros anos. O máis relevante foi a creación das facultades forestais de Lugo e Pontevedra, dos distritos forestais e unha dotación económica que estaba previsto fose nun 30% para combatir os incendios e nun 70% para produción forestal e que, como amosou o Tribunal de Cuentas, evolucionou ao revés. Isto pasou no ano 1992 e nos tres seguintes. A partir de aí non se periodificaron os obxectivos ao plan forestal.

¿Que outras lecturas ten o conflito?
Pois vemos que, sen ningunha análise previa, unha dirección xeral da Xunta encárgalle a Tragsa un borrador que anda por aí e que se titula revisión do Plan Forestal. Ese papel non contesta para nada ás necesidades dun futuro que pasa pola bioeconomía nun mundo no que se están cambiando os produtos de orixe fósil por materias de orixe renovable. Non incorpora nin o que saben as universidades, nin a cadea da madeira e nin sequera ten en conta outros departamentos da Xunta. Iso non é un plan forestal. A terceira perspectiva é o que unha parte da sociedade urbana entende que é ese plan forestal. Veno coma unha vía para limitar ou eliminar o eucalipto. É un despropósito.

Semella que o que pretende a sector da madeira é ter manga ancha para estender o eucalipto polos montes...
Non é a industria a que pide ‘eucaliptar’ Galicia. É unha mentira e unha falsidade que o sector pida o terreo para plantar. A industria adáptase ao que a sociedade galega queira facer e móvese por dúas cousas: mercado e recurso. É evidente que producir nun recanto do mundo, como é Galicia, complica o tema do mercado, pois somos cada vez menos cidadáns. Pero se hai recurso, a industria adáptase e implántase aquí e se non, como pasou co contrachapado, vaise. Por outra banda, a industria é máis que o eucalipto. Ten que ver con todas as especies, coa bioenerxía, coa madeira estrutural, os tecidos da roupa e coa sustitución do plástico polo papel. Galicia ten un dilema, pois ten un problema cos lumes e o abandono rural e ten unha oportunidade: incorporarse á bioeconomía. O problema é a falta de sostibilidade económica do medio rural. Galicia pode situarse na Champions da produción dos materiais do século XXI.

¿Cómo avalían o modelo proposto para o uso da superficie forestal?

Hai unha tranquilidade absoluta entre a superficie reservada polo plan forestal vixente á gandeiría e agricultura, con 800.000 hectáreas, e a da produción de madeira. Non hai que remexer isto, porque non hai conflito. Por outra parte, coas leis que temos vixentes e sen necesidade de máis plan forestal, xa non se pode plantar eucalipto en Red Natura, que ocupa 400.000 hectáreas, nin na zona gandeiroagrícola e tampouco en áreas de frondosas, que suman outras 450.000 hectáreas. Entón, onde está o problema da ‘eucaliptación’ de Galicia? Insisto en que a produción de madeira e a actividade industrial é máis grande que o eucalipto e Ence. Pero tanto esta especie como Ence son neste momento piares importantes para a sostibilidade económica do monte.

A cadea de valor expón que hai que responder ao aumento da demanda de papel e cartón para as embalaxes do comercio online.

Como cidadáns, en moitas ocasións somos incoherentes. Gústanos utilizar o papel de cociña, os panos de mesa e o papel hixiénico, pero, que queremos? Que iso se faga en África, e desfrutar da explotación do terceiro mundo, ou asumimos que temos que fabricalo aquí?

Entón, a proposta de Medio Rural de permitir plantar 25.000 hectáreas máis de eucalipto e outras 100.000 de piñeiro, parécevos insuficiente?

Aí é onde non ten nada que dicir o Plan Forestal. Non se trata de que o poder político diga o que se pode plantar en cada sitio, é a economía. ¿Por que temos 400.000 hectáreas de Red Natura e non temos 1 millón? ¿Por que temos un salario mínimo de 700 euros e non de 5.000? Porque podemos ter o que nos podemos permitir. O problema de Galicia son os incendios e o abandono, non é o eucalipto. A sociedade galega ten todo o dereito a limitar o que queira. Que queremos máis Red Natura, si señor! Pero hai que pagala, se non o propietario abandónaa. Hai moitos que manteñen a actividade forestal e teñen o monte limpo porque teñen eucalipto. Compénsalles explotalo e, de paso, achegan bens á sociedade: depuran as augas, captan CO2 e consolidan a terra ao tempo que gañan o seu diñeiro ou complementan a súa pensión.

Qué entende por compensar as restricións?

Se se limita o acceso á actividade forestal hai que compensar a perda económica con diñeiro público. Se esiximos limpeza e despois non lle deixamos aos donos explotar os terreos, iso é populismo. Alguén pensa que porque o plan forestal diga que hai que plantar miles de hectáreas a castaño iso vai pasar?

Non o ve factible?

