Golpe a unha rede criminal en Ribeira: oito detidos e 87.000 dólares falsos incautados

A simulación dos billetes tiña tanta calidade que resultaba moi difícil detectalos, polo que foron cualificados como de alto perigo
photo_camera Os dólares falsos incautados. EP

Axentes da Policía Nacional detiveron na localidade coruñesa de Ribeira a oito persoas como presuntos responsables dunha das organizacións criminais máis activas na introdución de billetes falsos de dólares estadounidenses. Intervéuselles algo máis de 87.000 dólares, o que supuxo unha das maiores incautacións desta moeda realizadas en España.

A investigación policial comezou durante o pasado mes de outubro, cando se detectou a aparición de billetes falsificados e a súa introdución no circuíto financeiro a través de diversas entidades bancarias de Ribeira e dalgunhas localidades das súas inmediacións.

Inicialmente, identificouse a un mozo, que resultou ser a persoa máis activa da organización. Posteriormente, detectouse que outro mozo e unha moza comezaron a introducir novos billetes falsos desta moeda en distintas entidades bancarias. Os billetes desta última parella correspondían ao mesmo indicativo que os introducidos previamente, o que fixo supor que existía relación entre eles.

As denuncias e as cámaras de seguridade dos establecementos permitiron comprobar que, nalgúns casos, acudían xuntos para realizar o cambio de divisas. Na maioría das ocasións, facían os ingresos nas súas propias contas das que eles mesmos eran os titulares.

Tras a análise dos billetes por parte da Policía Nacional, determinouse que se trataba dunha falsificación de moi boa calidade e difícil de detectar, polo que foron catalogados como de alto perigo, constatando que procedían dunha imprenta situada fóra das fronteiras españolas.

TRÁFICO DE DROGAS. Os seguimentos realizados sobre os investigados revelaron as súas rutinas e o lugar de residencia de cada un deles. Ademais descubriuse que tamén poderían estar relacionados con algúns delitos de tráfico de drogas e cun caso de roubo con forza realizado na zona onde viven. Para rematar, pescudouse que a moeda falsa foi facilitada por outro cidadán español que actualmente se atopa nunha prisión de Suecia por un delito de tráfico de drogas e falsificación de moeda.

Todas estas xestións permitiron a identificación de todos os membros da organización e a súa detención na localidade de Ribeira e noutras zonas próximas. Aos oito arrestados intervéuselles algo máis de 87.000 dólares estadounidenses, unha das maiores incautacións de dólares falsos realizadas en España. Dáse por desarticulada unha das organizacións criminais máis activas na introdución desta moeda en territorio nacional.

Comentarios