Opinión

A ignorancia do ministro

O MINISTRO de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, astronauta e enxeñeiro aeronáutico, menosprezou dous meses atrás o ensino público, confesando ademais que el mesmo tivera que levar os seus fillos a un colexio privado, porque nese ámbito tomaban máis en serio o ensino dos idiomas. Pedro Duque realizou estas polémicas declaracións na cerimonia dos VII Premios Educación y Libertad, que convoca a Asociación de Centros Autónomos de Enseñaza Privada (ACADE), e tamén dixo que "a educación privada sempre vai correndo por diante da pública teimando en ofrecer unha excelencia maior".

Atrás ficaban as críticas dunha parte moi importante da comunidade científica, que viu un certo 'clasismo' detrás do termo 'excelencia' empregado polo ministro

O ministro Pedro Duque, que foi seleccionado no seu día como Astronauta Científico para unha misión do Spacelab, mantén unha posición inequívoca contra as denominadas pseudociencias, caso da homeopatía, mais demostra non aplicar criterios de obxectividade, e si de grave descoñecemento, cando se refire a temas que afectan á educación. Debera saber o ministro que a educación privada no Estado español, particularmente no que atinxe á área de idiomas, non está por riba da educación pública, pois o número de colexios bilingües públicos é superior ao dos concertados. E no tocante ao ámbito das universidades, só unha universidade privada (en sétimo lugar) figura entre as dez primeiras do Estado español.

Así as cousas, o ministro tamén debera saber que, entre os países de Europa, España é o que conta con menos escola pública e máis concertada. Mentres a media de escolarización pública en Europa é do 81%, en España anda polo 68%. E, por certo, a Igrexa católica en España é propietaria e 'directora' do 60% dos centros privados con prazas subsidiadas. ¿Que opina o ministro sobre o feito de que a Igrexa controle seis de cada dez centros de escola concertada en España?

Finalmente, o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, vistas as reaccións producidas pola súa 'valoración' do ensino privado, afirmou que se trataba de palabras súas "fóra de contexto". Atrás ficaban as críticas dunha parte moi importante da comunidade científica, que viu un certo 'clasismo' detrás do termo 'excelencia' empregado polo ministro. Algo que o estudante Paco Tomás y Valiente, Premio Extraordinario de Bacharelato e alumno do IES madrileño Ramiro de Maeztu, ten máis claro que Pedro Duque: "Menos excelencia y más equidad. La calidad educativa no puede reducirse a la excelencia académica".

Comentarios