Non vai pasar, porque non se deixa cortar, non se deixa ter actividade económica co castaño e co carballo. Non obstante, hai un problema coa Red Natura, pois non se pode plantar piñeiro nin eucalipto e hai que preservala como está, pero está ardendo. Un exemplo é o Xurés, que está abandonado. Non abonda con declarar hectáreas de Red Natura, ao propietario hai que compensalo. É parecido ao que sucede co lobo, a sociedade galega está no seu dereito de protexer esta especie, pero non lle toca ao dono das ovellas mortas pagalas, pagámolas todos.

¿Que credes que debe facer a Xunta co borrador, que xa está na Cámara?

Alá a responsabilidade do Goberno e do Parlamento. Dende a cadea dicimos que ese debate non é o debate no que debe estar Galicia e xa o consensuamos cunha boa parte da sociedade civil. Producimos o 50% da madeira cortada en España por condicións ambientais e porque nalgunhas zonas se fai unha xestión máis que razoable, normalmente en torno ao eucalipto.

O eucalipto é o máis produtivo que ten o monte, precisámolo para ir cara a outros cultivos

¿Esta especie xa copa máis da metade das cortas en Galicia?

Non máis da metade, pero sí unha parte importante. É economía para Galicia, para o propietario e para toda a cadea. Ademais, cada ano saen das universidades galegas uns 50 técnicos e precisamos darlles traballo certificando madeira, facendo plans de ordenación ou creando empresas de servizos. Hai moito diñeiro galego e de fóra que está querendo vir á produción verde. E o presidente Feijóo sábeo, pero piden un marco regulatorio estable. Non hai mellor propietario que o que explota a súa terra, pero iso está desaparecendo porque imos para as cidades e despois desde elas emitimos doutrina. A forma de fixar poboación é que haxa empresas que poidan dar servizos a este diñeiro que está intentando entrar. Hai moitos fondos que xa tomaron a decisión de desinvestir da enerxía fósil e falan de destinar o 10% a novos materiais. Chaman á porta, a nós veñen vernos porque queren investir en Galicia.

Como o conxugamos con que moitos comuneiros teman que con estas estratexias se privaticen os montes?

En absoluto. Son as empresas de servizos galegas as que van poder facer estes traballos onde os propietarios marcharon á cidade ou en comunidades de montes que quedan sen capacidade de xestión, por quedaren en mans de persoas maiores. ¿Quen o vai facer? As asociacións de propietarios e as empresas de viveiros, as que plantan, podan e desbrozan. Estanas creando os técnicos que saen das universidades. Os urbanitas non van volver para explotar as actividades gandeiras ou forestais das súas leiras.

Non abonda con declarar hectáreas de Red Natura, aos propietarios hai que compensalos se non poden ter actividade económica

Non ve rendibles especies autóctonas coma o castiñeiro ou o carballo?

É un tema económico. O eucalipto é o máis produtivo que ten o monte galego, necesitámolo nos vindeiros 20 anos para ter a oportunidade de evolucionar cara a outras cousas. Aquí hai varias empresas que traballan o carballo para decoración e para doelas de pipos que van para o whisky de Escocia e a madeira impórtase. Cunha xestión forestal sostible e se deixasen cortar carballos habería posibilidade de que a xente plante varias especies. Pero mentres se constrúe isto, o que non se pode é quitar o único que hai. Por outro lado, o mercado é global. Saen barcos con madeira de Galicia para China e iso é economía produtiva, grazas ao que moitos dos nosos fillos aínda poden traballar aquí. Ademais, as normas que regulan hoxe a sostibilidade son as da certificación forestal. Pero non temos un inventario forestal, nin un plan estratéxico e tampouco certificación forestal, pois nin os montes que xestiona a Xunta o están. A maneira de preservar as ribeiras e as zonas de frondosas é esta, pois se quero certificar eucaliptos e piñeiros obríganme a ter unha parte a frondosas. É un modelo global. Estamos traballando nisto coa Axencia Galega da Industria Forestal [depende da Consellería de Economía], pois con outra parte da Xunta é imposible.

O que sí lograron foi reducir a burocracia nos permisos de corta.

Si, iso vai na boa dirección. Pero, hoxe por hoxe, só afecta ao 18% do territorio onde hai cortas. Ademais, algunhas administracións reaccionan de forma desmesurada, aínda que estamos negociando. Pero isto non sae de Medio Rural, senón da Lei de Fomento da Implantación Empresarial da Consellería de Economía.

Ademais do descontento que xerou a fixación do 31 de maio como límite para ter limpas as franxas que arrodean as casas, hai preocupación por que baixe o prezo da madeira...

O problema do decreto é o custo que a Asociación Forestal de Galicia avaliou en 50 millóns de euros e que a Xunta e a sociedade cargamos aos propietarios. A industria non move os prezos tódolos días, aínda que vendemos o 50% das unidades produtivas fóra da Península en concorrencia con todo o mundo. O mercado é global e os propietarios tamén poden buscar mellores prezos noutro sitio.

Comentarios