Mato: "Imos recuperar as viñas do Loio para producir e para o turismo"

O rexedor de Paradela di que nunca pensou verse nunha situación coma a actual nos máis de 40 anos que leva como alcalde
José Manuel Mato. VILA
photo_camera José Manuel Mato. VILA

É alcalde de Paradela desde 1979, pero aínda di que o seu é un traballo temporal suxeito a renovación de contrato cada catro anos. José Manuel Mato está orgulloso porque os seus veciños xa llo levan revalidado once veces e sempre con maioría absoluta. Ante eles, responde.

Leva máis de 40 anos sendo alcalde. Algunha vez pensou verse na situación actual?
Non. Houbo épocas difíciles, pero así non.

Aféctalle moito a pandemia ao traballo no Concello?
As oficinas están operando ao cen por cen, pero con límite de aforo, e non se fan reunións cos veciños coma antes. Esta situación afecta a todo. Por exemplo, a señora Ramona cumpriu 100 anos e, en vez de celebralo con ela na súa casa, como facemos sempre cos centenarios, levámoslle a torta e pouco máis que lla deixamos na porta.

Paradela ten moita poboación maior. Supoño que nestes momentos precisan atención especial.
Estamos moi atentos por se alguén necesita algo, tanto maiores como persoas con algunha dificultade. Temos varios veciños de máis de 100 anos e un de 104. Iso é porque en Paradela hai calidade de vida.

Tras o confinamento houbo xente das cidades que decidiu ir vivir ao medio rural. Notaron algún movemento deste tipo en Paradela?
Si, houbo un incremento de poboación importante por ese motivo. Unhas cinco familias retornaron de Cataluña, algunhas con nenos, e outra xente chegou desde Asturias, de Lugo e doutros lugares.

"Tras o confinamento houbo un incremento de poboación chegada das cidades"

Tiñan relación con Paradela?
Algúns si, voltaron ás casas familiares, pero outros non tiñan relación. Alugaron vivendas e algún está buscando para comprar.

Sabe por que escolleron o seu concello?
Gústalles o rural e Paradela é un bo lugar para vivir. Estamos a 30 minutos de Lugo, a unha hora de Santiago, a dúas de Vigo, e temos 18 parroquias cheas de soutos, carballeiras, un agro potente cunha xeración máis que noutros concellos xa se perdeu.

Os novos veciños traen proxectos para Paradela?
Sei que uns alugaron unha explotación agraria dun veciño que se xubilou, e outro que era marmolista en Barcelona vendeu o seu piso aló e ten un proxecto para instalarse no polígono.

Vaise asentando o polígono?
Hai cinco naves traballando. Ademais, temos un viveiro de empresas a punto para empezar a funcionar. Estamos esperando a que a Deputación o dote de enerxía eléctrica para sacar a concurso os espazos e poder impulsar a creación de novas empresas. Hai que ir asentando industria, ao tempo que coidamos da calidade de vida dos veciños. Iso é fundamental tamén para o medio urbano. Se non hai quen conserve o rural mal lle vai ir á cidade.

"Estamos esperando pola Deputación para sacar a concurso so espazos do viveiro de empresas e impulsar proxectos"

Que proxectos ten para revitalizar o rural?
Queremos recuperar os soutos abandonados e tamén as viñas da zona do Loio, tanto para produción como para reclamo turístico a través de rutas de sendeirismo. Mesmo se poderían recuperar as casetas das viñas como aloxamentos de fin de semana. A ruta do Loio é moi transitada. Está declarada espazo natural de interese local e ten un valor que debemos explotar e promocionar.

Hai que aproveitar o que vén dado, non?
Si, temos moito potencial. Tamén estamos procurando agrupacións de terras para que quen as necesite poida dispoñer delas. A concentración parcelaria é moi lenta e hai que procurar que os propietarios das fincas faciliten o proceso para que se poidan aproveitar as parcelas que non se usan.

Supoño que este ano non espera gran cousa do Camiño de Santiago, aínda que sexa Ano Santo.
É insólito non ver xente. Por Paradela sempre se vía movemento de autobuses, de coches de apoio... e non hai nada. Impresionoume moito ver Portomarín baleiro e Santiago igual. O Camiño sempre foi para nós un manancial de riqueza e de cultura, e tamén a ponte que nos sitúa no mundo. Sempre foi a máis ata este momento e o noso traballo agora é mantelo a punto para que cando sexa posible moverse estea todo listo para recibir peregrinos.

En Paradela está o quilómetro 100 desde Santiago, os metros xustos que hai que percorrer a pé para recibir a compostela. Ten pensado algo para aproveitar esa circunstancia cando se poida?
Si. Ese punto está no lugar da Pena e faremos unha obra para destacalo. Eu mesmo, como peregrino que son, estou esperando a que abra o Camiño para poder percorrelo unha vez máis desde ese lugar.

Comentarios