A ilusión do avó, os callos da avoa

Un dos locais máis míticos de Castro conmemora os seus 65 anos de existencia. Jesús Rodríguez e Sara Fernández abríano no 1952, a súa filla María e o seu home, Manuel Blanco, asumiron a xestión hai pouco máis dunha década e hoxe a terceira xeración xa está involucrada no negocio

O equipo do restaurante Suso de Castro. EP
photo_camera O equipo do restaurante Suso de Castro. EP

Jesús e Sara casaron en xuño de 1952, pero tiñan tan claro o que querían facer no seu futuro que xa en marzo, o día de San Xosé, abrían as portas do Suso, un deses negocios de antes onde tanto podías tomar un viño coma mercar produtos de alimentación. Para convertérense en emprededores, alugaron unha casa na Praza de García Abad de Castro, onde hoxe está a oficina de Abanca.

Sara, nativa do lugar, xa tiña experiencia, pois a familia tivera un bar, e Jesús, de Duancos, achegaba moreas de ilusión. O desexo de continuidade de ambos levounos a mercar, apenas uns anos despois, unha vivenda que se vendía ao pé da Carballeira de Castro e ata alí trasladaron o negocio. Inicialmente non servían comidas, senón que poñían a bebida para os que viñan ás festas e ás feiras -daquela eran o día 8 e último sábado de mes-, que traían a comida consigo.

Para mellorar a atención, Sara, a responsable da cociña, comezou a preparar os callos para eses días, un prato que triunfou e foi a razón do posterior incremento da carta, o xermolo do actual restaurante. E esa tradición dos callos do Suso perdurou ata o día de hoxe. Seguen servíndose todos os mércores, polo mercado, usando a mesma receita de sempre, custodiada agora por unha das netas de Sara, Rosana Blanco Rodríguez.

Ela forma parte da terceira xeración deste histórico negocio, do que hai doce anos, logo do pasamento de Suso, asumiron as rendas a filla máis nova do matrimonio fundador, María Jesús Rodríguez -xa levaba varios anos axudándolle aos seus pais xunto con súa irmá Concha-, e o seu home, Manuel Blanco Trigo.

"Ao falecer o meu sogro pensouse en pechar, pero el sempre pedira que isto seguise, era a súa ilusión, así que quedamos con el", lembra Manuel, que se mantén á fronte dun establecemento que ten entre as súas especialidades a carne de raza autóctona limiá -un irmán de Manolo ten unha gandería en Castro de Rei-, as carnes á grella, as ameixas á mariñeira ou o cordeiro ao forno, e no que traballan oito persoas, cifra que sobe a doce os días de feira.

E malia que os tempos cambian, o restaurante Suso segue a ser un negocio familiar. Ademais de María e de Rosana, cando pode axuda Rocío, a filla máis pequena do matrimonio. Ademais continuou traballando Concha, e tamén se incorporou o seu fillo Manuel Grueira.

Diante dos fogóns das cociñas do Suso, ocupando o lugar que durante décadas presidiu a súa avoa, aos seus 23 anos Rosana está chamada a darlle continuidade ao restaurante familiar. Aínda que probou sorte no mundo da música, o negocio "sempre me gustou".

"Eu sempre estaba aquí, falando coa xente. Lembro que o meu avó xa me aprendeu a facer cafés con oito anos e a miña avoa, a facer os callos", di, "moi contenta" polos pasos dados polo momento. A paixón pola respostería levouna a estudar cociña no IES San Xillao de Lugo e a volver á casa, decisións que seus pais apoian.

"Gústalle, ten un carácter válido e sabe tratar a xente; eu estou contenta porque queira seguir, porque a ilusión do meu pai era que isto tivese continuidade", di María, ao tempo que bota a vista atrás: "Eu nacín aquí e tanto os meus dous irmáns coma min traballamos nisto". Os seus pais ensináronlles co exemplo. "Eles empezaron en nada e eu fun vendo como facían e co tempo tocoume, e tócame, facer de todo, cociña, comedor, barra...onde hai apuro, alí vou", resume María Jesús.

Este restaurante de Castro de Ribeiras de Lea mantén vivo o espírito co que Suso e Sara o puxeron en marcha, malia a que se foi adaptando aos tempos. O cambio máis importante, logo de que décadas atrás se comezase coas comidas ou se suprimise o ultramarinos, foi a ampliación feita hai tres anos.

Púxose un forno de leña, reformouse a cociña incorporando unha grella, construíuse unha bodega e incrementouse a capacidade do local ata os 220 comensais, aproveitando a antiga horta para construir un novo comedor, un espazo para a memoria bautizado como O soño de Manuel María.

O nome lembra tanto aos continuadores da saga coma ao poeta Manuel María, o escritor favorito de Manuel, e que, coma el, é nativo de Outeiro de Rei. Ademais, dunha das paredes pendura a imaxe dos fundadores, unha sorpresa que emocionou especialmente a Sara.

"A miña nai baixabámola -finou hai pouco máis dun ano- os domingos e sempre dicía que daba gusto velo, pero o que nunca se me olvidará foi a emoción que sentiu ao ver o cadro, chorou coma unha nena. E despois sempre nos dicía: Levádesme ver a foto?. Fíxolle moita ilusión, foi o mellor regalo que se lle puido facer", lembra María, ilusionada porque o soño dos seus pais siga soprando candeas.

DESEXOS CUMPRIDOS

Jesús Rodríguez López e Sara Fernández Trapero - Restaurante Suso de Castro
Jesús Rodríguez López e Sara Fernández Trapero fundaron en 1952 o restaurante Suso de Castro. Hai tres anos, cando se aumentou o negocio cun novo comedor, colocouse neste un retrato da parella, acompañado coa lenda ‘1952. Desexos cumpridos’.

 

Comentarios