Alfredo Bea: "Impactoume remar en Atlanta con 20.000 persoas animando"

Alfredo Bea, catro veces olímpico en piragüismo, relembra os tempos nos que loitou contra os mellores do mundo na maior cita do deporte internacional. Doce anos despois da súa última aparición olímpica, en Atenas 2004, fai unha valoración da súa vida deportiva e dos equipos galego e español en Río
Alfredo Bea, no Pontillón de Castro coa súa pala, a antorcha olímpica dos seus últimos xogos e a mascota dos primeiros
photo_camera Alfredo Bea, no Pontillón de Castro coa súa pala, a antorcha olímpica dos seus últimos xogos e a mascota dos primeiros

Incombustible é a palabra que mellor define ó canoísta Alfredo Bea (O Grove, 1969). Ás costas leva o enorme peso de acudir a catro citas olímpicas, entre as que se atopan a de Barcelona 92, Atlanta 96, Sidney 2000 e Atenas 04. A día de hoxe, as piraguas seguen sendo unha constante na súa vida, pois é o actual presidente da Federación Galega de Piragüismo. Xunto con David Mascato, o seu compañeiro de aventuras, formou un dos mellores C-2 que veu España, non só polos seus impecables resultados en probas internacionais, senón tamén polo tempo que permaneceron no cumio.

Pensas que as catro edicións dos Xogos Olímpicos nas que participou son moitas?

Fun a catro como podería ir a cinco, xa que con 18 anos estaba preparado para acudir a Seúl, pero a Federación Española non me deixou competir e ó final non houbo ningunha embarcación de España na proba de C-2 500.

Notou unha diferenza moi grande duns xogos a outros?

Si, sobre todo na organización. Na Villa Olímpica de Barcelona estabamos moito máis preto da pista. En Atlanta, Sidney e Atenas o lugar onde estabamos hospedados xa estaba máis lonxe do campo de regatas.

Entón Barcelona foi a mellor cidade olímpica na que competiu?

Cada cita olímpica tivo as súas cousas. Barcelona estivo moi ben porque estaba todo dentro da cidade e todo era máis próximo. A nivel público a máis espectacular foi Atlanta. Organizativamente non estivo tan ben, pero o número de persoas que moveu foi incrible, porque había nas gradas preto de 20.000 persoas berrando e animando coma tolos ós piragüistas, algo que eu nunca vivira e que me impactou bastante. No que se refire á cobertura mediática hai que dicir que cada ano se supera porque as tecnoloxías permiten chegar antes á información, pero iso é algo que hai que controlar moito.

Os Xogos Olímpicos cambian moito con respecto ás competicións mundiais?

Non teñen nada que ver. Nin sequera a preparación ten nada que ver, é totalmente diferente. É coma no fútbol, xogar a liga está moi ben pero ir a un Mundial é outro nivel. Ademais, o que notei foi que a segunda vez que acudín a un evento olímpico non me impactou tanto a voráxine, porque estar nunhas instalacións de tal magnitude pode axudar a descentrarte na competición.

Dopaxe É algo que sae agora pero que leva sendo moito tempo un segredo a voces no mundo do piragüismo

Á súa primeira cita olímpica foi con tan só 22 anos. Como é para alguén desa idade estar presente nun acontecemento tan importante?

O bo foi que eses xogos foron na casa, en Barcelona. Iso tamén fixo que a responsabilidade fose enorme, sobre todo porque todo o equipo nacional saíu cuns resultados que non eran os esperados. Eu, por exemplo, durante ese ano e o anterior estaba entre os seis mellores do mundo sobre a distancia de 1.000 metros e en Barcelona non cheguei á final.

Xa máis tarde, en Sidney 2000, acadou o cuarto posto. Que se sente ó estar rozando o podio?

Por unha banda é unha gran alegría quedar cuarto xunto con David Mascato nuns Xogos Olímpicos e, por outra, unha mágoa quedar ás portas da medalla. Despois de remar sempre pensas moitas cousas, como que se apurasemos un pouco nos primeiros metros ou que se as condicións meteorolóxicas fosen diferentes se cadra agora tería unha medalla olímpica entre as mans.

Cal é a anécdota que lle vén á cabeza ó falar sobre os Xogos Olímpicos?

Sempre lembrarei que despois de remar unha final en Sidney,fun chamado para ir á proba de dopaxe e, para facela, hai que meterlle moita auga ó corpo, en total uns tres ou catro litros. O que non contaba era que ó rematar tiña un traxecto de case dúas horas dende a pista ata a onde era a cerimonia de clausura daqueles xogos, que coincidira coa nosa última proba. Cheguei case chorando, pero ó facelo sentín unha ilusión tremenda.

Como ve o equipo de piragüistas galegos que están en Brasil?

Eu véxoos moi ilusionados, coma min. Todos eles saben, da mesma forma que o sei eu, o duro que é adestrar para estar aí, sobre todo tendo en conta as condicións meteorolóxicas que hai en Galicia durante o inverno.

Bota en falta máis galegos que vaian remar nestes xogos?

Danme pena outros moitos piragüistas que estiveron loitando por estar aí, xa que tivemos un amplo conxunto de padexeiros galegos co soño de estar en Río, entre os que estaban Carlos Arévalo, Tono Campos, Ana Varela ou Diego Romero. O que pasa é que no piragüismo hai unhas prazas moi limitadas para acudir a este tipo de eventos, polo que en Galicia temos algúns finalistas en competicións mundiais que quedaron sen ir. Se se tratase doutra disciplina, igual estes deportistas estarían nos Xogos Olímpicos.

Cantas medallas pensa que conseguirá España en Río de Janeiro?

Eu creo que estaremos rondando a media, sobre 15 ou 20. Sería un gran logro para los deportistas superar a vintena. Baixar da quincena querería dicir que o 2016 non sería o mellor ano para o deporte español.

Que opina sobre os casos de dopaxe de Estado que se destaparon ultimamente?

Pois mira, por fin descubriron algo que xa se sabía. Na miña vida deportiva quedei en cuarta posición sete veces en campionatos do mundo e Xogos Olímpicos, entón sei que moitos dos que estaban alí competindo comigo, entre os que se atopaban rusos, bielorrusos, rumanos e húngaros, ían ben coidados polos seus países. É algo que sae agora pero que leva sendo durante moito tempo un segredo a voces, a ver se agora vén a luz. Agora o que espero é que se tomen as medidas oportunas para erradicalo para que haxa unha maior seriedade e tamén que se controle máis ás federacións nacionais e internacionais.

Más en Deporte General
Comentarios